Amosando publicacións coa etiqueta moda. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta moda. Amosar todas as publicacións

22/02/16

LENZOS EN DESFILE



A moda e a arte, ¡canta intercomunicación!. 
Xa temos visto como funciona a ósmose entre as dúas, ben porque os deseñadores tomen formas, texturas, siluetas, tecidos, estilos, cores, ambientes,.... ou porque incluso poñen en pé os trazos que caracterizaron a personalidade dun artista, por exemplo o espírito de Frida Kahlo, unha verdadeira icona da historia da arte, semella tomar vida nos deseños de Valentino no 2015 igual que o fixera nos de Maya Hansen no 2013, en interpretacións ben diferentes.


Pero , ¡sorpresa!, hai modistos/deseñadores que deron un paso adiante.
O francés Castelbajac, el mesmo pintor de marcado estilo pop -empregou iconas da cultura popular como os personaxes de Disney, as pezas de Lego ou os osos de peluche-, colaborou con artistas contemporáneos como Hervé di Rosa, Robert Cambas, Miquel Barceló, Keith Haring ou Basquiat, entre outros, xunto cos seus propios debuxos e pinturas para crear vestidos-lenzo (primavera 2014)




Este traxe, arriba á esquerda, foi pintado polo deseñador no backstage durante o desfile, foi o derradeiro en saír á pasarela como conclusión dunha performance que presentaba mulleres-cadro




No 2015, en colaboración cos artistas urbanos LekandSowat presentou a súa colección primavera-verano cunha escenografía grafitera que inspiraba os mesmos deseños. Os dous artistas urbanos remataron a pintura da parede no comezo do desfile (ver)

Mais o paso definitivo é un desfile de lenzos !!!!

Viktor&Rolf, son dous holandeses que fundaron a súa casa de costura en París no 1993. Desde os seus comezos amosáronse rupturista, transgresores, extravagantes, con presentación de incribles performances.
No desfile outono-inverno do 2015, sobre unha aséptica pasarela, as modelos portaban sobre sinxelos vestidos azuis uns deseños decorados como pinturas con delicadas manchas de tipo action painting ou leves figuracións tomadas da idade de ouro da pintura neerlandesa, toda a tela-lenzo rodeada de marcos dourados quebrados segundo as necesidades da patronaxe; abrigos, vestidos, saias, capas. Era como tomar un cadro e refacelo ata construír vestimentas


Despois, os dous deseñadores sacaban lo lenzo e o colgaban da parede da parte posterior do escenario. O que comezara sendo un desfile de costura remataba sendo unha galería de arte


Nada mellor que velo



Seguro que estes deseños non serían cómodos para o seu uso de acotío, o que realmente subliñan os seus autores é a propia reivindicación como artistas. En palabras súas:
Un vestido transformase nunha obra de arte, logo nun vestido e de novo nunha obra.



17/07/15

VOGUE LIKE A PAINTING


   


Son moitas as exposicións de interese que habitualmente se presentan nos diferentes museos, pero hoxe imos tratar unha, destacable pola súa orixinalidade.
O Museo Thyssen-Bornemisza, en Madrid, ven de inaugura Vogue like a painting, unha mostra da conexión entre a pintura, a fotografía e a moda. Cada unha destes tres mostras de creatividade son arte por si mesmas, certo que adquiriron tal categoría moito máis tarde que as tradicionalmente consideradas Belas Artes, pero hoxe ninguén pode poñelo en dúbida.
Sen embargo nesta mostra vemos como para presentar a moda, a fotografía se serve da linguaxe e dos recursos habituais da pintura tales como o claroscuro, a profundidade compositiva, a teatralidade barroca ou o cromatismo impresionista, e tamén das temáticas -retrato, interiores, escenas de xénero, paisaxes, ...- ou das tendencias artísticas coas súas atmosferas e sensacións sexan surrealistas, románticas, impresionistas ou prerrafaelistas. E todo para acadar un obxectivo, a beleza que faga atractivos visualmente os deseños, pois non podemos esquecer que a finalidade derradeira é o consumo. 
Por suposto a realización da fotografía esixe toda a colaboración estilistas, perruqueiros, maquilladores, amén da elección idónea da modelo.
A mostra poderá ser visitada entre o 30 de xuño e o 12 de outubro.
Amoso algúns das fotografías empregadas por Vogue, realizadas por recoñecidos fotógrafos, e a súa fonte de inspiración.










Quedamos cunha incógnita: observas estas dúas fotografías de Peter Lindbergh e pensa a que tendencias artísticas poderías asimilalas.



En fin, pena que Madrid nos quede un pouco lonxe,..........pero sempre é posible e ben que merece a pena.










30/01/14

MOSAICO BIZANTINO E TEMPLOS GREGOS NA ALTA COSTURA

 
A colección outono-inverno 2013-2014 de Dolce&Gabbana sirviuse de fonte de inspiración para os tecidos nas cores e texturas dos mosaicos bizantinos, particularmente da catedral de Monreale en Sicilia e de San Vital de Ravena.
Dominan os dourados e as incrustacións de pedrería -ás veces en trampantollo-, para dar forma a imaxes relixiosas e aúlicas dentro de camafeos. O resultado é realmente fantástico amosando unha notable opulencia na que se suma a devoción e a estética
Mira o detalle dos tecidos, arte e artesanía unidos, precisión e tempo na súa elaboración

E disfruta dos deseños nos modelos presentados no desfile



Tamén os complementos se imprimen coa mesma temática e o mesmo estilo: bolsos, zapatos, pendentes e coroas -inspiradas na de Santa Agata, patroa de Catania-.








Recorda a técnica do mosaico, e podes revisar o comentario sobre os mosaicos de San Vital de Rávena.
Tamén temos unha entrada na que revisamos a relación entre a moda e a arte


Na colección primavera-verano 2014, a inspiracion está nos templos gregos de Sicilia, impresos a gran escala nos tecidos. Os séculos de dominio grego deixaron importantes mostras de templos como Agrigento, Siracusa e Segesta. Nos accesorios repítense as moedas




A colección masculina segue as mesmas pautas










29/09/13

PASARELA DIOR


Fai un tempo, nesta entrada  xa tratamos a relación entre a moda e a arte, hoxe toca volver sobre o tema diante desta exposicion de Dior na súa casa museo de Normandía na que se fai unha revisión da influencia do movemento impresionista nos deseños de Christian Dior.



Desde a súa infancia cando a súa nai coidaba con mimo as frores do xardín da casa familiar, Dior amou sempre as frores e a xardinería, sempre sentiu paixón pola natureza,as súas cores.
Xa no 1947 presentou na súa primeira colección, a liña Corolla, é dicir corola en alusión ós aneis dos pétalos das frores. Tamén denominada de silueta en 8 polo dominio das curvas, significou o retorno da feminidade, tras dos duros tempos da guerra caracterizados pola sobriedade, con ben definidos ombreiros, cinturas moi axustadas e grandes saias de moito voo, o que obrigaba a empregar grandes cantidades de tela.


Na liña Tulipán de 1953, con marcados bustos e cadeiras, a inspiración está nos pintores impresionistas: Degas, Monet, Renoir, Van Gogh, Seurat, Bazille... Non é de estrañar pois el mesmo se desenvolvía no ambiente de artistas plásticos, ademais de ter sido galerista, e músicos. De moitos foi amigo e lles dedicou algún dos seus deseños, mira estes exemplos


A influencia impresionista mantívose noutras coleccións propias e dos novos deseñadores da casa Dior como John Galliano ou  Raf Simons.
A exposición presenta máis de setenta vestidos xunto doutros accesorios como sombreiros ou zapatos que se acompañan de lenzos e debuxos que suxiren a conexión estética e temática entre a moda e a arte, entre a costura e o impresionismo.
A comisaria da exposición, Florence Müller, sinala
O vínculo indiscutible cos impresionistas era o interese pola natureza. Estos pintores, amantes das paisaxes, trasladaron os seus cabaletes ó aire libre, rexeitando o taller. Dior ideou tamén moitas deas súas coleccións no xardín dos seus refuxos en Granville, Milly-la-Forêt y Montaurou.
En palabras de M. Dior
Ao final, todo o quen sido parte da miña vida, quixérao ou non, exprosouse nos meus vestidos. 
Vexamos unhas imaxes para constatar o dito



Para recalcar esta osmose arte-moda, Raf Simons no seu debut para a casa Dior no 2012 incluíu referentes dos lenzos abstractos de Sterling Ruby.





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir