Amosando publicacións coa etiqueta Roma. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Roma. Amosar todas as publicacións

26/05/12

ARCO DE TRIUNFO DE TITO




CATALOGACIÓN

Edificación conmemorativa de carácter civil e con función propagandística do seu promotor, levantado no século I d.C. en Roma, na Vía Sacra a carón do Foro e do anfiteatro Flavio. No caso que nos ocupa o arco de triunfo foi levantado polo emperador Domiciano para celebrar as vitorias sobre os xudeus e a toma de Xerusalén do seu irmán, o xa defunto emperador Tito, no ano 70 d.C.. A cartela do ático contén a dedicatoria que indica: O Senado romano e o pobo de Roma ó divino Tito, fillo do divino Vespasiano, Vespasianus Augustus.
O seu autor é descoñecido, como habitualmente pasa na arte romana, posto que o artista non goza de recoñecemento social.
En principio os arcos de triunfo foron construcións provisionais en madeira que se erguían, e despois se desmontaban, como ornamento para recibir as tropas triunfais que volvían a Roma. Posteriormente optouse por facelos definitivos e con carácter monumental a fin de constituír unha mostra permanente das campañas e dos honores dos seus promotores.
Os arcos de triunfo son construcións en pedra, exentas, con número impar de vanos e decorada con relevos alusivos ós feitos e persoas que conmemora


CONTEXTO


....
As edificacións conmemorativas son unha peculiaridade da arte romana, xunto cos arcos de triunfo como este de Tito, o de Septimio Severo ou o de Constantino, todos en Roma, convén destacar o de Bará en Tarragona.
Son tamén construcións conmemorativas as columnas, sendo a mellor exemplificación a Columna de Traxano en Roma.


ANÁLISE


O arco de Tito, o máis antigo que se conserva, é de planta rectangular, en cantería de pedra e consta dun só vano en arco de medio punto entre dous grandes piares. En alzado diferéncianse tres partes:

- Un primeiro corpo, o podium a modo de basamento. 

- O segundo, o corpo principal, separado do podium por unha liña de impostas, configurase en tres rúas, a central con vano en arco de medio punto e dúas laterais cegas amodo de grosos piares con fornelas rectangulares cegas e pares de semicolumnas adosadas decorativas, de capiteis compostos, fustes lisos nas caras exteriores e estriado nas centrais.
Sobre elas arrinca o entaboamento formado por unha arquitrabe de tres bandas, friso con relevos representando o desfile triunfal das lexións romanas, e cornixa.
Nas enxutas do arco de medio punto, vitorias aladas dirixíndose á clave onde se presenta sobre ménsula  unha figura alegórica da virtude. 



A bóveda interior resultante do vano é de canón con casetóns. No seu centro, unha apoteose de Tito levado ó ceo por dúas aguias.

- Por último, o ático, que parte da cornixa e coroa a construción, porta, no centro a monumental inscrición coa dedicatoria dentro da cartela.

Como é característico da arquitectura romana, nesta obra tamén se combina a estrutura alintelada grega co arco e o abovedamento. Esa combinación de arco-lintel é posible grazas ás enxutas que se retraen do plano exterior.
Especialmente interesantes resultan os relevos que se superpoñen á construción no friso, nas enxutas, na bóveda e, especialmente, nos dous paneis interiores baixo a bóveda que presentan a entrada triunfal de Tito, o ano 70 d.C., na arrasada Xerusalén e o desfile dos trofeos collidos aos xudeus, son pois dous relevos históricos. Son dous paneis rectangulares en altorrelevo situados a media altura, han de ser obra dun taller distinto tendo en conta a súa maior calidade. 
Un recolle a celebración do triunfo: o emperador Tito, avanza sobre unha cuadriga guiada pola deusa Roma que volve a cabeza cara a el, mentres unha Vitoria o coroa como heroe. Xunto do carro, as figuras alegóricas do Xenio do Pobo Romano -home xove do torso espido- e do Senado -home de máis idade togado-, diante unha serie de lictores cos seus fasces e coroados de loureiro. A disposición diagonal dos cabalos da cuadriga recorda a disposición dos xinetes do friso das Panateneas no Partenón de Atenas.
No lado oposto, o outro panel amosa o desfile triunfal das lexións vencedoras transportando o botín e entrando pola Porta Triunphalis, porta coroada por dúas cuadrigas. Recoñécense obxectos do templo de Salomón, o máis prezado botín, as trompetas de prata, o altar de ouro -Arca da Alianza- e o candelabro de sete brazos -a Menorah-.



En ambos paneis empréganse distintos planos de profundidade, desde o moi alto do primeiro ata moi baixo no derradeiro, para crear espazo o que xera fortes contrastes de claroscuro. Pero ademais para lograr maior plasticidade, cada friso cambase de xeito que a parte central adquire unha convexidade que se vai suprimindo cara ós laterais, tal efecto resulta máis notorio no panel de Tito. É de destacar igualmente o xeito no que a Porta Triunfalis se dispón en perspectiva, incluso semella que o cortexo xira para penetrar por ela.
O tratamento das figuras responde ó realismo romano, lonxe da estilización grega, pero cun logrado estudio do movemento e do detalle das actitudes.
A pintura, hoxe perdida, completaría a grandiosidade do efecto pictórico destes relevos nos que realmente parece que hai aire entre as figuras, o que aínda non se apreciaba na Ara Pacis.
En síntese, un arco de triunfo de traza sinxela completado con relevos de alta calidade técnica.





07/09/10

AUGUSTO DE PRIMA PORTA

CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo que foi encontrada no 1868 nunha de Livia, a súa esposa, na localidade de Prima Porta, un suburbio preto de Roma.Tratase dunha copia tallada en mármore, mentres que o orixinal estaba fundido en bronce ou en ouro, segundo algúns historiadores.
Presenta a Augusto, a escala superior á normal (altura superior ós 2 m), primeiro Emperador de Roma, nun retrato idealizado, de corpo enteiro e de pe, en actitude de arengar ás tropas
Corresponde á arte romana do s.I a.C.
Non hai un autor ou autores recoñecidos, en todo caso, a autoría non ten maior relevancia na arquitectura romana, o relevante é quen encarga as obras, é dicir o Estado, polo que sempre son símbolo do poder imperial ó tempo que se someten ós principios vitruvianos de venustas, firmitas e utilitas.


CONTEXTO

O mesmo

ANÁLISE

Moito ten que ver a obra co Doríforo de Policleto -aínda que renunciando á nudez-e co clasicismo grego do s. V a.C. (contraposto, idealización, tratamento dos panos) pero as variacións son tamén notables: menor sinuosidade, maior dinamismo, verismo e, sobre todo, unha significación política engadida que a obra de Policleto non tiña.
O retrato ten en Roma unha grande tradición que parte das imagines maiorum, máscaras en cera dos defuntos familiares que se gardaban no fogar. Nelas non existe a idealización grega, hai unha maior conexión co realismo etrusco, pois o que se procura é a identificación do personaxe.
Sen embargo no Imperio impúxose o clasicismo, maior cando se trataba de retratos oficiais dos emperadores, este é o caso da obra que nos ocupa. No Alto Imperio difundíronse novos modelos: o retrato togado, como lexislador; o modelo divinizado con atributos dalgún deus; e o retrato toracato, como cónsul cum imperium.
Este último é o modelo de Augusto de Prima Porta, por iso viste túnica curta, coiraza e manto consular, paludamentum, que vai enrolado na cintura formando amplas e profundas pregas que se continúan na caída dese mesmo lado.
Para resaltar a relevancia do personaxe vai descalzo coma os antigos heroes olímpicos e engade no lado dereito unha figura do pequeno Eros cabalgando un golfiño, símbolo da estirpe de Augusto (Gens Iulia) procedente de Venus a través de Ascanio, o fillo de Eneas. Esta figura de Eros serve tamén para dar estabilidade á obra en mármore, engadido que non tería o orixinal en bronce.
Está pensada para ser vista de fronte, iría diante dun muro, polo que a parte posterior está menos traballada
Compositivamente domina a liña vertical por estar de pe, en actitude estática. Pero o contraposto, con oposición de relaxación entre os membros, dinamiza a figura, creando toda unha serie de contrastes. Se a perna dereita está en tensión, por soportar todo o peso do corpo, recta e co pe firmemente pisando o chan, a perna esquerda está relaxada, en marcada flexión, e retrasada tocando o chan só coas dedas do pe. Paralelamente o brazo dereito alzase e adiantase, o dedo índice sinala ó fronte, e ó alto divindade- mentres o brazo esquerdo se dobra e retrocede -mortalidade-, nesa man portaría o bastón consular. Os movementos de todas as extremidades quedan así equilibrados, o brazo erguido rompe o estatismo e crea profundidade, configurando unha forma máis aberta.


Esta disposición non chega a repercutir claramente nas liñas de cadeiras e ombreiros que se manteñen bastante horizontais acentuando a sensación de solidez e firmeza, reforzada pola cabeza que tampouco chega a xirar.
En canto á actitude, en disposición de arengar as tropas, domina a serenidade e se reafirma a autoridade que, en última instancia era o obxectivo da obra. Nin sequera no rostro, exacto na fisonomía, hai expresión aínda que afonda no carácter psicolóxica, vemos un político seguro de si mesmo pero un home introvertido, melancólico, de mirada sombría, prudente, maxestoso sen estridencias como quen se sabe portador e responsable dunha gloriosa herdanza. Prima o verismo propagandístico que subliña de xeito inequívoco, o carácter divinizado e de poder e que enaltece ó personaxe, algo ben propio do mundo romano.

Se xa os pes descalzos e a presenza de Eros, eran un claro signo de divindade, os relevos da coiraza aluden ás glorias que Augusto deu a Roma: o triunfo das súas lexións e a Pax romana.
No alto (A), o Ceo estende o seu manto sobre o Universo e a Aurora guía a cuadriga do Sol, precedida por lo Rocío (cunha xarriña) e por Fósforo (cunha antorcha), a estrela matutina; abaixo  (B) a Terra, Tellus, con dous nenos e unha cornucópia; no centro (C), Marte representando a Roma e a Loba Capitolina recollen as enseñas dos vencidos partos, corresponde pois a unha escena do Cosmos que ten lugar entre o Ceo e a terra; nos laterais, as terras recén conquistadas e pacificadas : Hispania (D) e Galia (E); e os deusses favoritos de Augusto: Apolo cabalgando un grifo (F) e Diana sobre un cervo (G). O conxunto simbólico entrelaza relixión, política e liñaxe.

Interesante resulta o tratamento das texturas: a lixeireza da túnica, a pesadez do manto, a dureza da coiraza e a brandura da anatomía.
Conserva leves restos da policromía orixinal que permiten deducir as cores empregadas: púrpura, azul, dourado.
En síntese, unha obra significativa da evolución do retrato romano que combina o clasicismo grego na linguaxe formal coa tradición naturalista romana, e que serve para presentar a Augusto como vitorioso, inmortal, garante da orde e representante dos deuses.



  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir