07/06/09

MOSAICO

TIPOLOXÍA

A técnica do mosaico, ornamentación arquitectónica que se realiza xustapoñendo pequenas pezas de cores, ten unha orixe moi antiga. Incluso a terminoloxía pode crear confusión, vexamos os tipos principais dun xeito simplificado ssegundo os materiais empregados e o tamaño das teselas:


  • Opus sectile: consistente nun recubrimento de placas de mármore ou outros materiais lápideos, cortados en forma xeométrica, vexetal ou figurada. Similar ao traballo de taracea. Os litóstratos helenísticos corresponderían a este tipo



  • Opus signinum: incrustacións de pezas formando debuxos bastante sinxelos.



  • Opus tessellatum: realizado con teselas cúbicas todas iguais con tamaño superior a 1 cm.



  • Opus vermiculatum: con teselas non regulares de menor tamaño. Adaptase mellor para as decoracións figuradas. A miúdo combínase o vermiculatum para os contornos e o tessellatum para o recheo. Literalmente significa traballo de verme, pola formas curvas que adopta.



  •  Opus musivum: aplícase este término cando se empregan teselas de pasta vítrea.





 BREVE REVISIÓN HISTÓRICA


  • Mesopotamia. O templo de Uruk (entre o 4000 e o 3100 a.C.) estaba decorado con debuxos xeométricos elaborados por medio de pequenos conos de arxila que se incrustaban no adobe brando dos muros.



  • Grecia. Os primeiros pavimentos en mosaico elaborábanse con cantos rodados polo que reciben o nome de litóstratos. Emprega poucas cores e adopta formas sinxelas. Este é o caso destes pavimentos pertencentes á cidade de Gordión (s. VIII a.C.).



  • Helenismo. Continuou a elaborar litóstratos pero mellorou as técnicas, así para marcar os contornos ou sinalar pequenos detalles empregouse chumbo en finas láminas, e ampliou a temática con representacións figuradas en escenas mitolóxicas, históricas ou da vida cotiá. O seguinte exemplo, Dionisos cabalgando unha pantera, corresponde ao palacio da cidade de Pella en Macedonia no s. IV a.C. 




Alexandría ou Pérgamo forn centros moi importanters de producción. Agora empréganse pequenas pezas cúbicas talladas ex profeso, teselas, sexa en opus tessellatum ou en opus vermiculatum
A esta etapa, concretamente ao s. II a.C., corresponden dous famosos mosaicos atribuídos a Sosas de Pérgamo: o das pombas, coñecido só por unha copia romana, e o da "casa sen barrer" (os restos dun banquete tirados polo chan) no que o detalle chega ata plasmar as sombras. A súa calidade  fixo que Plinio o Vello describira esta arte coma "pintura en pedra". 




  • Roma, como non, asume a técnica e vaina empregar en todos os ámbitos, incluso os xenerais contaban con mosaicos móbiles para as súas tendas de campaña. Pode dicirse que non houbo casa, domus ou villa, ou edificio público que non contara con mosaicos. Xunto aos pequenos cambios técnicos, por exemplo ampliar a gama cromática ou dispoñer as teselas en arco, Roma enriquece o repertorio que se completa cos motivos cristiáns e, sobre todo, busca a tridimensionalidade o que subliña o seu carácter pictórico. Queríase contar con pavimentos que estiveran en consonancia coa pintura mural das paredes. 


De Pompeia, da chamada "Casa do Fauno", unha das máis luxosas da cidade, procede o gran mosaico de "Alexandre na batalla de Issos", unha copia romana a partir dun orixinal helenístico, realizada en opus vermiculatum

Co tempo o mosaico comezou a ascender polos muros e as bóvedas (incrementándose a dificultade), esta é unha aportación orixinal romana, sen precedentes helenísticos. De feito os romanos diferenciaban o encargado dos mosaicos murais, musivarius, e o artesán de pavimentos, tessellarius. Parece que a súa orixe está no gusto das clases acaudaladas, no s. I a.C., de adornar as grutas das súas vilas, especialmente se contiñan fontes ou estanques, con incrustacións de motivos mariños coma cunchas. Nestas estancias celebrábanse banquetes nun ambiente moito máis fresco. 

Pouco despois a decoración foise separando das grutas mariñas para introducir composicións máis variadas e complexas nas que xa se empregaban teselas de vidro.


  • Bizancio continuou a tradición musivaria enriquecéndoa co uso de teselas recubertas de láminas de ouro e acadando altísimas cotas de calidade. 


Sen embargo, pronto se vai notar a decadencia artística musivaria. É unha arte custosa, que require moito tempo e un coidadoso traballo, polo que será a pintura quen a substitúa.
Hai un certo reverdecer no ámbito islámico e na Italia renacentista, pero haberá que esperar séculos para que artistas coma Gaudí e os seus trencadís, impulse novamente o mosaico.


TÉCNICA

A autoría non adoita ser coñecida, os mosaicistas non tiñan o mesmo recoñecemento que os pintores, se ben os salarios do musivarius eran máis altos que os do artesán tessellarius. O Edicto do Maximo, 301 d.C., establecía para o primeiro 60 denarios por día, mentres o segundo non podía superar os 50, o mesmo que un obreiro da construción ou un panadeiro, mentres que un pintor de imaxes podía chegar aos 150.
Na realización dun mosaico interviña un número elevado de persoas, por iso, na maioría dos casos, a firma indica ex officina ..., é dicir, do taller de...
A documentación romana diferencia entre o pictor imaginarius, deseñador dos patróns, e o lapidarius, encargado da parte técnica (talla das teselas, preparación da base e montaxe do mosaico).
Os materiais das teselas eran diversos: mármores de cores, pedras semipreciosas (cornalina, lapislázuli) e pasta de vidro, esmalte ou cerámica. Unha vez talladas, pulíanse con pó de mármore, area ou cal, para facelas lisas, compactas e brillantes.
O proceso dos pavimentos mosaicos comezaba pola preparación da base sobre a que se superpoñen tres capas:

  • statumen (un conglomerado de pedra)
  • rudus (capa de morteiro de grava e cal)
  • nucleus (cerámica triturada e cal)

Sobre esta derradeira capa vanse colocando as teselas.
Para os mosaicos murais, era preciso comezar por impermeabilizar a parede cunha capa de betún, resina ou alquitrán, logo superpoñíanse ata tres capas de morteiro deixando endurecer unha antes de colocar a seguinte.
O deseño, paradeigma en grego, facíase a tamaño natural sobre un cartón coas cores que recibiría, é a sinopia.
Nos seguintes debuxos ves un esquema da execución



Para facerse unha idea do proceso: este video .
E, por se non te das de conta, hai moitas formas de utilizar mosaicos, taraceas ou incrustacións, algunhas con éxito e outras non tanto.





A MODA DIALOGA COA ARTE





No 2011, o Museo Pushkin de Moscova presenta unha mostra retrospectiva de Dior baixo o título Inspiration Dior que podemos ver neste vídeo. A inspiración destes traxes de alta costura, un total de 150, símbolo de luxo e elegancia, está novamente na arte, particularmente en pintores como Renoir, Picasso, Modigliani, Goya, Klimt ou Gauguin.
Non significa que se copien as obras ou se reinterpreten, o que os deseñadores de Dior como Galliano ou Ferré fixeron foi empregar a obra de arte como fonte de inspiración en cores, texturas, liñas, ambientes ...
Desfrutemos con esta exposición por medio das imaxes.

Mais recentemente, Kate e Laura Mulleavy, deseñadoras californianas da firma Rodarte, inauguraron unha instalación en Florencia dentro da feira téxtil Pitti Image. Os seus deseños teñen como inspiración os frescos de Frá Angélico e a obra escultórica de Bernini Éxtase de Santa Teresa




Yves Saint Laurent, deseñador francés de alta costura, ven de falecer o 1 de xuño deste 2008. Comezou a traballar na firma Dior ata que, tras distintos avatares, fundou a súa propia casa de costura, xunto a Pierre Bergé, coa que obtivo importante recoñecemento mundial. Foi o introductor do smoking e os pantalóns para a muller o que supuxo toda uha revolución andróxina no vestir feminino.
A súa afición á arte levouno a homexaer a distintos artistas plásticos: Picasso, Mondrian, Warhol, Poliakoff ou Wesselmann. A Fundación Pierre Bergé montou con estas obras unha exposición baixo o título Yves Saint Laurent dialoga coa arte (orixe das imaxes) que ven de ser presentada na Coruña coa colaboración de Caixa Galicia
Xa ves, a arte está por todas partes, non só é cousa de museos.


A colección primavera-verano 2009, de John Galliano para Dior, ten unha clara inspiración na pintura flamenga




Agatha Ruiz de la Prada, que pode gustar ou non pero sempre resulta sorprendente, presentou a colección 2008 tomando como base a obra de Velázquez, As Meninas
Xa no 2009-2010 presentara a colección outono-inverno chea de elementos tomados de Dalí (ollos, ovos, caixóns, bigote, corazóns,): o surrealismo desfila pola pasarela.






Alexander McQueen, serviuse da arte na colección de outono-inverno 1997-98, onde unha chaqueta reproducía a Crucifixión do bo ladrón, obra de Robert Campin.

 
Na súa derradeira e póstuma colección de outono-inverno 2010-11, baixo o título de Anxos e Demos, volveu a mirado ao mundo medieval, a Bizancio, aos primitivos flamengos, aos motivos das tallas en madeira de Grinling Gibbons
como antigas madonas, as modelos ocultaban o seu cabelo baixo tocas e cofias douradas de aire medieval e recordaban cando as mulleres se afeitaban para alongar a fronte. Os tecidos brillantes, a rica textura dos brocados e os drapeados,fan destacar as imprimacións de fragmentos de obras de arte.
Abaixo unhas imaxes tomadas de http://standingcinema.wordpress.com

No 2009, a inspiración está en Escher


Na colección primavera-verán de 2006, Stella McCartney presentou vaporosos vestidos de gasa impresa con imaxes de obras pictóricas de Jeff Koons. Este artista de orixe estadounidense clasificado como neopop ou, incluso, como postmoderno ou minimal, fíxose coñecido polas súas esculturas en aceiro inoxidable, pero a imaxe que seguramente mellor coñecemos do seu traballo sexa a do can  Puppy na entrada do Museo Guggenhein en Bilbao,
Coma nos casos anteriores a pasarela semellaba un desfile de lenzos en movemento, nesta ocasión con suculentos labios vermellos, espirais de cremosos chocolate, froitas xugosas,...


Mondrian está presente na colección de Balmain 2015

A colección de Dolce&Gabanna de 2008 ten a súa referencia nos lenzos de Pollock e de Julian Schnabel

Pero aínda hai moitas máis mostras desta conexión entre a arte e a moda, ben porque os deseñadores indaguen na historia da arte ou ben porque os artistas se poñan ao servizo das grandes marcas. 
Mira todos estes exemplos





















Man Ray inspirando a Jean Catelbajac



Por último revisamos a labor de Elsa Schiaparelli, deseñadora contemporánea de Coco Chanel -falamos dos anos 30-, moito máis inovadora que ela e, sen embargo, o seu nome resulta hoxe pouco coñecido.
Provocadora e rupturista, inxeniosa e sorprendente, divertida, refinada e extravagante introduciu grandes novidades no campo da alta costura: creou roupa de deporte para mulleres, incluíndo a falda-pantalón, impuxo a cor rosa shocking -rosa chicle-, empregou cremalleras visibles e ombreiras, engadía candados, ideou todo tipo de botóns, mesturou materias diferentes -plásticos, celofán,coiros barnizados-, elevou a categoría do punto.

A tenista Lilía Álvarez, amiga da deseñadora, amosa as vantaxes da falda-pantalón
E, se no ámbito de amistades artísticas da època, Coco Chanel optou polos cubistas, Elsa decantouse poolos surrealistas e dadaístas. Entres os seus amigos estabnan Salío, Picabia, Cocteau, Man Ray,... Eles deseñaron tecidos, debuxos e accesorios para as súas coleccións, ela xugou cos principos do surrealismo borrando os límites entre realidade e ilusión, natural e artifical, alterando as escalas e desprazando a ubicación de elementos, servíndose de trampatollos.
Sobre un fondo de rosa shocking, vexamos algunhas mostras da súa creatividade: vestido- esqueleto, abrigo-escritorio, vestido-lágrimas, sombreiro-zapato, guantes con uñas, botóns de insectos e de acróiatas, xerseis con trampantollo, zapatos con pelo de mono,..... ;oito lle deben os deseñadores actuais a esta muller rompedora.









  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir