15/04/12

FROTTAGE e GRATTAGE





O frottage é unha técnica consistente en frotar cun lapis un papel colocado sobre unha superficie con textura de xeito que esta se transmite ó papel.
Á esquerda un frottage de Marx Ernst: O fascinante ciprés.



















O grattage consiste en rascar ou resgar os pigmentos da pintura xa seca sobre o lenzo ou táboa como fai Tàpies neste lenzo, Cruz e Terra.






DUCHAMP

Unha introdución



FONTE

CATALOGACIÓN

Ready-made realizado no 1917 por Marcel Duchamp, artista de orixe francés que desenvolveu boa parte da súa traxectoria en Nova  York a onde marchou por mor da guerra mundial. Nestas datas tiña deixado de facer obra pictórica.
Non se trata senón dun urinario masculino de louza branca cambiado de posición e cunhas letras escritas en tinta negra, R. Mutt 1917, a firma.
Clasifícase dentro do Dadaísmo, resultando unha das mostras máis significativas da provocación e da rebeldía dadá en contra de calquera canon artístico e estético establecido.
Os ready-made -xa feito- son a achega máis persoal de Duchamp no campo da escultura, se así a podemos considerar. Sen crear nada novo, só modificando e descontextualizando algo existente, xeralmente obxectos vulgares e de uso común, crea un obxecto novo, orixinal, inútil pero que ó situalo nun ámbito artístico outórgalle outra significación e valoración. A cuestión é ¿é isto arte?. En realidade é unha provocación.
Foi pioneiro da arte cinética, das performance e das fotomontaxes. Exerceu forte influencia sobre o Surrealismo e o Pop Art.


CONTEXTO


Ata as vangardas máis radicais conservaron algún nexo coa tradición, cando menos a obra estaba realizada con técnicas clásicas para facer unha obra artística. Pero agora o Dadaísmo rompe con todo, pois a súa intención é destruír a arte, pasada e presente, desde a Antigüidade ata as vangardas. Para logralo, sitúase fóra do mundo artístico. Non se considera a si mesmo unha vangarda, nin ten ningún presuposto formal. Renuncia incluso a considerar obras de arte as súas creacións ás que denominan obxectos.
Moito ten que ver na súa xénese a Primeira Guerra Mundial que ven de demostrar ata que punto a sociedade industrial provocara a maior masacre da historia. A arte formaba parte desa sociedade monstruosa e había que aniquilala para volver partir de cero.
Pódese afirmar que as súas creacións non son obra de arte como tal pero o Dadaísmo si constitúe unha vangarda en tanto é un fenómeno de reflexión sobre a arte e a súa función. Criticaron duramente a hipocrisía do mercado da arte que aceptaba como arte a obra pola firma do seu autor, independentemente da verdadeira comprensión do seu significado. De aí o seu empeño en provocar por calquera medio
A súa orixe está en Zúric arredor do poeta Tristan Tzara (lee: receita para facer un poema dadaísta), autor do Manifesto Dadá, e paralelamente en Nova York con Duhamp e Man Ray. Despois da guerra configurouse en Berlín un Dadaísmo máis radical e violento. En calquera caso non existen criterios artísticos de unión entre eles, o que os une son as actitudes.
A denominación Dadaísmo, outorgada por Tristan Tzara tamén autor do primeiro Manifesto Dadá, foi a elección ó abrir un dicionario e escoller a palabra que aparecese. A palabra non significa nada o que enlaza ben coa concepción artística do grupo.


ANÁLISE

Neste momento Duchamp era membro da xunta da Sociedade de artistas independentes de Nova York que celebraría o seu primeiro salón no 1917 para o que, dixeron, admitiríanse todas as obras presentadas. Duchamp envía a Fonte, baixo o pseudónimo R. Mutt. Este xesto de enviar un produto comercial intacto fabricado en serie e firmada por un artista inexistente, está en clara oposición á sacralización da obra de arte como creación única e irrepetible, saída de mans dun xenio.
Pero a obra é rexeitada: por "inmoral e vulgar" e por ser un "plaxio ou máis ben unha unha peza comercial procedente da arte da fontanería". Estivo un tempo exposta nunha galería na que se fixo a foto da peza orixinal hoxe perdida (tempo despois fixo varias máis).
É un contrasentido posto que fai anti-arte pero converténdoo en arte. Cando se desubica a peza, se trastoca a súa posición habitual, se firma e se coloca sobre un pedestal para ser exposta nun entorno artístico, a valoración que dela se fai cambia. En defensa da súa obra subliña a esencia do acto artístico, a idea liberada da propia técnica artística .
Se o Sr Mutt construíu ou non coas súas propias mans a Fonte non ten ningunha importancia. El a ELIXIU. Tomou un obxecto da vida de acotío, reubicouno de modo que se perdera o seu sentido práctico, deulle un novo título e creou un novo significado para ese obxecto.
O obxectivo está claro: ir en contra dos valores estéticos establecidos por medio da provocación.
Non se trata de arte conceptual, aínda que o anticipa, pois ata o día de hoxe non hai constancia de que quixera dicir algo con esta montaxe, nin de lograr unha visión estética. Así explica:
A relación deses ready-mades nunca me foi ditada por un pracer estético. Tal elección sempre está fundamentada nunha reacción de indiferenza visual, ó mesmo tempo que na ausencia total de bo ou mal gusto.
O maior sarcasmo é que obras coma Fonte, un sarcasmo artístico, seguen hoxe presentes nos museos e segan a ser consideradas como valiosas achegas á Historia da Arte. O mesmo Duchamp escribiu:
Lanceilles á cabeza os botelleiros e o urinario como unha provocación e agora resulta que admiran a súa beleza estética.
Cos seus ready-mades está a cuestionar esa gran pregunta: ¿que é a arte?, ¿que lle da valor a peza en si ou a firma?. O que Duchamp deixa claro é que non hai resposta, ninguén sabe como definilo ou en que consiste, a non ser todo aquilo que interroga a propia intelixencia do espectador. É pois este quen completa a obra mentres que o artista só actúa como mediador canalizando os significados xa inherentes ós obxectos e ós materiais.
Unha cousa quedaba clara: arte é sobre todo unha reflexión, unha idea máis que un obxecto, unha técnica ou unha forma.



L.H.O.O.Q.

CATALOGACIÓN

En 1919, sobre unha reprodución da Gioconda de Leonardo da Vinci, Duchamp pinta con lapis uns engadidos (bigote e perilla) e engade un título: L.H.O.O.Q.
Non pretende con esta intervención esnaquizar unha obra mestra, pero si criticar o papanatismo, a veneración que o público lle outorga
As siglas lidas en francés quere dicir Ela ten calor no cu, ou o que é o mesmo está quente.
.......


CONTEXTO

....


ANÁLISE

Provocador, divertido e contraditorio cando Duchamp lle pinta un bigote e unha barbicha a unha reprodución da Gioconda, non está a rir de Leonardo nin intentando demostrar que facía arte.
O obxectivo, igual que cos ready-mades coma a Fonte, era destruír a anquilosada, seria e hipócrita forma de entender a arte por parte dos que, simplemente, a utilizaban no seu propio beneficio.
Neste caso parte dunha postal, unha mera reprodución de baixa calidade, repintada como adoitan facer os colexiais nos libros de texto.
..........
A apropiación de obras ten un longo percorrido no século XX.




CURIOSIDADES: MÚSICA DE VANGARDA
- JOHN CAGE, Music for Marcel Duchamp, 1947
Cage compón este tema para a película de Hans Ritcher "Dreams that money can buy", concretamente para o fragmento referido a Duchamp. 
O dadista e o músico tiñan moito en común, eran sobre todo rupturistas, provocadores e subversivos. Se Duchamp "inventou" os ready-made, elevando a categoría de arte aquelo que por si non o era, Cage rompeu coas formas harmónicas tradicionais e serviuse de obxectos diversos para as súas composicións (exemplo neste programa de TV, ou na composición 4'33'').
 
Duchamp non só fixo cine, como vimos, senón que tamén compuxo un total de tres composición, as tres no 1913: 
- Erratum Musical. Peza para tres voces, en principio as súas irmáns e el mesmo, polo que as tres partes da peza teñen os seguintes nomes: Yvonne, Magneleine e Marcel. A composición fíase ó azar: comezou por romper un cartón en pequenos anacos cunha nota en cada un, mesturounos nun sombreiro, sacounos ó chou ata formar tres grupos de 25 notas, o que se corresponde con cada unha das tres partes da composición. Non se indica se as voces cantan separadamente ou como un trío. 
- La mariée mise à nu par ses cèlibataires, même. Obra coñecida tras da súa morte, formaba parte dos apuntamentos tomadaos para o seu "Gran Vidro". A elección do/dos instrumentos quedaba nas mans do/dos intérpretes. Unha vez decidido, bolas coas notas musicais caían a través dun funil aleatoriamente en número distinto -o número indicaría a tesitura e a orde equivalería ó compás- No ano 2000 publicouse un CD de Petr Kotik e John Cage interpretando a partitura. 
- Sculpture Musicale Unha sinxela anotación que deixa marxe para interpretación, na que sinala a emanación de sonidos desde lugares diferentes ata ir conformando unha escultura musical. Hai que ter en conta que esta composición confiada ó azar tamén se estaba a dar no campo da poesía e da arte a través do movemento Dadá, suprimindo o virtuosismo interpretativo e subliñando pola contra o carácter físico do son, son -di Duchamp- que crea espazo no que se somerxe o espectador.





13/04/12

KANDINSKY, PRIMEIRA ACUARELA ABSTRACTA






CATALOGACIÓN


Óleo sobre lenzo, en formato case cadrado que supera o 1x1, pintado por Vasssily Kandinsky no seu taller de Múnic, días antes do estoupido da Primeira Guerra Mundial no 1914.
Pouco despois volvería a Rusia e colaboraría co novo réxime nacido da revolución. Farto do sistema volve a Alemaña para se incorporar á Bauhaus e traballar seguindo a abstracción xeométrica. Cando os nazis pechan a Bauhaus trasladase definitivamente a Francia.
O ambiente do ano 14 fai que se interprete a obra como a tradución plástica, en linguaxe abstracta, da tensión e o clima prebélico que reinaba entón en Europa. A pugna dos campos de cor viría ser unha metáfora da inminente guerra.
Foi o primeiro artista que comezou a exploración deste camiño da abstracción (pola casualidade ver unha obra súa colocada do revés), foi realmente un místico que aborrecía os valores do progreso e da ciencia e anhelaba a rexeneración do mundo mediante unha nova arte de pura interioridade.
Entende que a pintura só ten como función facer visible ó resto dos homes unha realidade de orde superior experimentada polo propio pintor.
Kandinsky, integrado no grupo expresionista alemá O xinete azul, realiza en 1910 a súa primeira obra abstracta, unha acuarela e tinta sobre papel.
No seu libro Do espiritual na arte, compendia as súas reflexións sobre o cambio estilístico que leva a cabo, subliñando o paralelismo coa música. Se a música, sen palabras, logra transmitir emocións, do mesmo modo a pintura, liberada de toda referencia figurativa, recupera todas as posibilidades de transmitir emocións e sentimentos. De feito Kandinsky denominou música cromática ás súas primeiras tentativas abstractas.


CONTEXTO


Posiblemente a denominación de abstracto para este tipo de pintura non teña sido o máis afortunado, moitos prefiren a denominación de non obxectiva ou non figurativa.
Se os expresionistas postularon que a arte non era a imitación da natureza senón a expresión dos sentimentos a través da imaxe, a abstracción quixo dar un paso adiante: a arte sería máis pura suprimindo todo referente e servíndose exclusivamente dos efectos de cor e forma. As obras resultantes adoitan carecer de títulos individualizados pois non son senón un xeito de comunicación.
A pintura abstracta non posúe unidade ideolóxica nin programática, os pintores abstractos só teñen en común a eliminación das referencias directas á Natureza, o interese polas experiencias plásticas radicais e a influencia de ideas teosóficas que conectaban arte e espiritualidade.
A forza expresiva dos lenzos estará agora nas formas e cores, sen relación coa realidade.
Son fundamentalmente tres as primeiras tendencias abstractas: a Abstracción lírica representada por Kandinsky, a Abstracción xeométrica ou Neoplasticismo representada por Mondrian e o Suprematismo exemplificado en Malevich quen considera que só haberá unha arte nova eliminando calquera trazo da arte establecida.
Na Abstracción lírica, así chamada porque outorga á arte unha función mística, as cores e as formas dispóñense dun xeito aparentemente caótico seguindo o ditado intuitivo do pintor quen expresa libremente as súas emocións sen pretender racionalizalas. Prima por tanto á fidelidade ós propios sentimentos fronte á fidelidade ó mundo das aparencias. A través da linguaxe de formas e cores, sen motivos figurativos, sen tema, a obra expresa un contido interior a través do que conmover psíquica e espiritualmente ó espectador.
Kandinsky, que escribiu O elemento interior determina a obra de arte, establece todo un corpus teórico sobre o significado das liñas (o punto é o elemento primario, a repetición de puntos xera a ritmo; a liña crea a melodía, aporta temperatura e xera movemento; a horizontal e a vertical configuran forzas estáticas e dinámicas.
O seu camiño cara a abstracción é paulatino, pasando por unha primeira etapa na que se poden recoñecer as formas (nun grupo de cadros chamados impresións) pasando logo a obras cada vez máis esquemáticas, as improvisacións para rematar na plena abstracción coas chamadas composicións.


Impresión III: Concerto (1911)
Improvisación 19 (1911)
Composición IV (1911)


ANÁLISE


Nesta obra Kandinsky abandona todo elemento figurativo que aínda se podían intuír nas obras anteriores como cabalos, campanarios, figuras humanas,... O cadro de Kandinsky é unha completa liberación da forma e da cor.
Kandinsky tamén rexeita o espazo tridimensional que ata agora fora un dos obxectivos da pintura. O espacio resultante é un espacio dinámico xa que as formas non son arbitrarias senón que suxiren un remuíño a base dos xestos do trazado das formas e da disposición das cores. Estes trazos en ocasións son lonxitudinais, noutros curvos, pero sempre ofrecen ese sentido dinámico que a obra posúe no seu conxunto.
Nas súas teorías artísticas prescinde da forma que escraviza á pintura pero tampouco quere quedar nunha mera forma decorativa, así vai a estudar a influencia das formas e das cores na psique humana e posteriormente elaborará as súas obras coa pretensión de conseguir un efecto no espectador.
“O vermello, unha cor limitada e cálida por excelencia, se comporta no noso interior como unha cor inqueda, impulsiva, chea de vida. Non posúe ese carácter irreflexivo propio do amarelo que parece disolverse cara os extremos…”
“O azul é a cor tipicamente celestial, o elemento da calma. Crea unha profundidade en estados máis graves onde non existe nin pode existir un final”
Neste cadro predominan estas dúas cores, o vermello e o azul e ademáis están sempre xuntos:  o azul é unha cor fría que tende a contraerse mentras que o vermello é cálido e tende a expandirse.
Estas dúas cores funcionan como dúas forzas que en ocasións poden sumar e noutras restar ou sexa limitarse ou impulsarse mutuamente. Este dinamismo cromático é potenciado polos trazos lineais que en certo modo suxiren a dirección e o ritmo das manchas que habitan no lenzo, poñendo en movemento toda a acuarela.
A autonomía da cor permitiulle a Kandisky ensinar unha concepción da pintura cercana á pureza musical. Para él, tanto as cores como os sonidos teñen capacidade de emocionar e significado expresivo propio que conduce a unha experiencia espiritual.
A función da obra de arte é presentar unha nova linguaxe plástica que represente o mundo espiritual do ser humano lonxe do mundo material. As obras de arte non hai que entendelas, hai que sentilas!


Escoita o comentario na web do Museo Thyssen, tamén podes ver a imaxe con máis detalle







11/04/12

VISIÓNS DA ARTE CONTEMPORÁNEA


Mario Marilungo, ilustrador italiano, ilustra Historia da arte de xeito ben divertido.
Se as interpretacións do tema de espantar a mosca e os debuxos son estupendos, aínda mellores son os títulos. 




¿Cómo sería o  can de certos artistas: resposta



A industrialización da arte moderna





Un vídeo (ponlle os subtítulos en español) do fotógrafo suízo Ursus Wehrli: ordenando a arte. Tamén se refire a arte contemporánea, ¡Canto xogo da!


Esta manía compulsiva da orde reflíctea no seu libro -A arte da limpeza: vida limpa e ordenada- con imaxes dos elementos reordenados, aplicado dun xeito sistemático a todo aquelo que encontra, desde un prato de sopa ata un aparcamento de coches. 

Basta que poñas o seu nome no buscador de imaxes e encontrarás curiosos ordenamentos. Aquí un exemplo






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir