09/06/17

O BOSCO- O XARDÍN DAS DELICIAS




CATALOGACIÓN

Título: Tríptico do xardín das delicias.
Autor: O Bosco
Cronoloxía: finais século XV – inicios do século XVI.
Estilo: pintura flamenga – Países Baixos.
Técnica: óleo sobre táboa + grisalla.
Localización: Museo do Prado


A obra foi encargada por un membro da casa de Nassau, logo pasou a mans de Guillermo de Orange a quen llo confiscaron os españois -duque de Alba- e finalmente adquiriuno Felipe II  nunha almoeda coa idea de envíalo ó mosteiro do Escorial onde estivo ata a Guerra Civil cando o levaron ó Museo do Prado. 
Descoñecemos o título orixinal, Filipe II definiuno como unha obra sobre a "variedade do mundo", mentres que o bibliotecario do Escorial referiuse a ela como "táboa da gloria vana e breve gusto da fresa e o madroño". A denominación actual foi fixado no século XIX tomando como referencia a táboa central.
Trátase dun tríptico, polo que vemos unha representación cando está aberto e outra cando está pechado. 


TRÍPTICO PECHADO
Representa en grisalla (aínda non hai cor no mundo) o que segundo o Xénese aconteceu o terceiro día da Creación: separación das augas e da terra e a creación do Paraíso terrenal, ó tempo que comeza a separarse a luz da oscuridade. Dentro dunha esfera translúcida mostra a terra plana con auga arredor e vexetación. Arriba á esquerda aparece Deus Pai de quen emana un raio de luz creador e na parte superior hai unha alabanza a Deus, escrita en latín tomada dos Salmos de David.
Vai contar a historia do mundo resultado do poder de Deus.


TRÍPTICO ABERTO
Despréganse as tres táboas nunha brillante policromía para tratar o tema do pecado, ou máis exactamente o devenir da humanidade cando esquecendo os mandatos divinos acaba no inferno. As tres táboas se estruturan en planos superpostos dado o punto de vista moi baixo que eleva a liña de horizonte. A lectura faíse de esquerda a dereita e de arriba abaixo. 


- Táboa esquerda. Representa o Paraíso terrenal
En primeiro plano, unha charca da que sae unha grande diversidade de seres híbridos (aínda no Paraíso a armonía non é completa). 

Por riba dela, a escena principal: Deus (iconograficamente como Xesucristo) presenta Eva a Adán -non se trata da creación- para cumplir a orde "crecede e multiplicádevos", asimílase coa institución do matrimonio, pero tamén simboliza a mentalidade medieval da culpabilidade de Eva. Á esquerda de Adán, a árbore da vida, neste caso un  drago, unha árbore exótica naqueles tempos. 
No seguinte nivel, a fonte da vida da que manan catro chorros de auga que dan lugar ós catro ríos que, segundo o Xénese nacen no Edén. Nun oco asoma unha curuxa, animal asociado á noite, á loucura, ó mal. Na ribeira dereita, sacian a sede algúns herbívoros, entre eles un unicornio. No lado da dereita, sobre unha rocha antropomórfica (ver semellanza en Dalí), a árbore do ben e do mal, unha palmeira coa serpe enroscada no tronco, a serpe que provocará o pecado e a expulsión do Paraíso.Cara alí encamiñan os pasos animais monstruosos. Toda a táboa presenta o ben á dereita do Señor e o mal á súa esquerda.
As pradeiras nas que pacen animais, algún de novo exótico como elefante, mono ou xirafa, e voan bandadas de paxaros, remata nas picudas montañas azuladas que pechan o acceso ó Edén.


-Táboa central
É a de maior tamaño e a que dá nome ó tríptico. A paisaxe e a fonte dos catro ríos son a ponte de conexión coa táboa anterior.
Á primeira ollada poderíamos pensar que estamos a ver un lugar idílico con fantásticas estruturas arquitectónicas onde todo é alegría. Mais cando nos fixamos, observamos que aquelas catro estruturas están quebradas, craqueladas, son inestables, a vexetación as perfora, e que as relacións que se establecen entre as figuras -persoas, animais e froitos- non son normais. 

Estamos diante dun mundo ó revés, nada é o que parece. A lectura responde á mensaxe do fráxil e efémero que resulta a felicidade dos praceres pecaminosos.
Multitude de figuras ocupan o espazo nun manifesto horror vacui Toda a parte inferior está dominada polo caos en oposición á xeometría reinante  nas dúas partes superiores.
Os humanos -homes e mulleres, brancos ou negros, pero sempre xente moza- están espidos, interactúan cos animais, ou entre eles en parellas ou en grupos. Algúns practican sexo, outros comen as froitas que lles dan os paxaros, beben, cabalgan sobre aves ou peixes, danzan, ... Tan só algún mira o espectador como se nos invitara a entrar nesa voráxine.
Os animais, reais ou fantásticos, e as plantas aparecen a maior tamaño do real. 





No nivel medio, encóntrase un estanque con mulleres espidas e paxaros ou froitas na cabeza. No seu redor xira, en sentido contrario ás agullas do reloxo, unha cabalgada de homes en actitudes eróticas montando cabalgaduras (algunhas fantásticas), levan tamén ramas, froitas ou aves (como ofrenda ás mulleres do estanque?). É a expresión do desexo e a luxuria.


A parte superior ven dada pola fonte dos catro ríos, similar á da táboa esquerda pero en azul, rodeada de catro estruturas fantásticas de formas orgánicas. A fonte está craquelada, a piques de romper en alusión a que a felicidade falsa proporcionada polos praceres non dura e ten como castigo do inferno.
Non ángulo inferior dereito, dúas figuras que parecen estar á marxe do resto: un home vestido, o único en toa a obra, xunto dunha muller que suxeita un ha mazá.  Ambos asoman dende unha especie de cova. Tense asociado con Adán e Eva -aínda que hai outra terceira figura- tras da expulsión do Paraíso.
Certamente o home sinala a muller, a culpable de comer da árbore do ben e do mal. Serían estas dúas figuras as que serven de punto de unión coa táboa dereita: o pecado orixinal conleva o castigo.


-Táboa dereita. O inferno
Na parte inferior, as penas polos pecados cometidos. Ás veces denomínase como o Inferno musical pola importancia dos instrumentos musicais como medio de tortura dos que se deixaron levar pola música profana.  Vemos tamén o castigo do tafur, o dos xogadores de xogos de azar.
Á dereita un monstro-paxaro, sentado nunha alta trona, deglute seres humanos para despois defecalos. No seu redor exemplifícanse algúns  pecados capitais.



No nivel medio, o home-árbore domina este espazo. Unha figura híbrida que de xeito inestable asenta sobre barcas na negra lagoa (consérvase un debuxo anterior ben similar), para moitos é a figura do mesmo Lucifer. Volve o rostro compracido (autorretrato?) para ollar de esguello o noso propio destino. No seu oco corpo, unha escena de bordel, e sobre a cabeza, unha grande cornamusa (gaita) asociada coa musica popular e coa luxuria. No seu redor seguen os castigos, destacando os dous coitelos, particularmente o que aparece entre as orellas cortadas en alusión a aqueles que non escoitan a mensaxe divina de salvación.

A parte alta da continuidade á paisaxe das outras táboas pero agora é o lume o que devora todo, que leva á destrución non só é o causante da tortura. Seguramente esta imaxe dunha cidade en chamas pervivía na memoria do Bosco que sendo moi novo viviu un grande incendio na súa cidade natal.
En canto ó estilo é preciso sinalar: as diferencias na técnica entre a parte inferior -debuxo preciso, detalle, pinceladas e veladuras moi finas- e a superior -pincelada rápida, poucas capas, sen debuxo previo (ver abaixo)-; a valoración da paisaxe que xa non é o mero telón de fondo dun acontecemento, nel suceden cousas; iconografía tomada da heráldica, das miniaturas (sobre todo das decoracións marxinais) e da arte medieval (románico), ó que se suma a súa propia imaxinación; fronte á fidelidade flamenga pola realidade (recordemos o Matrimonio Arnolfini de van Eyck), deixa marxe á fantasía repetindo algúns símbolos (o mal é a curuxa ou os sapos, que se esconde nas árbores ocas, as froitas simbolizan a liberdade pois non hai que cultivar tan só tomar o quer hai) ou tomados das Biblia pauperum, da literatura (A nave dos necios de Sebastian Brandt) ou de refráns e ditos da cultura popular

O tríptico non está asinado. Ten un carácter moralizante, mostra o efémero dos praceres e as penas por seguilos. A forma de representar o tema resulta sorprendente, mostra o universo fantástico do Bosco.




CURIOSIDADES: SEMPRE PRESENTE
- O A obra serviu de base para o videoclip do guitarrista estadounidense Buckethead para a canción Spokes for the Wheel of Torment
- O grupo Atrium Musicae grabou unha peza baseada na partitura que se ve nos glúteos da figura baixo o laude, denominouna de xeito humorístico "Codex Gluteo". 
- VOX VULGARIS, De jordiska fröjdernas Paradis , 2003. Outro dos intentos de dar sonoridade ás notacións musicais presentes na obra.
- E unha magnífica curtametraxe da man de Juan  Ibáñez.














  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir