Montados nas propias vivendas pola m estra modista crearon un mundo feminino particular coas aprendizas e as clientas.
O tema tócame de preto, nacín e crecín entre agullas e alfinetes, xices, tecidos de todo tipo, botóns, centímetro, dedais, mesa de corte, máquinas de coser, figuríns e revistas de moda, patróns .... e os sons das novelas ou da música na radio, as pedaladas na máquina, os chismes e as risas, os cantos e os contos ....
Por iso quixen recoller o seu tratamento comezando polos talleres coas mulleres concentradas en cada puntada e con ese certo caos de materiais e de restos de telas ou fíos polo chan.
Tamén talleres máis pequenos de poucas modistas, concentradas no traballo nun silencio compartido de xestos repetidos coa cabeza gacha: enfiar, marcar, cortar, ganduxar ...
John Currie, 1913 |
|
||
Outras interpretacións máis contemporáneas: o cubismo de Picasso, os collage de Marca-Telli, a visión de Martín Begué na que mestura Velázquez e Chirico xunto ao imaxinario surrealista, e a nova figuración "boterista" de Botero.
A industrialización chegou á moda coas casas de costura que tanto éxito tiveron a principios do século XX. As modistas perderon a súa independencia pasando a ser meras asalariadas dos grandes talleres. Hai moitas fotografías deste traballo industrializado, pero basta con estas dúas obras pictóricas para cotexar o cambio de ambiente. As dúas primeiras, 1905, de Isaac Israel corresponden ó Atelier Paquin, e a terceira, de 1912, é obra de Louis Édouard Brindeau en Chez Drecoll. Ambos talleres no París da Belle Époque.
Dun xeito ou doutro, despois das fases previas chega o temido día de probas coa clienta cotexando os resultados diante do espello. Hai que axustar, estreitar ou soltar, descoser e volver coser, marcar cos alfinetes os baixos ... e, sobre todo, que a clienta se vexa favorecida e quede satisfeita.
| |
A preparación ou a proba pode facerse sobre un manequín. O problema é que non todos os corpos teñen esas medidas estándar polo que non se evita a proba sobre a propia clienta.
Xa vimos que hay moitas obras dos talleres de costura, pero dous pintores de finais do XIX e primeiros do XX repetiron a temática da costura unha e outra vez, por unha razón: ambos, contemporáneos tiñan o taller das súa nais no fogar.
Édouart VUILLARD
O seu pai faleceu cando el contaba 15 anos, a súa nai encargouse de manter a familia co traballo de modista e corsetista. O pintor coñecía ben todo o proceso da costura, gostaba fisgar nos segredos do cosido, retratar a súa nai e a súa irmá dobradas sobre a labor, concentradas a carón dunha fiestra ou baixo unha lámpada. Son escenas íntimas cunha atmosfera da que non emerxen as identidades, os rostros quedan resumidos nun simple bosquexo, mentres que as cores e os motivos das roupas, ou do papel pintado das paredes, expándense en formas planas por todo o lenzo.
Estas obras da década de 1890 recollen facetas distintas como o acto da costura, o corte da peza, a atención á clienta, a proba ou unha visita inesperada.
Aínda fixo grandes pezas como paneis decorativos, un total de catro para a biblioteca do doutor Henri Vaquez, un deles é o da costura, e dous estudios de escenas de taller.
Louis VALTAT
A súa nai foi tamén corseteira e costureira e como Vuillard conectou cos nabis e os fauves.
Entre finais da década dos 10 e a metade dos anos 20, pinta toda unha colección de escenas de costura con formas e figuras delineadas en negro, que enchen un angosto espazo en diferentes puntos de vista. O conxunto case constitúe un documento gráfico de actividades e xestos das modistas.
Óscar Domínguez, 1943 Abandonado o surrealismo, decántase polas formas xeométrica en grandes planos de cor, nestes dous casos en espazos estreitos. |