07/09/10

SAN VITAL DE RÁVENA: XUSTINIANO E A SÚA CORTE


PASA O RATO SOBRE AS FIGURAS E OS OBXECTOS
OS PERSONAXES PRINCIPAIS TAMÉN PODERÁS AMPLIALOS

XustinianoBispo MaximianoXeneral BelisarioBanqueiro Iuliano ArgentarioGarda imperialCargos eclesiásticosXeneralCruzCrismónPatenaEvanxelioIncensario


CATALOGACIÓN


Panel realizado en mosaico que representa a Xustiniano e a súa corte e que se encontra na igrexa de San Vital de Ravena (Italia), concretamente no espazo que precede a ábsida.
Corresponde á arte bizantina do s. VI, na Primeira Idade de Ouro, época de Xustiniano. De autoría anónima, serían realizados por talleres especializados que se desprazaban dunha cidade a outra, contarían tanto cos artesáns que colocaban o mosaico como con deseñadores.
A igrexa foi erixida para conmemorar a vitoria do Imperio Romano de Oriente, por obra do xeneral Belisario, sobre os ostrogodos, o que equivalía ó triunfo do cristianismo sobre a herexía do arrianismo que practicaban os invasores bárbaros
Toda a ábsida, a partir do zócolo de mármores de cores, está revestida de decoración musivaria. Na zona intermedia aparecen a cada lado dous paneis, ó lado esquerdo, lado do Evanxeo, este de Xustiniano coa ofrenda da patena, e ó lado dereito, lado da Epístola, Teodora, a emperatriz, e o seu séquito coa ofrenda do cáliz. Na parte alta, sobre un fondo dourado e de vexetación onde manan os catro ríos do Paraíso, Cristo en maxestade; á esquerda un anxo presenta a San Vital, que vai recibir a coroa do martirio, e á dereita, outro anxo presenta o bispo Eclesio, que porta a maqueta da igrexa. Os nomes aparecen sobre as súas cabezas
O programa iconográfico está a reflectir a consagración da igrexa e a oblatio –ofrenda a deus- imperial no ano 547, pero cunha significación engadida. No alto emperador celestial e xusto debaixo, o emperador terreal, en definitiva está a subliñar que o poder do emperador está xustificado por Deus, é o cesaropapismo representado en imaxes. Certo é que sabemos que ningún dos dous visitou Ravena aínda que si enviaron ofrendas


CONTEXTO


O mesmo que Santa Sofía de Constantinopla


ANÁLISE


A técnica do mosaico, ornamentación arquitectónica realizada xustapoñendo pequenas pezas de cores, denominadas teselas, que combinadas compoñen motivos xeométricos e figurados, ten unha orixe moi antiga. Foi utilizado xa polos gregos, principalmente no helenismo, empregando cantos rodados e como pavimento. Os romanos, ademais de innovacións técnicas –teselas de pasta vítrea-, introduciron un cambio fundamental, o mosaico subiu ás paredes e, coa arte cristiá, pasou tamén ás bóvedas, recordemos o Mausoleo de Santa Constanza.
Pero é a arte bizantina onde o mosaico amosa unha mestría inigualable: empregan teselas recubertas de prata ou de ouro –incluso pedras preciosas-, con distinta inclinación para resaltar os reflexos de luz, os deseños fanse máis complexos e os lenzos esténdense por todas as superficies.
Tecnicamente, era preciso comezar por impermeabilizar a parede cunha capa de betún, resina ou alcatrán, logo superporíanse capas de morteiro con distintos compoñentes (gravas, cal, terracota), na derradeira capa faise o debuxo por incisión e vanse colocando as pezas de acordo co deseño previo realizado sobre cartón a tamaño natural e coas cores a empregar.
As representacións, como neste grupo de Xustiniano, organízanse en paneis delimitados por cenefas decorativas. Cada panel recolle unha escena independente, pero sempre cun espazo único, aquí o espazo no que suceden os feitos queda enmarcado entre súas columnas.
Tratemos agora o contido iconográfico deste mosaico. No centro, Xustiniano en actitude oferente, coa clámide púrpura, signo de dignidade imperial, suxeita cunha grande fíbula de ouro e pedras preciosas, coroado e con aureola de santidade –de novo o dobre poder-, está en primeiro termo. Á súa dereita os seus xenerais, identificable pola barba Belisario, e soldados da garda real, un deles leva un escudo co crismón do Salvador, emblema do Emperador Constantino. Á súa esquerda, os representantes da Igrexa triunfante, có arcebispo Maximiano identificado pola inscrición do seu nome sobre a súa cabeza, portando a cruz; detrás o banqueiro Xuliano que sufragou a construción; os outros dous portan un libro, os Evanxeos, e o incensario. O grupo completo, todos en actitude solemne, ven a presentar ao Emperador e os seus poderes: o exército e a Igrexa.

Todos están de pé, en disposición frontal, en composición simétrica, con Xustiniano como eixo central, ocupando todo o espazo, habitual tendencia ó horror vacui, e á mesma altura, isocefalia, se ben Xustiniano destaca polo principio de xerarquía Están inmóbiles, hieráticos, só nos rostros, destacan as miradas penetrantes dos ollos amendoados, polas que asoma o espírito, que semellan ver máis aló do mundo terreal
A nivel estilístico abundan os convencionalismos dunha arte moi codificada na que formas e proporcións están previamente fixadas en estritas regras, de xeito que as figuras pasan a ser estereotipos de valor simbólico facilmente recoñecible. As figuras son planas, bidimensionais, sen volume; non hai sombras nin claroscuros; o canon é moi alongado, a súa altura equivale a nove cabezas, e as proporcións aplícanse ó resto das partes, así o rostro divídese en tres partes iguais sendo nariz o módulo de medida (a idea de tres partes asimilase á Santísima Trinidad);
En canto ás fisionomías, estamos diante de retratos, polo menos de tres –Xustiniano, Belisario e Maximiano-, pero son retratos idealizados, de feito Xustiniano aparece máis novo do que era en realidade. Son antinaturais porque son imaxes eternas e inmutables.
O fondo plano presenta dúas cores, no alto o dourado -símbolo da divindade, do infinito-, e abaixo verde -a natureza-. Non hai referencias espaciais concretas, só esa suma repetida do divino e o humano.  Brillo e cor crean un espazo sobrenatural
Sobre ese fondo, as figuras avanzan cara ó espectador, en perspectiva invertida, de modo que as liñas de fuga saen cara ó exterior converxendo diante en lugar de facelo detrás. Os pés colocados en V, semellando flotar, e, nalgúns casos pisando uns a outros, teñen certo sentido de profundidade que tamén se pode constatar no grupo de soldados dispostos en planos distintos. 
En calquera caso, domina a planitude sen quedar claros os planos de profundidade. Incluso xera dúbidas: ¿Xustiniano está diante de todos ou non?, se miramos o seu brazo esquerdo está claro que está adiantado pero se miramos os pés parece que todos os dese lado están adiantados
O colorido é suntuoso, ó que contribúe a riqueza das xoias e o dourado do fondo, logrado grazas á variedade cromática das teselas.
Para concluír, este mosaico, xunto co de Teodora, son obras de propaganda no que se subliña a primacía do poder civil sobre o relixioso, tratado con suma solemnidade.




 
Recordar o concepto de perspectiva invertida
















Unha explicación da técnica dos mosaicos nesta entrada






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir