22/02/16

LENZOS EN DESFILE



A moda e a arte, ¡canta intercomunicación!. 
Xa temos visto como funciona a ósmose entre as dúas, ben porque os deseñadores tomen formas, texturas, siluetas, tecidos, estilos, cores, ambientes,.... ou porque incluso poñen en pé os trazos que caracterizaron a personalidade dun artista, por exemplo o espírito de Frida Kahlo, unha verdadeira icona da historia da arte, semella tomar vida nos deseños de Valentino no 2015 igual que o fixera nos de Maya Hansen no 2013, en interpretacións ben diferentes.


Pero , ¡sorpresa!, hai modistos/deseñadores que deron un paso adiante.
O francés Castelbajac, el mesmo pintor de marcado estilo pop -empregou iconas da cultura popular como os personaxes de Disney, as pezas de Lego ou os osos de peluche-, colaborou con artistas contemporáneos como Hervé di Rosa, Robert Cambas, Miquel Barceló, Keith Haring ou Basquiat, entre outros, xunto cos seus propios debuxos e pinturas para crear vestidos-lenzo (primavera 2014)




Este traxe, arriba á esquerda, foi pintado polo deseñador no backstage durante o desfile, foi o derradeiro en saír á pasarela como conclusión dunha performance que presentaba mulleres-cadro




No 2015, en colaboración cos artistas urbanos LekandSowat presentou a súa colección primavera-verano cunha escenografía grafitera que inspiraba os mesmos deseños. Os dous artistas urbanos remataron a pintura da parede no comezo do desfile (ver)

Mais o paso definitivo é un desfile de lenzos !!!!

Viktor&Rolf, son dous holandeses que fundaron a súa casa de costura en París no 1993. Desde os seus comezos amosáronse rupturista, transgresores, extravagantes, con presentación de incribles performances.
No desfile outono-inverno do 2015, sobre unha aséptica pasarela, as modelos portaban sobre sinxelos vestidos azuis uns deseños decorados como pinturas con delicadas manchas de tipo action painting ou leves figuracións tomadas da idade de ouro da pintura neerlandesa, toda a tela-lenzo rodeada de marcos dourados quebrados segundo as necesidades da patronaxe; abrigos, vestidos, saias, capas. Era como tomar un cadro e refacelo ata construír vestimentas


Despois, os dous deseñadores sacaban lo lenzo e o colgaban da parede da parte posterior do escenario. O que comezara sendo un desfile de costura remataba sendo unha galería de arte


Nada mellor que velo



Seguro que estes deseños non serían cómodos para o seu uso de acotío, o que realmente subliñan os seus autores é a propia reivindicación como artistas. En palabras súas:
Un vestido transformase nunha obra de arte, logo nun vestido e de novo nunha obra.



04/02/16

14 DE FEBREIRO



14 de febreiro, día de san Valentín, día dos namorados, mais ¿por que ese día?
Imos ver a razón desta celebración, pero comezamos por unhas suxerentes imaxes da expresión do amor a través dos bicos: bicos apaixonados, bicos tenros, bicos mitolóxicos, bicos roubados, bicos surrealistas, bicos etéreos, bicos furtivos,bicos tímidos, bicos misteriosos, bicos devoradores, bicos anxelicais,...
Ah! non logrei evitar a tentación de incluir tres bicos de fotografía, mais correctmente dúas fotografías míticas e o bico fraternal socialista de Leonidas Brezhnev (URSS) e Erich Honecker (RDA), inmortalizado nunha fotografía no Berlín de 1979. A imaxe fíxose, diríamos hoxe, viral en todo o mundo. Caído o Muro,no 1989, o artista ruso Vrúbel foi encargado de facer un mural sobre os seus restos coa famosa fotografía, á que engadiu a lenda "Meu deus, axúdame a sobrevivir a este amor mortal" en ruso e alemán.

Powered by emaze

A Idade Media non escapou do feito amoroso do bico (¡nin doutros actos amorosos!, recordemos os canzorros románicos). O relevo da arquivolta da porta lateral de Santa María de Piasca recolle un bico, no que algúns queren ver un ha representación teatral. ¿Quen sabe?


Agora ollemos cara atras para ir ata a antiga Roma.
Os romanos celebraban as festas Lupercais -unha das tantas que tiñan para as súas múltiples divindades- na honra do Fauno Luperco entre o 13 e o 15 de febreiro (Ante Diem XV Kalendas Martias), protector dos rabaños caprinos e ovinos dos ataques dos lobos, deus da natureza salvaxe e da fertilidade dos campos. Parece que tamén evocaba os coidados que a loba Luperca deu ós xemelgos Rómulo e Remo, fundadores de Roma.
Para Varrón, a festa tiña sentido purificador do mesmo xeito que eran purificadoras as outras dese mes: as Quirinalias do dia dezaste e as Terminalias do día vintesete. De feito o nome deste mes -februarium- ven do latín februo, que significa purificar.
Se ben comezou como festa de pastores, logo pasou a ser exclusiva para os nobres, o mesmo Marco Antonio presidiu unha das tres seccións que formaban o colexio de lupercos.
Os sacerdotes lupercos reuníanse o día quince nunha cova do Palatino que actuaba a modo de templo -o Lupercal onde a loba aleitou a Rómulo e Remo [1], completamente espidos ou só cubertos por unha pel de macho cabrío, a cara cuberta cunha máscara de barro e os corpos untados de graxa, para inmolar ó deus Pan unha cabra e un can. 
Un dos actos iniciais da cerimonia comezaba cando o primeiro sacerdote tocaba a fronte dos lupercos co coitelo tinguido do sangue das vítimas, e despois, cunha la empapada en leite, lavaba aquela mancha. Neste momento comezaban as gargalladas. Así nos conta Pluarco en Vidas paralelas:
O coitelo ensanguentado co que se toca a fronte dos lupercos alude ós crimes cometidos nese mesmo día e ó perigo que correron Rómulo e Remo, mentres que a ablución con leite sería un recordo do leite da loba Luperca que amamantou ós fundadores de Roma.
Terminados os sacrificios, cortábase en tiras a pel das vítimas facendo unha especie de látigo -as februa-, repartíanse entre os participantes que saían correndo ó redor do Palatino golpeando coa februa a todo aquel que encontraban.
Fragmento dun relevo en terracota da época de Augusto

Conrad Dressle, Lupercalia, 1907

Especialmente interesábanse polas mulleres como nunha evocación das saídas nocturnas dos faunos polas montañas. Mais tamén as mulleres procuraban achegarse ós lupercos: as xestantes tentaban rozar coa la ensanguentada para evitar as dores do parto e as mozas como un rito de fecundidade. Ovidio escribiu:
¿Qué esperas matrona? Non serás nai ti grazas a poderosas herbas nin a máxicos encantamentos. Recibe as azoutas da destra fecunda, e pronto o teu sogro terá o desexado nome de avó.
A celebración remataba cun festín coa carne das vítimas.
En conxunto a conmemoración tiña un forte carácter bullangueiro que foi derivando cada vez mais co paso do tempo, e pese a que Augusto prohibiu a participación dos menores de catorce anos, a festa continuo incluso cos mais mozos. 
Cicerón foi crítico coa festividade
Esta cofaría salvaxe e agreste, de irmáns en figuras de lobos que fixeron unha unión silvestre antes que a civilización e as leis

¿Terán algo que ver con tales ritos os peliqueiros de Laza, os cigarróns de Verín, os felos de Maceda que coas súas zamarras ou bastóns, no caso dos felos, golpean e marean a todos os que se cruzan no seu camiño?

Volvamos ó noso tema
As Lupercais degradáronse en carnavaladas indecentes, o estado retiroulles as subvencións, e,  se xa Teodosio prohibira todo acto de culto pagan, foi finalmente o Papa Xelasio I quen puxo fin a tales festividades -agora xa non relixiosas- no ano 494 ameazando de excomunión a todo o que participara nelas. Escribiu duras palabras:
Vosoutros que celebrades un monstro composto de non sei qué mestura de besta e de home
Celebracións que son execración, crime público e instrumento de perversión
Por se a xente non cumpría, ideou algo mais: inventar unha festa relixiosa nesas mesmas datas para borrar aquelas centradas nos praceres da vida e da carne.
Non había mais que mirar o santoral, precisamente o día 14 de febreiro -xusto o día anterior das grandes Lupernais- estaba adicado a San Valentín, unha figura non moi relevante -nin sequera estaba claro que existira- pero que agora podía recibir novas significacións, lendas e incluso milagres como o de devolver a vista á filla do prefecto romano que o custodiaba no cárcere.
Sexa pois!. Valentín, primeiro médico logo sacerdote, fora un mártir executado no 270 por non renunciar á súa fe cristiá e por celebrar secretamente matrimonios dos lexionarios romanos ós que Claudio II condenara a ser célibes para non perder o seu ardor guerreiro. Adquiría así unha significación ben interesante, a de protector dos namorados.
Martirio de San Valentín (s.XVIII)
San Valentín é representado con casulla, sotana negra e manto O seu atributo adoita ser unha espada cravada no peito e ás veces un sol na man como símbolo da luz, en recordo do milagre.
Pasados os anos e cun santo xa ben popular, só restaba sumarlle incluír o día na roda do consumo. Parecer ser que foi Esther Howland nos Estados Unidos a primeira en comercializar as tarxetas do Día de San Valentín como Día dos Namorados, unhas tarxetas con debuxos simbólicos contornadas con delicados encaixes de papel. O éxito foi fulgurante.



Anuncio de 1948, tomado de AB

En España a celebración comezou a celebrarse a mediados do século XIX por iniciativa duns grandes almacéns, Galerías Preciados, como medida de marketing de incremento de ventas.




Por suposto que tamén se asociou co Día dos Namorados a Cupido, aquela figura mitolóxica alada, fillo de Venus e Marte, que caprichosamente dispara os dardos de amor ás veces cos ollos vendados como símbolo de que o amor é cego. Desde a antigüidade Cupido, o Eros grego, estivo asociado co amor e, pese a que os demais deuses foron caendo no esquecemento, Cupido mantívose como símbolo do amor e, por suposto, a san Valentín.
Cupido na Alegoría da primavera, Sandro Botticelli





[1] O achado no 2007 dunha grota baixo do palacio de Augusto no Palatina, foi posta en conexión coas Lupercales. Sen embargo non todos os estudiosos están de acordo con esta conexión sontendp pola contra que se trata duin ninfeo ou dun triclinium da época de Nerón





03/02/16

PICASSO À TORT ET À TRAVERS



Desde outubro deste 2015 ata febreiro do 2016,  no Grand Palais de París a exposición Picasso.manía,  fai unha revisón da influencia do artista malagueño na plástica posterior, xunto con obras orixinais do artista.
Si antes -no 2009- tivera lugar unha  mostra  baixo o Título  de Picasso et les maîtres na que se mosaba a revisión que facía dos grandes mestres do pasado como Delacroix, Rembrandt ou Manet, agora a mostra fai unha viaxe inversa: de Picasso ós artistas contemporáneos dos catro continentes

Obras orixinais de Picasso dispostas moi xuntas, tal e como adoitaba dispoñelas no seu estudio

O cartel que ves arriba recolle unha fotografía realizada por Gjon Mili no 1948. El é tamén o autor das fotografías de Picasso pintando cunha pequena lámpada nunha habitación escura, uns 30 debuxos denominados Debuxos de luz.
Evidentemente que a herdanza de Picasso é visible na arte contemporánea, pero tamén é certo que a miúdo serve de pretexto, e mais que unha reinterpretación -como fixo o mesmo Picasso con Velázquez-  estamos diante dun apropiacionismo -un ismo postmodernmo- inmisericorde que deixa dúbidas sobre a orixinalidade das obras.
Artistas que o consideran un modelo, que seguen os seus estilos, as súas técnicas sobre diferentes soportes e con diferentes materiais, pois Picasso está nos fundamentos tanto do Street Art como do Bad Painting, por citar dous movementos contemporáneos renovadores
 engqadindo un punto de liberdade persoal á hora de facer a interpretación ou de cogar.
Non faltan as influencias no cine e nos videos (Rineke Dijkstra: I can see a woman crying) nin os retratos do artista, nos que non está a súa pegada artística senón a súa pegada como figura icónica da arte. Unha icona suxestiva e provocadora que ten valor per se, amen de polo que significa na Historia da arte.

Powered by emaze
Podes facer o visionado acompañado desta música





O que non teño tan claro é se isto de Lady Gaga é facer unha homenaxe a Picasso (Muller diante do espello) ou simplemente convertelo nunha marca de consumo con fins publicitarios, un xeito mais do marketing  e provocación que con tanto éxito utiliza -hai que recordar o vestido de carne, o de pelo ou o das Hellow Kitty-











02/12/15

FOTOGRAFÍA, CANDO 1+1 ≠ 2


A fotografía é unha forma de arte que segue a sorprendernos moi gratamente na actualidade. Algúns destes novos valores nos aportan fermosas e suxerentes imaxes  cunha linguaxe visual moi persoal.
Imos ver algúns exemplos, que se moven entre o conceptual, o surrealismo e o minimalismo. Os tres empregan elementos existentes, simples e claros, pero que cando se suman dan unha significación distinta da que individualmente ten cada un por si mesmo, por iso ese título de 1 mais 1 non é igual a 2. Certamente hai dous, ou mais significantes, que combinados provocan un significado novo.


ERIK JOHANSSON
O rei do retoque fotográfico que combinado escenarios reais, os manipula para crear imaxes surrealistas, paisaxes imaxinarios e ilusións ópticas.
Non deixes de mirar este vídeo do proceso creativo dunha fotografía



 


TANAKA TATSUYA
Na serie Miniature Calendar, que elabora desde fai catro anos, crea un mundo en miniatura combinado obxectos de cotío, froitas, verduras,...






CHEMA MADOZ
Imaxe en branco e negro, con referencias a Magritte e unha fonda sensibilidade poética. Talento, imaxinación, xogos de perspectiva, distorsións e ilusións,....







AARON TILLEY 
Capta o instante previo a que algo nefasto suceda,Pero non nos anticipemos, desfrutemos desde intante previo pois de momento "nada sucede"






RICH McCOR, coñecido como Paperboyo
Engade figuras recortables a imaxes icónicas de distintos países, unha foto que faríamaos calquera turista. Xa ves que non intenta ocultar o trampantollo, sempre se ve a súa man suxetando a figura de papel que serve para o xogo. Un grato divertimento.




ADRIAN LIMANI
Podíamos definílo como o fotógrafo que xoga coa Lúa




SARAH ILLENBERG
Serie denominada Tutti Frutti, un xogo compositivo escultórico, logo fotografiado, no que os elementos empregados -froitas, verduras- adquiren un novo significado









  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir