Amosando publicacións coa etiqueta modista. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta modista. Amosar todas as publicacións

02/12/24

TALLER DE COSTURA



Os talleres de costura foron durante moito tempo un xeito polo que as mulleres puideron emprender e obter recursos económicos cos que contribuír ós gastos familiares. Un traballo duro sen horarios e sen festivos, había que coser arreo pra rematar ese traxe a medida para estrear nunha festa ou nunha cerimonia.
Montados nas propias vivendas pola m estra modista crearon un mundo feminino particular coas aprendizas e as clientas. 
O tema tócame de preto, nacín e crecín entre agullas e alfinetes, xices, tecidos de todo tipo, botóns, centímetro, dedais, mesa de corte, máquinas de coser, figuríns e revistas de moda, patróns .... e os sons das novelas ou da música na radio, as pedaladas na máquina, os chismes e as risas, os cantos e os contos .... 
Por iso quixen recoller o seu tratamento comezando polos talleres coas mulleres concentradas en cada puntada e con ese certo caos de materiais e de restos de telas ou fíos polo chan.

Antoine Raspal,Taller de costura en Arlés, c.1780 Está claro quen dirixe

Moritz Stifter,O vestido novo 2ªm XIX Tomando as medidas entre charla e curiosidade polo exterior

Jean Baptiste Jules Trayer
Costureiras,  1854 Concentración e silencio
Charles Frederic UlrichO vestido novo, 2ª m XIX Corte do novo vestido


Tamén talleres máis pequenos de poucas modistas, concentradas no traballo nun silencio compartido de xestos repetidos coa cabeza gacha: enfiar, marcar, cortar, ganduxar ... 
Anne Ancher, c. 1920
Vittore Bartolini, 1931
Emile George Weis, c. 1902
Joseph Cain, 1930

John Currie, 1913
Tarsilia do Amaral, 1950
Moses Soyer, mediados do s.XX
Moses Soyer, mediados do s.XX
Robert McBryde, c. 1948
Albert Marquet, 1910
Frank Holl, 1850
Alvar Cawen, 1920

Outras interpretacións máis contemporáneas: o cubismo de Picasso, os collage de Marca-Telli, a visión de Martín Begué na que mestura Velázquez e Chirico xunto ao imaxinario surrealista, e a nova figuración "boterista" de Botero.
Picasso, 1920
Conrad Marca-Relli, 1982
Sigfrido Martin Begué,1996
F. Botero, 2000
A industrialización chegou á moda coas casas de costura que tanto éxito tiveron a principios do século XX. As modistas perderon a súa independencia pasando a ser meras asalariadas dos grandes talleres. Hai moitas fotografías deste traballo industrializado, pero basta con estas dúas obras pictóricas para cotexar o cambio de ambiente. As dúas primeiras, 1905, de Isaac Israel corresponden ó Atelier Paquin, e a terceira, de 1912, é obra de Louis Édouard Brindeau en Chez Drecoll. Ambos talleres no París da Belle Époque.

Dun xeito ou doutro, despois das fases previas chega o temido día de probas coa clienta cotexando os resultados diante do espello. Hai que axustar, estreitar ou soltar, descoser e volver coser, marcar cos alfinetes os baixos ... e, sobre todo, que a clienta se vexa favorecida e quede satisfeita.

 Cecil van Haanen, 1884

Albert Guillaume, 1903

Suzanne Valdon, 1914

Margaret Clarke, 1920

Marie-Louise von Motesiczky, 1930

William Patrick Roberts, 1931

Degas, 1882

A preparación ou a proba pode facerse sobre un manequín. O problema é que non todos os corpos teñen esas medidas estándar polo que non se evita a proba sobre a propia clienta.

Albert André, 1896
Rafael Soyer, anos 50


Xa vimos que hay moitas obras dos talleres de costura, pero dous pintores de finais do XIX e primeiros do XX repetiron a temática da costura unha e outra vez, por unha razón: ambos, contemporáneos  tiñan o taller das súa nais no fogar.

Édouart VUILLARD


O seu pai faleceu cando el contaba 15 anos, a súa nai encargouse de manter a familia co traballo de modista e corsetista. O pintor coñecía ben todo o proceso da costura, gostaba fisgar nos segredos do cosido, retratar a súa nai e a súa irmá dobradas sobre a labor, concentradas a carón dunha fiestra ou baixo unha lámpada. Son escenas íntimas cunha atmosfera da que non emerxen as identidades, os rostros quedan resumidos nun simple bosquexo, mentres que as cores e os motivos das roupas, ou do papel pintado das paredes, expándense en formas planas por todo o lenzo.
Estas obras da década de 1890 recollen facetas distintas como o acto da costura, o corte da peza, a atención á clienta, a proba ou unha visita inesperada. 


Aínda fixo grandes pezas como paneis decorativos, un total de catro para  a biblioteca do doutor Henri Vaquez, un deles é o da costura, e dous estudios de escenas de taller. 


Louis VALTAT


A súa nai foi tamén corseteira e costureira e como Vuillard conectou cos nabis e os fauves. 
Entre finais da década dos 10 e a metade dos anos 20, pinta toda unha colección de escenas de costura con formas e figuras delineadas en negro, que enchen un  angosto espazo en diferentes puntos de vista. O conxunto case constitúe un documento gráfico de actividades e xestos das modistas.




Outras obras interesantes son aquelas centradas nunha soa figura enfrascada no pedaleo de máquina de coser. 

Francis Criss, Alma cosendo, c. 1935


Nun estilo de cubismo realista, retrata unha poderosa muller afroamericana, unha profesional cualificada, rodeada dos seus instrumentos de traballo, as poderosas mans ocupan o centro da composición
Engade o seu retrato como reflexo na lámpada.
Óscar Domínguez, 1943    
Abandonado o surrealismo, decántase polas formas xeométrica en grandes planos de cor, nestes dous casos en espazos estreitos. 
Jacob Lawrence, 1946.
Foi o artista afroamericano máis importante dos Estados Unidos no século XX, definía o seu estilo como "cubismo dinámico"
Gran parte da súa obra presenta a vide cotío en Harlem, neste caso resalta o traballo feminino por medio de formas aplanadas e figuras silueteadas



Serva todo isto de homenaxe a esas mulleres traballadoras da agulla.







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir