Igrexa pertencente ó mosteiro de Santa María de Oseira (Cea-Ourense), fundado no 1137 e adherido pouco despois ó Císter, que se viña de introducir durante o reinado de Afonso VII. O mosteiro de Oseira, xunto co de Sobrado, son os primeiros mosteiros cistercienses construídos en Galicia, a onde chegaron directamente monxes desde o mesmo Claraval.
Do mosteiro fundacional de Oseira, o único medieval que se conserva é a igrexa, datada a finais do XII ou primeiros do XIII, foi consagrada no 1239.
O conxunto edilicio presenta a estrutura planificada de todos os mosteiros cistercienses, congrega a igrexa, o claustro e demais dependencias propias do mosteiro: sala capitular, refectorio, biblioteca, cociña, dormitorios,...>
Estilisticamente enmarcase na arte románica se ben xa en transición cara ó gótico pois incorpora elementos novidosos como o arco oxival e a bóveda de cruzaría.
Emprega na construción, cantería de granito de grande calidade técnica. O conxunto recibe o nome do Escorial galego.
CONTEXTO
A finais do século XI, o abade beneditino Roberto de Molesmes tentou recuperar os fundamentos espirituais da Orde, que o éxito levara pólos camiños do poder e a riqueza, esquecendo a austeridade preconizada polo fundador San Bieito de Nursia. A tal fin, Roberto retirouse con outros monxes a Citeaux, cerca de Dijon, en Francia, onde fundou unha abadía. O primeiro paso de reforma fracasou pero tempo despois, a primeiros do XII, Bernardo no mosteiro de Claraval deu o pulo definitivo postulando a volta á primitiva humildade en contra da relaxación dos costumes, rexeitando todo luxo e todo boato, a fin de que nada puidera distraer os monxes das súas obrigas, o traballo e a oración. Os monxes brancos expandíronse rapidamente, instalándose principalmente en lugares remotos, dedicados ao traballo agrícola de xeito que tiveron grande relevancia como colonizadores.
A arte ha de cinguirse ao esencialmente funcional suprimindo toda a carga ornamental que chegou a ter a arte románica. Non se trata propiamente dun estilo novo pero si unha nova concepción que se materializa nos mosteiros bieitos dos monxes brancos.
A decadencia do Císter, apegado a unha vida feudal e rural que sen embargo os levou a un grande enriquecemento, ten que ver co desenvolvemento das novas ordes medicantes, franciscanos e dominicos, que situarán os seus conventos no ámbito urbano e que se adaptarán mellor ás novas formas de vida das cidades
ANÁLISE
Presenta planta de cruz latina con tres naves de sete tramos no brazo lonxitudinal e unha soa, de grande anchura e dous tramos, no transepto. A nave central é máis alta e notoriamente máis ancha que as naves laterais que resultan notablemente estreitas.
A cabeceira está moi desenvolvida, consta dunha capela maior semicircular,- en contra da denominada planta bernarda que propugnaba testeiros rectos por seren máis económicos de construír- precedida de dous tramos rectos e rodeada por un deambulatorio. Esta xirola que está as seguir o modelo da Catedral de Santiago, ábrese ó altar maior por arcos apuntados apeados en grosas columnas dispostas sobre un zócolo e a el dan as cinco absidiolas radiais, orixinalmente de planta semicircular, separadas por muros baleirados en ventanais.
Na labra dos capiteis, seguindo a norma do ascetismo, prescíndese da figuración –só hai un con cegoñas enfrontadas- e optase polas formas vexetais con follas lisas
Separan as naves piares cruciformes con columnas adosadas a distinta escala. Dúas prolónganse ata os arcos de faixa mentres que outras dúas menores serven de apoio aos arcos formeiros oxivais dobrados.
As cubertas, tanto no eixo lonxitudinal coma no transepto son bóvedas de canón oxivais lixeiramente apuntadas e reforzadas por arcos de faixa; no presbiterio, cruzaría de catro nervios separadas por arcos de faixa, todo en sección oxival; na ábsida, bóveda de cruzaría con oito nervios e sete plementos cóncavos. A solución innovadora das bóvedas de cruzaría, máis económicas de construír, permitiu a obtención de amplos e diáfanos espazos, como vemos nesta nave central e no transepto.
No cruceiro, unha cúpula nervada sobre pendentes con ciborio octogonal, máis tardía.
A luz penetra polas fiestras que se abren no alto da nave central desde o arranque da bóveda, por riba das naves laterais, e no muro desas mesmas naves laterais. Como é tradicional nas igrexas cistercienses, nas xanelas emprega arcos de medio punto.
A estrutura interna reflíctese exteriormente pola gradación dos volumes: unha gran nave central e estreitas naves laterais, unha grande ábside e pequenas absidiolas. O muro reforzase exteriormente, para contrarrestar o empuxe das bóvedas, por medio de contrafortes
Tres portas comunicarían co exterior: no lado Sur, cara ó claustro; no lado Norte, cara o cemiterio dos monxes; nos pés habería unha sinxela portada sen torres -o pobo non entraba na igrexa-, pero hoxe despois do coro alto apoiado en fermosa bóveda de crucería reticulada, realizado no XVI, vemos a grande fachada-telón ó modo barroco, datada a mediados do século XVII.
En conxunto, a obra arquitectónica cisterciense en Oseira mantén unha total economía e pureza de formas basada na liña pero dentro dunha obra de proporcións monumentais.
Coa desamortización de Mendizábal no século XIX, o mosteiro quedou abandonado, entrando nun proceso de ruína que se comezou a solventar coa volta dos monxes no século XX, iniciouse unh labor de restauración que lle devolveu o seu antigo esplendor.
Ata fai ben pouco as mulleres eran educadas exclusivamente para ser amas de casa. En Crónica dunha morte anunciada, García Márquez escribe:
elas foran educadas para casarse. Sabían bordar con bastidor, coser a máquina, tecer encaixe de bolillos, lavar ,...
En España, e durante moito tempo, as mulleres sen estudios ou sen unha profesión cubrían a folla de empadroamento poñendo SL no apartado "profesión". Pero, ¿que era SL?. As siglas respondían a Sus Labores, o que equivalía a dicir que o papel da muller era atender a casa para cumprir unhas funcións básicas: coidar do esposo e dos fillos. Por sorte hoxe esta concepción restritiva do papel da muller ten desaparecido.
Certo que a muller facía e segue a facer labores, entendendo como tal coser, fiar, bordar, tecer, palillar, ...... Isto é o que a miúdo ten recollido a pintura ao longo dos séculos: a muller facendo labores no fogar.
Nas imaxes que seguen vemos o modo habitual do tratamento do tema: a muller soa, nun marco espacial reducido -sexa interior ou exterior-, concentrada, nun entorno silencioso e calmo, allea ao que pasa ó seu redor, seguramente pensando.
Outra forma de velo era presentando a muller como nai, ocupada no labor ó mesmo tempo que coida dos fillos, ensinando á filla ou traballando en grupo.
Get the flash player here: http://www.adobe.com/flashplayer
Tamén nas clases máis poderosas as mulleres practican labores, seguro que non por necesidade senón como entretemento "moi feminino". Mira
Pero pasa o tempo e chega a revolución industrial e a máquina de coser, no século XIX. Foi unha innovación de fortes repercusións, ata o momento o xeito de coser tiña evolucionado moi pouco desde a introdución das agullas de aceiro. Agora con ela, a diferencia doutra maquinaria industrial, a muller pode elaborar as roupas e vestimentas da xente da casa, bordar manteis ou facer cortinas, con moita máis facilidade, teñen un espazo propio para un labor ó que lle dedican o tempo que queda das rutinas diarias. Pouco cambia sen embargo o xeito de mostralo na arte, segundo vemos nestas dúas obras á dereita e esquerda. Segue a representación individualizada, mantense ese aire de recollemento e silencio -só roto polo traqueteo da máquina-, a concentración no traballo que xa víamos anteriormente.
Carlos Maside,Costureira, 1945
Edward Hopper, Muller cosendo a máquina, 1921 A máquina de coser trouxo outra consecuencia: moitas mulleres vanse converter en costureiras ou modistas. Un traballo socialmente admitido e có que se colabora na economía doméstica, pero certamente un traballo duro. Thomas Hood publicou no 1843 esta Canción da camisa na que glosa a miseria das costureiras inglesas
Con dedos cansados y magullados Con párpados pesados y enrojecidos, Se sienta una mujer, en harapos poco femeninos, Manejando aguja e hilo ¡Cose, cose, cose! En la pobreza, el hambre y la suciedad, Y aún, con una voz doliente Canta la "Canción de la camisa."…
Coa costura a muller incorporase ó mercado laboral como profesional liberal, ás veces có seu propio taller cheo de aprendizas ou incluso cunha tenda para a venda directa. Non son moitas as obras que reflicten esta temática, queden como mostra as que seguen Paul Signac, Dúas deseñadoras na rúa do Cairo, 1885-86 Stitfer Moritz, Costureiras, 1889