Amosando publicacións coa etiqueta Scopas. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Scopas. Amosar todas as publicacións

07/09/10

SCOPAS: Ménade danzante



CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo que representa unha Ménade, coñecida como danzante ou furiosa, é dicir unha das seguidora dos rituais dionisíacos nos que, arrebatada pola ebriedade e maila danza, abandona o seu corpo ó frenesí do éxtase que a invade.
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo tardío do s. IV a.C.,
A obra orixinal realizada en mármore non chegou ata nosoutros pero coñecémola polas copias romanas.
O seu autor é Scopas quen traballou principalmente en mármore e á quen se atribúen os relevos do Mausoleo de Halicarnaso e a cabeza de Meleagro.

CONTEXTO

Atenas é derrotada por Esparta na guerra do Peloponeso o que pon fin ó gran período do dominio de Atenas e de Pericles.
Se ate o momento o principal cliente era o goberno da poles, agora crece a clientela privada, o mercado da arte e o interese por coleccionar.
A arte rompe cos grandes ideais e xira cara ao que se aprehende polos sentidos, a procura do inmediato, ao realismo que se materializa na fidelidade da aparencia antes que esencia, de aí ven o desenvolvemento do retrato. Tres grandes escultores da etapa representan tendencias diverxentes, dunha parte a expresión de emocións líricas, a charis de Praxíteles, doutra o dramatismo, o pathos de Scopas, e coma unha síntese a obra de Lisipo.
En conxunto perséguese o prototipo de beleza ideal pero afondase nos sentimentos e no movemento, estilizase o canon, barroquizanse as formas e acentuase o naturalismo, incluso os deuses aparecen moito máis humanizados seguindo a liña de Fidias aínda que sen a súa maxestosidade. En definitiva desaparece a férrea ortodoxia do equilibrio, harmonía e proporción. Unha das grandes novidades é o nu feminino, ata o momento reservado ás figuras masculinas. Todos estes cambios son precedente do helenismo.


ANÁLISE

O mesmo tema serve para romper coa perfección harmónica do clasicismo, pero ademais está o pathos, é dicir a expresión do sentimento tráxico e patético da vida que leva ás obras de Scopas a unha acentuada tensión, unha expresividade máxima e á distorsión das formas que claramente o separan dos principios de equilibrio e proporción.
A Ménade, entolecida polo viño e o baile, aparece medio espida pois a vestimenta ábrese deixando ver de xeito provocativo a metade esquerda do seu corpo como consecuencia do vertixinoso movemento. O corpo presenta unha violenta torsión que ven configurar unha espiral, acentuada pola disposición do torso cara atrás e da cabeza cara arriba. Esta disposición helicoidal leva o movemento ó exterior (o que fará logo Miguel Anxo)
O dinamismo repercute en todos os elementos: na vestimenta, cinguida á altura do abdome, dobra con pronunciadas pregas, na melena caendo en desorde polo dorso e, posiblemente, nos brazos en alto. O rostro case cadrado con ollos afundidos e boca entreaberta como era habitual noutras obras súas, expresa a emoción, a tensión que a separa da beleza clásica.
Compositivamente está pensada para ser vista de lado, desde onde se mostra con maior viveza o dinamismo do frenesí e o corpo transmite un maior grao de sensualidade. Pero tamén é certo que obriga ó espectador a moverse no seu redor de xeito que a percepción multiplicase, hai unha visión preferente á que sumar as vistas parciais.

O tratamento plástico destaca pola técnica dos panos mollados, empregada notablemente por Fidias, de modo que a tela adhírese ó corpo e o transparenta, están traballados con moita profundidade o que xera violentos contrastes de luz e sombra
A proporción segue a ser canónica pero aquí o que importa é amosar o estado da alma, o interior, en definitiva prima a expresividade
Nada queda da serenidade clásica. A súa influencia no helenismo é importante como se exemplifica no Laaoconte e nos relevos do altar de Pérgamo.


CURIOSIDADES: AS MÉNADES
Estas ninfas, lendarias amas de cría de Dionisos, que o protexeron da ira de Hera, foron as súas primeiras seguidoras. A elas tamén atribúe a mitoloxía a morte de Orfeo. Posteriormente recibiron ese nome ou o de bacantes, aquelas mulleres practicantes do culto dionisíaco que en pleno extáse danzaban ata a extenuación nas festas do deus, unha especie de tolemía mística na que se lograba o "enthousiasmós” (ενθουσιασμός), a posesión divina, nivel máximo do rito. Tales cerimonias estaban vetadas ós homes. Na iconografía, as danzantes represéntanse coa cabeleira solta adornada con bacelos de vide, medio espidas con finas túnicas ou coa nebris -unha pel de animal moteada- portando un tirso -vara adornada de hedras e vides, rematada nunha piña - ou, ás veces, algúns instrumento musical, e sempre movéndose a un ritmo frenético. 
O éxtase é posible que se acadase grazas ó consumo de setas alucinóxenas e ós continuos grolos de viño que bebían. A inxesta de carne crúa completaba a dieta dos días do ritual. 

Son habituais as representacións das danzas das ménades na cerámica, como os exemplos que seguen. Abaixo unha copia romana dun orixinal grego do século V a.C. atribuído a Calímaco, un fermoso relevo no que a ménade presenta certas semellanzs na disposición corporal coa obra de Scopas. 





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir