10/12/11

GIOTTO. CAPELA SCROVEGNI. PADUA




   - LAMENTO SOBRE O CORPO DE CRISTO




CATALOGACIÓN

Pintura realizados coa técnica do fresco, con retoques ó temple, obra de Giotto di Bonone, artista pertence á escola de Florencia que no século XIV, o Trecento italiano, tránsito do gótico ó Renacemento.
Esta escena, O Lamento sobre o corpo de Cristo, corresponde a un dos episodios recollidos nas paredes da capela dos Scrovegni en Padua. O conxunto mural, realizado a principios do século, recolle momentos diferentes da vida de Xesús e da Virxe, son un total de 36 escenas enmarcadas por orlas con medallóns, semellando cadros independentes, organizadas en tres franxas superpostas. A bóveda de canón que cobre a única nave da capela, pintada en azul, queda convertida en bóveda celeste coa única presencia de tondos presidida por Cristo dando a súa bendición. No muro da contrafachada represéntase, no lado dos xustos, a Enrico Scrovegni ofrendo á Virxe a construcción da capela (como unha maqueta), sería un xeito de expiar os pecados, particularmente os do pai, recoñecido usureiro.
Se ben non se coñece moito das orixes de Giotto, sabemos que foi discípulo de Cimabue e que pronto obtivo un amplo recoñecemento social recibindo encargos dos máis poderosos da época, como no caso da obra que nos ocupa.
Con Giotto ábrese un novo camiño: o recoñecemento do artista en tanto persoa que non só domina as técnicas como un bon artsán senón que ademais é un creador, do que se valora o xenio da súa inventiva.

CONTEXTO

A estética gótica non chegou a ter demasiado éxito en Italia, recordemos que pouco teñen que ver as arquitecturas das grandes catedrais, como Pisa, có que se estaba a facer noutras partes de Europa. O mesmo sucedeu na pintura que se mantivo ligada á tendencia bizantina.
No Trecento dúas escolas italianas, Siena con Simone Martini e Florencia con Giotto, rompen coa tradición gótica bizantina, a denominada pintura á grega, e os seus convencionalismos (fondos dourados, hieratismo, liñas ondulantes), e dan un paso adiante na procura do naturalismo tanto na representación dos espazos, abandonando os fondos dourados, como nas figuras (volumetría, anatomías, expresividade).
Paralelamente mellorouse a técnica do fresco -así denominada porque a pintura ha de facerse sobre a superficie aínda húmida, o que esixía rapidez- empregando substancias menos oleaxinosas que escurecían as cores, o que permitiu que as cores acadasen unhas tonalidades claras e vivas antes nunca vistas.
Foron factores fundamentais do cambio: a presenza no entorno inmediato da cultura clásica que agora se quere recuperar, non se trata de imitala, trátase de pintar á latina; a riqueza das Repúblicas obtida a través da actividade comercial, de xeito que tanto os dirixentes como a incipiente burguesía se converten en mecenas da arte.


ANÁLISE

O tema era tradicional na iconografía cristiá bizantina, pero todo na obra de Giotto resulta novidoso.
Diferenza dous espazos, inferior e superior, a parte terreal onde ten lugar a morte e o drama, e a parte celeste na que dez anxos, sobre un fondo azul intenso, choran tamén a morte de Cristo, cun sentimento que os achega ó home. Ambas áreas quedan separadas pola árida paisaxe.
A escena principal céntrase no corpo inerte de Cristo acollido por María que o mira amorosamente, mentres no seu redor outras figuras contemplan a escena con contida emoción, entre elas as tres Marías (María Magdalena, María de Cleofás e María Salomé),  San Xoán cos brazos en alto, detrás del e de pé, San Xosé de Arimatea e Nicodemo. Todos eles distinguibles polas aureolas que nimban as súas cabezas.
Compositivamente, unha clara diagonal vai de esquerda a dereita, da cabeza de Cristo morto ata o alto da montaña rochosa cunha pequena e sinxela arbore, seca, sen follas, que tamén semella simbolizar a morte. Esa diagonal no seu ritmo ascendente rompe a habitual disposición frontal pero tamén descentra a figura principal, Cristo non está no eixe da pintura senón desprazado á esquerda. Pese a todo, esa asimetría non lle resta relevancia, son outros os elementos que o revalorizan: a súa nudez que destaca no medio das cores das roupas dos demais e as miradas de todos que a el se dirixen.
A distribución das figuras é diferente no espazo terreal e celestial. Os anxos aparecen claramente separados con baleiros entre eles, cun tratamento moi variado de disposicións destacando algúns escorzos moi ben logrados. No mundo terreal, as figuras individualízanse claramente no plano principal e no lado dereito, onde podemos recoñecer a María que se achega chea de dor ao rostro do fillo, a María Magdalena que suxeita con suavidade os pés feridos de Cristo, a San Xoán, o seu mais ben querido discípulo, que no centro se inclina cara ao seu mestre abrindo o brazos en actitude de desolación, á dereita Xosé de Arimatea e Nicodemo recollidos nun xesto de resignación.
Hai pois unha distribución clara e racional: dúas figuras á dereita, tres no centro e tres á esquerda, todas rodeando o corpo de Cristo, de xeito que os personaxes principais son claramente recoñecibles, pero ademais engade un grupo á esquerda con figuras anónimas e incompletas -renuncia ó principio de que hai que ver todo- que fan a composición máis compacta e que coa súa disposición de pé equilibran a elevación do outro lado.
Giotto inserta a natureza, certamente que de forma moi esquemática e aínda con certos erros, esa árbore resulta desproporcionada en tamaño, pero xa non recorre aos fondos dourados, aínda así teñen algo de telón de fondo posto que está subordinada aos feitos que se narran, haberá que esperar para encontrar na pintura unha natureza de verdade. Igualmente constrúe un espazo físico, hai profundidade, unha terceira dimensión que ven dada pola propia composición, a diagonal principal, pola paisaxe e polas figuras de costas que crean profundidade, vemos que hai aire ou espazo entre as formas.
Fisicamente as personaxes non son retratos, nin sequera tomados do natural, todos presentan clara similitude sendo o mais característico os ollos achinados que aparecen sempre en todos os seus personaxes.
En canto ao tratamento plástico, as formas son contundentes e monumentais, sólidos volumes con verdadeira sensación de masa, ben definidos polo trazo dos contornos que lles outorga un certo carácter escultórico favorecido pola luz plasmada nas tonalidades da cor.
A cor axuda a lograr o obxectivo final, así a conexión do amarelo claro da primeira figura da esquerda e da montaña rochosa da dereita unifican a escena, o azul do ceo outorga neutralidade a ese espacio, mentres que abaixo as gamas de vermellos e verdes alternándose dinamizan o conxunto. En todo caso tratase dun colorido brillante que outorga un carácter táctil á pintura.
Pero sen dúbida o aspecto mais salientable e o sentimento, a expresión da dor por medio de xestos claros e individualizados, contundentes, é unha dor real, humana que se reflicte nas máns, nas bocas entreabertas e nos ollos chorosos. O patetismo máximo está en María e en San Xoán, un patetismo que Giotto aprende da realidade inmediata. Sen embargo está lonxe do exceso, todo as expresión rebordan unha solemnidade acorde ós acontecementos.
Hai pois un afondamento humanista que nada ten de gótico aínda que algo quede do pasado como os nimbos dourados realizados en estuco.
A obra de Giotto rompendo cos convencionalismos e co hieratismo, acada un naturalismo cheo de vigor, unha humanización que enlaza có espírito franciscano, responde a un sentimento relixioso polo que o individuo é digno de redención se practica virtudes, e co novo gusto burgués e antiseñorial do patriciado italiano. Terá claros seguidores en figuras coma Masaccio ou Miguel Anxo.


CURIOSIDADES: COMPARAR PARA VALORAR
Se observamos esta miniatura francesa de mediados do século XII, non podemos mais que valorar o enorme paso adiante dado por Giotto. 
A forma de representar a realidade resulta bastante ficticia. Neste caso, o marco espacial é puramente alegórico, só o sepulcro nos sitúa sobre a terra; a expresividade está ausente, contida, sen xestualidade verdadeiramente emotiva, nin sequera Cristo semella estar morto; as figuras amontóanse nun espazo reducido, todas con rostro en visión frontal, pese a que algunhas dispoñan o seu corpor de perfil; as proporcións non se corresponden -cotexa o corpo de Cristo en relación ó seu rostro, ou as figuras ó pé do sepulcro respecto das demais; nin intento de profundidade, nin volume, formas planas. 
Estamos diante dunha representación simbólica, alegórica, carente da humanidade e do sentimento que Giotto transmite.
Afirma Gombrich:
«Giotto redescubrió el arte de crear la ilusión de la profundidad sobre una superficie plana»



O recoñecemento da obra de Giotto mantivo a súa pegada na historia da arte. Nesta Lamentatio, 1997, do indio Atul Dodiya sumánse, xunto coas referencias de Picasso, os anxos de Giotto como símbolo da dor pola perda de Gandhi. 





   - FUXIDA A EXIPTO



CATALOGACIÓN


Obra: A fuxida de Exipto.
Autor: Giotto.
Cronoloxía: inicios século XIV.
Estilo: Escola de Florencia – Trecento.
Técnica: pintura ó fresco.
Localización: Capela Scrovegni – Padua


CONTEXTO


(...)


ANÁLISE 

A escea pintada ó fresco pertence ó conxunto mural da Capela Scrovegni que representa a vida da Virxe e Cristo. Representa o narrado no Evanxeo de Mateo, no que se contaba como a Virxe co Neno e San Xosé teñen de fuxir a Exipto polo temor á matanza dos inocentes de Herodes. 
Poucos personaxes serven a narrar o episodio: a Virxe co neno Xesús, suxeito cun pano, montados nun asno, San Xosé, en conversa cun asistente, tres acompañantes máis detrais da Virxe, tamén en animada conversación, e o anxo no ceo que indica o camiño
Ó fondo, unha paisaxe realista pero idealizada mostra montañas rochosas e árbores, sobre un ceo intensamente azul. Serve para acentuar a profundidade, a terceira dimensión, mentres que as figuras se dispoñen nun friso mais plano. O anxo, nun contjun dente escorzo, conecta os plan os de profundidade
Como precedente do Renacemento Giotto, no seu esplendor, apartase da forma de pintar medieval e da influencia bizantina. 
A Virxe, maxestuosa e monumental, e o neno, que ocupan  o eixo central nunha enmarcada disposición vertical, configuran unha forma triangular, que se ve remarcada pola montaña que teñen detrás. 
A cada lado dese eixo, tres personaxes que equilibran simetrica e harmonicamente a composicón.
Podemos observar como os personaxes son representados en diferentes posturas (de costas, de perfil…), consegue a sensación de movemento a través das pata do asno, a mirada atrás de San Xosé, a liña do camiño, o anxo que os guía cun xesto ou a mirada da Virxe ó lonxe. 
As figuras son expresivas, xesticulan (van andando, falando e míranse). Consegue a sensación de volumen a través da luz, as sombras e a gradación da cor. 
En canto ó uso das cores, observamos un forte contraste entre cores frías e cálidas, que destacan ós protagonistas da escea. Destacan o fondo azul, a montaña blanca e as roupaxes bermella e amarela da Virxe e de Xosé
Aínda así  domina a definición lineal sobre a cor plana, unha fina liña delimita as formas.
As características desta pintura mostran os cambios que se están a producir a nivel artístico e que anticipan o Renacemento: os pintores queren representar a realidade mediante a representación da paisaxe, a profundidade e a expresividade.
Pese a todas as novidades, Giotto mantén a presencia dos nimbos e conserva trazas bizantinass neses rostros ovalados de ollos amendoados.





    O BICO DE XUDAS


Tema.... Momento de máxima emoción, xusto antes de que se produza o bico
Fondo neutro sobre o que destacan as lanzas, os paus e os fachos en alto
Composición: Xesús e Xudas no centro, encontran as miradas -severa e torba-, rodeados, diagonal
Xesús, recoñecible polo nimbo, pola beleza, dozura e serenidade, máis alto que Xudas -fealdade- (o ben fronte ó mal)
Dous planos de acción: serenidade diante, violencia e tumulto detrás (incluíndo a Pedro)
A expresividade: confusión e dramatismo
As formas: figuras de perfil (agás unha de costas á esquerda, e de fronte á dereita); a masa de xeito arcaico (formas definidas no primeiro plano e grupo de cabezas sobresaíndo detrás, nun bloque indeferenciado); modelado pola cor e o claroscuro
Luz e cor (destacar o amarelo do manto de Xudas, cor cálida e saínte, centra a escena)




CURIOSIDADES: A CAPELA DA AREA
Comezaba o século XIV cando Enrico Scrovegni compra terreos para construír unha nova residencia. Os terreos, de grande valor, incluían os restos do antigo anfiteatro da cidade romana -a antiga Patavium- e outras edificacións como baños de auga quente, cabaleirizas, dúas torres -unha en cada porta de entrada ó recinto- xunto con outras construcións auxiliares. Enrique constrúe un palacio e unha capela, en principio sería aberta ó público por acordo coa Igrexa. O primeiro era o símbolo da súa riqueza e a segunda tiña finalidade redentora: redimir a alma do seu pai, recoñecido usureiro, e, posto que el seguía o mesmo oficio, axudarse a si mesmo. O palacio seguía parte do perímetro do vello anfiteatro, a capela anexa quedaba directamente comunicada con el, e o resto de terreos constitúen os xardíns que conservaban os cimentos do antigo anfiteatro.
A edificación non estivo libre de conflitos xa que os veciños agostiños protestaron polo seu tamaño que a achegaba a unha igrexa que podía competir coa do seu mosteiro. De aí que desaparecera o monumental cruceiro que se ve na pintura mural da ofrenda, o que impediu facer o mausoleo familiar que Scrovegni planificaba secretamente. 
Derrubada a parte residencial a principios do século XIX, a capela quedou como un edificio exento, perdeu o pórtico da fachada e entrou en estado de certo abandono tal como vemos na imaxe inferior. 

Finalmente no século XIX fíxose cargo a cidade que levou a cabo a súa restauración e mantemento. Actualmente, a vista aérea permite seguir o percorrido do anfiteatro e nos seus lindeiros, sobre as gradas, a capela. No esquema inferior vemos como se perderon parte dos bancadas soterrados pola estrada da esquerda. Actualmente, a vista aérea permite seguir o percorrido do anfiteatro e nos seus lindeiros, sobre as gradas, a capela. No esquema inferior vemos como se perderon parte dos graderíos soterrados pola estrada da esquerda. Así as pegadas do pasado aínda perviven, se as construcións desapareceron os seus trazos seguen a estar presentes. 

Para abondar nesta idea de aproveitamento pecho coa traza do anfiteatro de cidade de Lucca, ben visible nesta imaxe, no que hoxe se chama Praza do Anfiteatro. ¡Ben que aproveitaron os cimentos e seguro que os materiais!. Así din, o primeiro sobre a calidade e o segundo sobre o tamaño: 
Se no interior da praza, as edificacións son novas, no anel exterior seguen á vista os muros do vello anfiteatro.







06/12/11

GÓTICO FRANCÉS


CATEDRAL DE REIMS



CATALOGACIÓN


A imaxe corresponde á fachada occidental da catedral de Reims, en Francia. Unha obra pois de carácter relixioso, datada no século XIII dentro da arte gótica clásica.
Trátase dunha obra de grande envergadura, elevada sobre outra anterior destruída por un incendio, na que se celebraba desde do século XI a consagración dos reis de Francia.
O laberinto que ornaba a nave central -hoxe sustituído por outro do s.XVIII- permite coñecer o nome dos catro mestres de obra que levaron adiante a edificación (Jean d'Orbais, Jean le Loup, Gaucher de Reims y Bernard de Soissons) e a parte que fixo cada un comezando como sempre pola cabeceira. Os laberíntos representraban para os peregrinos o final do camiño, avanzado de xeonlos debían chega ó centro como símbolo de rematar a peregrinación.
A denominación desta arte como gótica, foi dada por Vasari que relacionou o estilo coa arte dos godos ou dos bárbaros.
A súa orixe está en Francia, nas rexións do norte, arredor de París, en L’Ille de France, a mediados do s. XII. Farase arte internacional, con marcadas variedades rexionais, grazas particularmente ás peregrinacións, e se manterá como tal ata comezos do s. XIV, e incluso aínda ata máis tarde en países como España ou Francia.

CONTEXTO


A arte gótica é unha arte urbana que se desenvolve nunha sociedade na que a burguesía enriquecida (economía precapitalista) se converte tamén en mecenas de obras civís –pazos, lonxas, concellos- e as universidades difunden ideoloxías á marxe da Igrexa no marco dun movemento laico e cosmopolita.
Prefigúranse os modernos estados ó fracturar o sistema feudal e desenvólvense os burgos. As catedrais serán o orgullo das novas cidades.
O novo sentimento relixioso é máis humano e emotivo, cunha sensibilidade máis realista como se amosa na plástica naturalista da súa escultura.
A súa base conceptual está no neoplatonismo do abade Suger de Saint-Denis para quen a igrexa ou a catedral, coma cidade de Deus, representa na terra a Xerusalén Celeste, polo que ha de ser un edificio cheo de luz pois é o símbolo da divindade. En contraposición á reforma cisterciense, a beleza material permite elevarnos ó coñecemento de Deus, pois a riqueza e a luz das cousas materiais son un claro reflexo da luz divina.
Dous son os trazos básicos que diferencian a obra románica da obra gótica: luz e verticalidade
A tectónica románica cos seus grosos muros como soporte das pesadas bóvedas facía imposible abrir grandes ventanais, por iso a arquitectura deste novo período vai servirse de elementos, non exactamente novos, como a bóveda de cruceria, o arco oxival e os arcobotantes que conxugados permitirán a apertura de vanos con magníficas vidreiras que enchen de luz o espazo sagrado case ingrávido, creando unha atmosfera irreal de fondo impacto espiritual.
Os edificios góticos adquiren unha grande altura,unha tendencia ascendente que simbolicamente semella dirixirse desde a terra ao Ceo. Tal monumentalidade responde á representación da magnitude divina, fronte á pequenez humana.

ANÁLISE 



Planta

Alzado
muros
soportes
arcos
nave-triforio-claristorio
vanos
bóvedas
Exterior
alturas
arcobotantes+contrafortes
pináculos, agullas, ..
tellados e gárgolas
fachada: torres, pisos e rúas, rosetón, portadas (cantas e forma)
Ornamentación

Síntese: dominio do vano sobre o muro, verticalidade, luminosidade, espacios diáfanos




- CAT. DE REIMS, PORTADA OCCIDENTAL
GRUPO DA ANUNCIACIÓN E A VISITACIÓN



CATALOGACIÓN




Grupos escultóricos situados na xamba dereita da portada central na fachada occidental da catedral de Reims. Sería un encargo do bispo da cidade quen se ocupa de promover as obras catedralicias.
Pertencen á arte gótica de mediados do século XIII.
A portada desenvolve todo un programa iconográfico de temática mariana, moi protagonista na sensibilidade da época por impulso da Orde do Císter. Neste caso recolle dous temas cada un con dúas figuras: a Anunciación, cando o Arcanxo Gabriel comunica a María que terá un fillo a quen porá por nome Xesús, o fillo de Deus; e a Visitación, María visita a súa curmá Isabel, nai de San Xoán Bautista, estando ambas en estado de xestación.
Se ben non coñecemos o nome dos autores, as diferenzas plásticas indican que corresponden a distintos mestres. Isto foi debido a que as obras da catedral estiveron tempo paralizadas por mor dunha revolta urbana, e cando se reanudaron os traballos, os artistas e as tendencias son distintas.
A Anunciación sería obra do principios do gótico, realizada da man do denominado Mestre do Sorriso; a Anunciación pertencería xa ó gótico clásico, obra do denominado Mestre da Visitación ou Mestre das Figuras Antigas.

CONTEXTO


 ......
Do mesmo xeito que na arquitectura o gótico presenta unha nova linguaxe, tamén a escultura cambia de acordo coa nova espiritualidade, máis humanizada.
Serán as fachadas os lugares principais nos que ubicar os eslementos escultóricos posto que os interiores quedan ornamentados polas vidreiras,
Liberase do marco férreo da arquitectura, adquire unha maior mobilidade e gana en naturalismo outorgando un claro carácter volumétrico ás figuras. En canto á temática, aínda mantendo a finalidade didáctica, agora optase por formas máis amables, nun xesto de proximidade ao crente dun Deus máis misericordioso e menos severo; adquiren maior relevancia os temas marianos e a vida dos santos.

ANÁLISE


Se ben os dous grupos corresponden temporalmente a momentos diferentes, neles reúnense os principais trazos da escultura gótica: liberación do marco arquitectónico, practicamente son exentas; adquisición de volumetría e de dinamismo; avance na procura do naturalismo. Pero a partir de aí plástica e esteticamente os resultados diverxen
No grupo da Visitación, ambas figuras visten ao modo romano, con togas de marcadas e profundas pregas, creando un forte claroscuro; as telas envolven e amosan o corpo que hai baixo delas – moi notorio por exemplo nos xeonllos- ao modo dos panos mollados de Fidias; os rostros están traballado con naturalismo, iso si idealizado pois non se pode esquecer que as figuras son sempre símbolo das ideas non unha realidade concreta; aínda así, está clara a diferenza de idades entre María e Isabel, nesta dáse un tratamento máis realista, basta fixarse na engurras, mentres María aparece como unha muller xove e fermosa; están de pé en disposición frontal pero a postura en contraposto, case de curva praxiteliana, rompe esa frontalidade; o canon é igualmente clásico, sete cabezas, pero pódense notar certos erros anatómicos como no caso dos xeonllos, situados demasiado abaixo, desproporcionado a figura. Outra das grandes novidades é a perfecta
interrelación psicolóxica entre ambas mulleres, que inclinan a cabeza, se miran e xesticulan coas mans mentres dialogan –sacra conversazione-, nun claro sentido narrativo.
En conxunto, todo nelas denota un aire clasicista, especialmente notable no tratamento dos panos e dos rostros, pero tamén na vestimenta e no canon
O grupo da Anunciación resulta pola contra pouco naturalista, o seu autor decantouse por unha opción máis amable, máis lírica, especialmente no caso do Arcanxo que polas diferenzas coa Virxe case semelle ter autoría distinta.
Nel encontramos un canon moi alongado, unha disposición en S e unha estilización de estilo cortesán moi do gusto do momento, así como a característica cabeza pequena con peitado traballado por incisións rematando en rizos sen trépano e ollos oblicuos. Diríxese á Virxe de xeito expresivo, cun xesto xovial de sorriso doce e alegre, pero estereotipado que acaba por estar preto do afectado e curse. María aparece en actitude sumisa, sen expresión, as pregas da súa roupa caen rectos, subliñando a verticalidade, nun modelado superficial que oculta o seu corpo aínda que deixando entrever os senos.
En calquera caso, a ruptura coas formas románicas queda ben patente nesta mostra escultórica.

Mira os detalles
 



01/12/11

SANTA MARÍA A REAL DE OSEIRA

CATALOGACIÓN

Igrexa pertencente ó mosteiro de Santa María de Oseira (Cea-Ourense), fundado no 1137 e adherido pouco despois ó Císter, que se viña de introducir durante o reinado de Afonso VII. O mosteiro de Oseira, xunto co de Sobrado, son os primeiros mosteiros cistercienses construídos en Galicia, a onde chegaron directamente monxes desde o mesmo Claraval.
Do mosteiro fundacional de Oseira, o único medieval que se conserva é a igrexa, datada a finais do XII ou primeiros do XIII, foi consagrada no 1239.
O conxunto edilicio presenta a estrutura planificada de todos os mosteiros cistercienses, congrega a igrexa, o claustro e demais dependencias propias do mosteiro: sala capitular, refectorio, biblioteca, cociña, dormitorios,...>
Estilisticamente enmarcase na arte románica se ben xa en transición cara ó gótico pois incorpora elementos novidosos como o arco oxival e a bóveda de cruzaría.
Emprega na construción, cantería de granito de grande calidade técnica. O conxunto recibe o nome do Escorial galego.

CONTEXTO

A finais do século XI, o abade beneditino Roberto de Molesmes tentou recuperar os fundamentos espirituais da Orde, que o éxito levara pólos camiños do poder e a riqueza, esquecendo a austeridade preconizada polo fundador San Bieito de Nursia. A tal fin, Roberto retirouse con outros monxes a Citeaux, cerca de Dijon, en Francia, onde fundou unha abadía. O primeiro paso de reforma fracasou pero tempo despois, a primeiros do XII, Bernardo no mosteiro de Claraval deu o pulo definitivo postulando a volta á primitiva humildade en contra da relaxación dos costumes, rexeitando todo luxo e todo boato, a fin de que nada puidera distraer os monxes das súas obrigas, o traballo e a oración. Os monxes brancos expandíronse rapidamente, instalándose principalmente en lugares remotos, dedicados ao traballo agrícola de xeito que tiveron grande relevancia como colonizadores.
A arte ha de cinguirse ao esencialmente funcional suprimindo toda a carga ornamental que chegou a ter a arte románica. Non se trata propiamente dun estilo novo pero si unha nova concepción que se materializa nos mosteiros bieitos dos monxes brancos.
A decadencia do Císter, apegado a unha vida feudal e rural que sen embargo os levou a un grande enriquecemento, ten que ver co desenvolvemento das novas ordes medicantes, franciscanos e dominicos, que situarán os seus conventos no ámbito urbano e que se adaptarán mellor ás novas formas de vida das cidades

ANÁLISE

Presenta planta de cruz latina con tres naves de sete tramos no brazo lonxitudinal e unha soa, de grande anchura e dous tramos, no transepto. A nave central é máis alta e notoriamente máis ancha que as naves laterais que resultan notablemente estreitas.
A cabeceira está moi desenvolvida, consta dunha capela maior semicircular,- en contra da denominada planta bernarda que propugnaba testeiros rectos por seren máis económicos de construír-  precedida de dous tramos rectos e rodeada por un deambulatorio. Esta xirola que está as seguir o modelo da Catedral de Santiago, ábrese ó altar maior por arcos apuntados apeados en grosas columnas dispostas sobre un zócolo e a el dan as cinco absidiolas radiais, orixinalmente de planta semicircular, separadas por  muros baleirados en ventanais.
Na labra dos capiteis, seguindo a norma do ascetismo, prescíndese da figuración –só hai un con cegoñas enfrontadas- e optase polas formas vexetais con follas lisas



Separan as naves piares cruciformes con columnas adosadas a distinta escala. Dúas prolónganse ata os arcos de faixa mentres que outras dúas menores serven de apoio aos arcos formeiros oxivais dobrados.
As cubertas, tanto no eixo lonxitudinal coma no transepto son bóvedas de canón oxivais lixeiramente apuntadas e reforzadas por arcos de faixa; no presbiterio, cruzaría de catro nervios separadas por arcos de faixa, todo en sección oxival; na ábsida, bóveda de cruzaría con oito nervios e sete plementos cóncavos. A solución innovadora das bóvedas de cruzaría, máis económicas de construír, permitiu a obtención de amplos e diáfanos espazos, como vemos nesta nave central e no transepto.
No cruceiro, unha cúpula nervada sobre pendentes con ciborio octogonal, máis tardía.




A luz penetra polas fiestras que se abren no alto da nave central desde o arranque da bóveda, por riba das naves laterais, e no muro desas mesmas naves laterais. Como é tradicional nas igrexas cistercienses, nas xanelas emprega arcos de medio punto.

A estrutura interna reflíctese exteriormente pola gradación dos volumes: unha gran nave central e estreitas naves laterais, unha grande ábside e pequenas absidiolas. O muro reforzase exteriormente, para contrarrestar o empuxe das bóvedas, por medio de contrafortes

Tres portas comunicarían co exterior: no lado Sur, cara ó claustro; no lado Norte, cara o cemiterio dos monxes; nos pés habería unha sinxela portada sen torres -o pobo non entraba na igrexa-, pero hoxe despois do coro alto apoiado en fermosa bóveda de crucería reticulada, realizado no XVI, vemos a grande fachada-telón ó modo barroco, datada a mediados do século XVII.
En conxunto, a obra arquitectónica cisterciense en Oseira mantén unha total economía e pureza de formas basada na liña pero dentro dunha obra de proporcións monumentais.
Coa desamortización de Mendizábal no século XIX, o mosteiro quedou abandonado, entrando nun proceso de ruína que se comezou a solventar coa volta dos monxes  no século XX, iniciouse unh labor de restauración que lle devolveu o seu antigo esplendor.


 
Monasterios cistercienses from Asun on Vimeo.




CURIOSIDADES: MINIMALISMO CISTERCIENSE
A estética cisterciense coa supresión de todo o superfluo, define un estilo minimalista e funcionalista antes de que tales conceptos existiran e se empregaran na historia da arte.
Cando no 1098, vinte e un monxes bieitos, encabezados por Roberto de Molesmes, marcharon a Citeaux -segundo o Exordium Parvum, un lugar case inaccesible a causa do estrume e das espiñas-, non pensaban na arte, mais o espírito ascético e a Apoloxía de Guillerme escrita por Bernardo de Claraval, criticando duramente os cluniacenses, foron suficientes para fracturar o románico dominante, simbolizado por Cluny. Certamente unha vida dura e sacrificada non podía concordar con arquitecturas grandiosas, nin tampouco cos excesos de comida e bebida, coas luxosas vestimentas ou as grandiosas comitivas.Vexamos o espírito rigorista da arquitectura monástica acudindo ós textos.

CARTA DE CARIDADE (1114-1118). Primeiro regulamento da Orde, que impón a norma por igual a todos os mosteiros. Suponse escrita polo terceiro abade da Orde, Estevo Harding. 

IX. Sobre construción de abadías 
2 Tódolos nosos mosteiros fundaranse na honra da Raíña do Ceo e da terra 
3 Ningún se edificará en cidades, aldeas ou castelos. 
4 Non se enviará a unha nova fundación un novo Abade sen a lo menos doce monxes [...]; nin sen terse construído antes estas dependencias: oratorio, refectorio, dormitorio, hospedería e portería; [...].
XXV. O permitido e o prohibido respecto do ouro, a prata, as xoias e a seda. 
2 Os panos dos altares e os vestidos dos ministros no serán de seda, excepto a estola e o manípulo. A casulla será dunha soa cor. 
3 Tódolos ornamentos do mosteiro, os vasos sagrados e demais cousas que se usen, non terán ouro, prata ou xoias; pero o cáliz e a cánula, e só estas dúas cousas, poderán ser de prata ou douradas, pero de ningún modo de ouro. 
XXVI. Esculturas, pinturas e cruces de madeira 
2 Non está permitido ter esculturas en ningún sitio, e pinturas só nas cruces, que elas mesmas serán unicamente de madeira.
APOLOXÍA DE GUILLERME
DE PICTURIS ET SCULPTURIS, AURO ET ARGENTO IN MONASTERIIS 

Capítulo 28 
1 Deixo de lado as inmensas alturas das igrexas, as desmesuradas lonxitudes, as anchuras innecesarias, as suntuosas decoracións, as curiosas pinturas, que fan volver as miradas dos fieis e impiden a súa devoción. Tráenme á memoria o ritual xudaico. 
4 ¿E podemos pretender agora que estas cousas exciten a nosa devoción? ¿Que finalidade perseguiríamos con isto?. ¿Que queden pasmados os necios ou que nos deixen as súas ofrendas os inxenuos?
Quedan cubertas de ouro as reliquias e céganse os ollos, pero ábrense os petos. Exhíbense preciosas imaxes dun santo ou dunha santa, e cren os fieis que é máis poderoso canto máis sobrecargado estea de policromía. Amoréanse os homes para bicalo, invítanlles a depositar a súa ofrenda, quedan pasmados pola arte, pero saen sen admirar a súa santidade. 
E por riba, nin sequera respectamos as imaxes dos santos que pululan ata polo pavimento que pisan os nosos pés. Máis dunha vez se cuspe na boca dun anxo ou se refrega o calzado sobre o rostro dun santo. Se é que chegamos a non poder prescindir de imaxes no chan, ¿por que se han de pintar con tanto esmero? 
Capítulo 29 
1 Pero nos capiteis dos claustros, onde os irmáns fan a súa lectura, ¿qué razón de ser teñen tantos monstros ridículos, tanta beleza deforme e tanta deformidade artística? Eses monos inmundos, eses feros leóns, eses horribles centauros, esas representacións e carautas con corpos de animal e caras de homes, eses tigres con pintas, eses soldados combatendo, eses cazadores con bucinas... Poderás tamén encontrar moitos corpos humanos colgados dunha soa cabeza, e un só tronco para varias cabezas. Aquí un cuadrúpede con cola de serpe, alí un pez con cabeza de cuadrúpede, ou unha besta con dianteiras de cabalo e os cuartos traseiros de cabra montaraz. Ou aquel outro bicho con cornos na cabeza forma de cabalo na outra metade do seu corpo. Por todas partes aparece tan grande e prodixiosa variedade dos máis diversos caprichos, que ós monxes máis lles agrada ler nas mármores que nos códices, e pasar todo o día admirando tanto detalle sen meditar na lei de Deus. ¡Meu Deus! Xa que nos facemos insensibles a tanta necidade, ¿cómo non nos doe tanto dispendio?
¿Verdade que recoñeces cales son capiteis cistercienses?
CAPÍTULOS XERAIS (celebrados ata 1411) 
Os monxes brancos procuraban lugares apartados preto dun río ou manancial, terras virxes que converterían en lugares divinos grazas ó seu traballo e as melloras técnicas por eles introducidas (particular relevancia adquiren as obras hidráulicas como acuedutos, canalizacións, muíños, sistemas de irrigación). O conxunto das dependencias abaciais e as terras de cultivo constitúen un todo pechado dentro de muros. 

- Lugares apartados, os edificios imprescindibles dentro dos muros monacais 
Cap.I. Ningún dos nosos mosteiros debe ser construído en cidades, castelos ou aldeas, senón en lugares apartados do movemento dos homes. 
Cap.XVI. Non se construirán torres de pedra para as campás. Os edificios de extramuros serán derribados. 
Cap.XXI. Non é convínte que fóra da porta do mosteiro se constrúa casa algunha para ser habitada, salvo para os animais, posto que de alí pode nacer un perigo para as almas.
Cap.XXXI. [...] Polo tanto, se alguén se adiantara a construír en contra destes estatutos do capítulo, estes edificios caerán sen ningunha dispensa [...]. 
Cap.XXXII. En canto ás granxas ou outras abadías, distarán entre si polo menos dúas leguas. 
- Contra dos monumentos funerarios 
Cap. V. Nos nosos oratorios non serán sepultados nin reis, nin reinas, nin bispos; se o preferiran, abades ou tamén os anteditos poderán selo nas salas capitulares.
Cap.VIII. As lápidas colocadas sobre os túmulos dos defuntos deberán ser aplanadas a nivel do chan, para que non resulten un estorbo para os transeúntes. 
- Cores, materiais 
Cap.XI. O vidros pintados deberán ser substitutos no prazo de dous anos; en caso contrario o abade, o prior e o celeiro xaxuarán a pan e auga a partir de agora cada sexta feira (cada venres) ata que sexan cambiados. 
Cap.XII Aquel que queira poderá pintar as portas ou as entradas da súa igrexa de cor branca.
Cap.XV. No se terán cruces de ouro que polas súas grandes dimensións non podan ser levadas convenientemente na procesión, nin colocadas no altar. Igualmente as cruces douradas ou prateadas non se farán de gran tamaño. 
Cap.LXXX. As letras deben ser dunha soa cor e sen pintar. Os vidros serán brancos e sen cruces nin pinturas. 
-  Nin esculturas nin pinturas nin ornamentos 
Cap.I. Coa autoridade do capítulo xeral prohíbese que en adiante se fagan na nosa orde pinturas ou esculturas, agás a imaxe de Cristo Salvador, nin variedade de pavimentos, nin excesos nos edificios ou alimentos [...]. 
Cap.V. Os abades da nosa orde, en cuxos oratorios pendan escudos, tomen as medidas necesarias para que sexan retirados canto antes [...]. 
Cap.XXI: Prohibimos que nas nosas igrexas ou en calquera outras dependencias do mosteiro se fagan esculturas ou pinturas, porque mentres se presta atención a semellantes cousas moitas veces se descoida o proveito dunha boa meditación ou a disciplina da seriedade relixiosa. Sen embargo, temos cruces pintadas que son de madeira.
Se ben o tempo introduciu modificacións, o que perviviu foi a disposición das dependencias monacais, organizadas nun plano dominado pola claridade e a orde: o cadro monástico con centro no claustro, habitualmente orientado ó norte. 
Soidade das paraxes
O mesmo módulo cadrado preside as igrexas do plano bernardino. As igrexas abaciais tiñan carácter doméstico, en principio non se admite nin peregrinos nin xentes do pob
Villard de Honnecourt, escribe a carón desta planta: é unha igrexa feita de cadrados para a orde cisterciense
Ollemos a pureza de liñas, a limpeza dos paramentos, as vidreiras sen cor -en grisalla-, as sinxelas lápidas funerarias

As dependencias son indicativas das rutinas diarias: a importancia da lectura no refectorio e austeridade do dormitorio da comunidade.

A chegada a Galicia dos monxes brancos ten lugar no 1142 cando monxes de Clairvaux se asentan no abandonado convento de Sobrado dos Monxes que será a súa primeira fundación na Península Ibérica. A Sobrado seguirán outros mosteiros, entre eles Oseira, Melón, Oia e Armenteira. 
O máis próximo a nos é o de Santa María de Meira, do que se conserva a igrexa de primeiros do XII. Fundado no 1154 nunha paraxe erma por concesión de terreos donados polos condes de Sarria, tivo o seu máximo esplendor no século XVI. A igrexa segue fielmente o modelo bernardino nas abadías de segunda orde -sen deambulatorio como en Fontenay-, cunha ábsida central semicircular enmarcada por catro capelas cuadrangulares. 




  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir