Amosando publicacións coa etiqueta trash art. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta trash art. Amosar todas as publicacións

02/04/16

DO READY-MADE Á TRASH ART


A presenza do obxecto na historia da arte ten un longo percorrido que posiblemente deberíamos iniciar no Cubismo e con Picasso (Natureza morta con cadeira de palla, 1912). Pero foi o Dadaísmo quen radicaliza o emprego dos obxectos con diferentes e variadas formulación que terán continuidade ata o presente.
A arte obxectual naceu no ámbito das vangardas do século XX -Cubismo, Futurismo, Dadá,..- como unha mostra da antiarte, como un cuestionamento da concepción artística. Neste contexto, un obxecto é seleccionado non polo seu valor plástico como entidade illada, senón como un punto de partida para ser transformado na súa significación á marxe das normas establecidas. Neste sentido de valor semanticamente significante enlaza coa arte conceptual en tanto que a idea prevalece sobre a forma, de modo que o importante é a planificación previa mentres que a execución redúcese a unha mera cuestión mecánica
Vexamos algunhas das configuracións clásicas con obxectos seleccionados -apropiados- para o seu emprego en composicións significativas

Roda de bicicleta, 1913
Literalmente o "xa feito" polo emprego de materiais usados.
Os mais famosos son os de Duchamp, un obxecto de produción industrial en serie cambiado de contexto, sen modificar, asinado e titulado con un nome que nada ten que ver coa súa función orixinal -recordemos A fonte-.
Non se trataba de afirmar que tal obxecto era unha obra de arte, en absoluto procura unha emoción nin leva a cabo unha intervención estética, senón de sinalar o inadecuado da definición de arte.




Man Ray manipula o obxecto engadindo outros elementos, no caso de Regalo (1921)-á dereita-, unha ringleira de cravos a unha prancha de ferro, deste xeito introduce unha contradición entre o resultado e a función primeira do obxecto. O xogo combinatorio leva ó absurdo.





Fragmentos de distintos materiais combinados e insertos dentro do cadro segundo a intuición do artista á marxe de toda regra pictórica ou plástica. O collage cubista daba continuidade á fragmentación pictórica no plano.
HANNAH HÖCH, Cut with the Kitchen Knife through the Beer-Belly of the Weimar Republic, 1919
H. BAYER, Soidade do cidadán, 1932

O Surrealismo combina elementos dispares  suxestivoscos que configurar unha nova imaxe, objet trouvé. Neste caso o obxecto é descontextualizado e sumado a outros, carentes do seu significado e función orixinaria, resultando un novo obxecto cunha significación diferente, a miúdo simbólica conectada ó inconsciente pola súa asociación formal. Representa unha das vías do obxectualidade surrealista.


Schwitters, Relief in Relief, 1942-45
Esta denominación foi empregada por primeira vez no 1953 por Jean Dubuffet. Son moi característicos os do dadaísta, Schwitters, como unha variante do collage. Combina materiais sen transformar, non-artísticos, de refugallo e obxectos comúns rexeitados pola sociedade, ós que denomina Merz -polo corte casual da palabra Kommerz que figuraba nun dos seus primeiros collages-. Non intentan explicar a natureza  nin plasmala, senón facer unha interpretación persoal dos sentimentos que provoca -o que enlazaría co Expresionismo- a través dunha nova linguaxe. 
As assemblages adoitan empregar sempre materiais de desfeito, o que non se facía nas combinacións de obxectos anteriores, pero manteñen como eles a disfuncionalidade. Como técnica artística manifestouse dentro de practicamente todos os estilos que se suceden no século XX tanto en Europa coma nos Estados Unidos: Neodadaismo, Fluxus, Costructivismo, Minimalismo, Arte Povera, Nova Obxectividade, ... Conecta có Junk Art/arte da reciclaxe cuestionando  a nobreza dos materiais
 Posto que cabe todo tipo de composicións, encontramos modelos moi distintos:
  • As combine-painting de Robert Rauschenberg, mesturando pintura con cousas reais sexan rodas, animais disecados, coches,....
The Tower, 1958
Monogram, 1959 (combine-painting)
Sen título, 1945



  • As  caixas de Joseph Cornell  e con disparidade de obxectos ordenadamente colocados. Veñen ser unha poética da memoria, el as denomina "teatros do soño"



  • Os armarios, case instalacións que recordan os retablos, de Louise Nevelson, con restos de madeira apertadamente distribuidos en caixas, recuberto todo con pátinas brancas, douradas ou negras. Quizais unha evocación do faiado da memoria e do inconsciente.
Dawn's Wedding Chapel IV, 1959-60
Royal Tide IV, 1966
  • Le tableau piège, trampa de mesa, ou the snare-pictures (pinturas trampa) de Daniel Spoerri con vaixelas, restos de comida, .... todo acumulado casualmente disposto todo soble un tableiro e colgado da parede coma se dun cadro se tratara. Suxire a mutación visual producida polo paso do tempo
  • As acumulacións de obxectos de uso similar ou non, idénticos ou da mesma familia, enteiros ou deformados, agrupados plasticamente en ritmos caóticos ou repetitivos. A acumulación suxire mais que un obxecto illado.
Arman,  Accumulation of Cans, 1961
John Chamberlain, Young Baggage, 2005

Richard Stankiewicz, Little Phaeton Dreams, c. 1922
  • As combinacións escultóricas con desperdicios industriais sustraidos da mesma funcionalidade da máquina.  
O pioneiro do emprego da chatarra nas artes plásticas foi Richard Stankiewicz (á dereita),  realizando composicións figurativas primorasamente ordenadas cun punto de humor e alto grado de inxenio.
Co mesmo tipo de materiais pero empregados de xeito non figurativo, David Smith crea configuracións abstractas expresionistas de fomas caligráficas lineais e curvas-un debuxo no espazo-, que coa súa carencia de masa semellan formas etéreas cheas de forza expresiva.
Australia, 1951

Pola súa parte as máquinas-escultura de Jean Tinguely servídose de materiais igualmente industriais exploran  no campo da cinética ó introducir o movemento pero tamén o sonoro, concretamente o ruído, resultante do movemento dos mecanismos ou instrumentos insertados na estructura e activados polo espectador.

Fatamorgana, Méta-Harmonie IV, 1985 (ver en acción)

Pistoletto, Venus dos trapos, 1974
Revisado o pasado en todas estas mostras que se moven entre a arte obxectual e conceptual demos un paso adiante coa street art, a arte da rúa, unha das significativas mostras da arte contemporánea cunha vertente denominada Trash art, que engloba as manifestacións artísticas -pinturas, esculturas, instalacións, happenings, collages,... - construídas con elementos de reciclaxe tomados do lixo, ou co  lixo mesmo, mais ou menos modificados, movéndose, en principio á marxe dos circuitos artísticos. Enlazan coa arte conceptual, a arte Povera (á dereita) e o Junk Art/ arte da reciclaxe que vimos de ver.

Pois ben, neste ámbito de outsiders  hai exemplos ben interesantes como podemos ver na colección de imaxes que segue con obras de:
    Francisco de Pájaro, extemeño afincado en Londres  comezou a pintar sobre as bolsas do lixo da rúa -di que porque non podía mercar materiais-. Crea figuras cheas de inxeño e  ironía, xoga cos distintos niveis, combina e transforma para crear composicións reivindicativas. Adoita escribir enriba "art is trash" a arte é lixo.¡Magnífico e orixinal! 

      RAE, xunto co graffiti mural realiza divertidas montaxes escultóricas sobre elementos urbanos en Nova York 

      Debemos engadir a Bordalo II, artista portugués que  leva a cabo verdadeiras instalacións de animais en relevo.


      Vik Muniz. Este brasileiro emprega todo tipo de materiais reciclados ou naturais - terra, chocolate, pezas de puzzle ou azucre - para compoñer  imaxes que en moitas ocasións toma da historia da arte. Nas imaxes que seguen versiona: A morte de Marat de David, Narciso de Caravaggio e Hipomenes e Atalanta de Guido Reni.



      Donald Edwards e as esculturas por empaquetado (moito recordan as de Judith Scott, se ben estas non son figurativas)

       











      Neumáticos nas poderosas esculturas de Yong Ho Ji



      Marc Bourlier, con anacos de madeira atopados nas praias


      El Anatsui é un artista africano que realiza enormes murais como grandes tecidos de cores elaborados con todo tipo de refugallos: tapóns, latas esmagadas, arames. Un traballo minucioso, lento, custoso pero que logra o efecto de telas suntuosas en cores brillantes que se ondulan xerando ricos efectos luminosos.



      As paisaxe de Tom Deininger constitúense con multitude de obxectos sen empregar pintura nin pinceis, as formas derivan da acumulación (mira os detalles da versión de Monet)



      HA Schult e a instalación de Trash People, grandes esculturas humanas  a gran escala de materias reciclados (¿evocación dos guerreiros de Xian?) dispostas en perfecta formación. A mostra percorreu diversas cidades do mundo como reclamo contra da altísima xeración de lixo na actualidade






      FOTOGRAFÍA E INSTALACIÓNS 


      As instalacións de Alejandro Durán transforman a paisaxe con materiais plásticos arrastrados pola mar facendo composicións coas que critica o consumismo en defensa do medio ambiente


      Na mesma liña
      Fotografías de Barry Rosenthal  na serie Found in Nature. Bodegóns de materiais arrastrados polo mar, agrupados en orde por cores e formas


      Vilde Rolfsen, realiza suxerentes e sorprendentes paisaxes nebulosos formados polas bolsas de lixo


      Fotografías de Horacio Salinas
      E logo están todos aqueles que dan forma a pequenas esculturas que se moven entre a arte e as manualidades, pero sempre cun alto grado de creatividade 

      Little Forest de Natsumi Tomita
      Os insectos imaxinarios de Mark Oliver
      Os peixes de Giusto Sucato
      Os bufos de Robyn Stewardson
      Junior Fritz, expresións faciais con rolos de papel hixiénico
      Brett McDanel, emocións humanas
      Kimberly Willcox
      Máscaras de Thierry W. Despont

      E o summum do traballo con lixo é a experimentación levada a cabo polo creativo Justin Gignac. No 2001, apostou pola importancia do empaquetado independentementee do contido, así que deseñou un perfecto cubo transparente no que metía lixo auténtico recollido das rúas de Nova York. Marketing, marketing, marketing,...., os cubos -numerados e firmados- vendéronse coma churros, ¡un recordo turístico da cidade: garbage!





        © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

      Subir