29/12/11

DONATELLO: David, Gattamelata


- DAVID (Florencia)



CATALOGACIÓN


Escultura exenta realizada en bronce pulido a tamaño natural, 1,60 m de altura, que representa a David no momento inmediatamente posterior a dar morte a Goliat, o xigante filisteo. O tema é bíblico.
Realizada a mediados do século XV por Donatello, é pois unha obra renacentista do Quattrocento italiano.
Foi encargada por Cosme de Medici, á volta do exilio, cando Donatello adquirira xa sona en Florencia despois da súa formación inicial no taller de Ghiberti. Posiblemente tivera un destino público polo que a súa finalidade sería conmemorativa e simbólica: triunfo da intelixencia e triunfo dos Medici.
Donatello viaxou a Roma xunto con Brunelleschi para coñecer as ruínas romanas e se Brunelleschi revolucionou a arquitectura, Donatello fixo o mesmo na escultura tanto nas obras de vulto redondo coma nos relevos onde logrou plasmar a profundidade por medio da técnica do schiacciato, é dicir conseguir a tridimensionalidade diminuíndo paulatinamente o vulto das formas.

CONTEXTO

.....

ANÁLISE

Con esta obra, que cronoloxicamente correspondente a súa primeira etapa en Florencia, Donatello libera definitivamente a escultura do marco arquitectónico e opta neste tema de David por presentalo coma un heroe e non como era habitual na Idade Media como un rei (recordemos o David da Porta de Praterías en Santiago).
Representa a un David moi xoven, un adolescente imberbe, que, despois de derrotar a Goliat, acaba de cortarlle a cabeza coa súa espada. David pisa a cabeza e a ela dirixe a súa mirada inclinando suavemente o rostro enmarcado por unha longa melena, amosa un aire pensativo, ensimesmado, valente, satisfeito pero sen manifestalo de xeito exultante, e ao tempo sorprendido pola extraordinaria vitoria. Porta nas súas mans a espada de Goliat e a tirafonda e a pedra como coa que o deixou inconsciente.
Estilisticamente é o primeiro nu total da escultura renacentista -e despois de moitos anos sen estar presente na historia da arte-, cunha clara evocación da escultura clásica, especialmente na súa posición en marcado contraposto apoiando o peso do corpo sobre a súa perna dereita que lle da unha certa sensación de inestabilidade, sendo unha figura estática, e que sen dubida recorda os modelos de Praxiteles.
Se o tratamento xeral resalta pola súa sobriedade, sen embargo hai elementos que rompen coa sinxeleza do nu, así as sandalias con decoración a candelieri e o sombreiro típico da Toscana (un anacronismo nunha escultura clásica) sobre o que dispón unha coroa de follas de amaranto que aluden ó heroísmo e á vitoria, ou o propio casco de Goliat con relevos historiados.
A nivel compositivo configura todo un sistema de contrarios, a perna dereita e o cóbado esquerdo atrásanse mentres o xeonllo esquerdo e a man dereita se adiantan, un pe queda en posición mais elevada que o outro e a cabeza rompe a verticalidade inclinándose suavemente. Logra así un xogo de forzas en tensión que a diagonal exterior da espada, demasiado pesada, non fai senón acentuar a inestabilidade e a oscilación do corpo.
A anatomía está tratada cun modelado suave, co que trata de ser naturalista imitando a pel humana (ad naturam similitudinem), centrada especialmente nos pectorais e abdominais, resulta unha anatomía infantil como corresponde ao xoven pastor representado e que novamente evoca as suaves formas praxitelianas. Un corpo que a luz percorre deixando leves sombras nos músculos do torso e no rostro baixo a á do sombreiro.
Ademais de representar un feito bíblico ten unha significación simbólica clara: o triunfo da inocencia, a virtude e a intelixencia fronte a un inimigo poderoso, que agora se aplica ao triunfo de Florencia sobre Milán. Así o indica a inscrición latina na laura da base, aos que valentemente loitaron pola madre patria, os deuses axudarannos incluso diante dos mais terribles inimigos. Moralmente simboliza o heroe individual que coa súa virtude consegue vencer os inimigos mais poderosos.
En conxunto resulta unha obra chea de gracia e dozura, cunha ambigua e ideal beleza moi conectada á corte dos Medicis e que algúns tamén conectan coas representacións romanas de Antinoo (o fermoso mozo favorito do emperador Hadriano).
Está considerada como a máis clásica das súas obras, certamente é clásica pola utilización do nu, polas proporcións, polo contrapposto, polo bronce como material e pola súa idealizada beleza. Carece sen embargo, da forza interior que amosa noutras obras.
O tema volveremos velo na arte italiana, baste recordar a obra de Verrocchio e Miguel Anxo quen opta pola representación do instante previo á acción ou o de Bernini, xa no Barroco, quen pretende captar o instante mesmo no que dispara a tirafonda.

Os detalles









Como curiosidade: España entrega no cine os premios Goya, Italia entrega os premios David di Donatello.





-CONDOTTIERO GATTAMELATA (Padua)

CATALOGACIÓN

Trátase dunha estatua ecuestre, unha escultura exenta realizada en bronce por cera perdida, que representa a Erasmo de Narni, un afamado condottiero da República de Venecia que morreu en Padua polo que alí, seguindo as mandas do seu testamento, erixiuse o monumento conmemorativo-funerario, se ben e a pesar do enorme pedestal pétreo con capela, os seus restos non repousan nel senón na inmediata basílica de San Antonio.
Realizada a mediados do século XV por Donatello, que traballaría en Padua durante dez nos, é pois unha obra renacentista do Quattrocento italiano.
Donatello, que comezara a formarse no taller de Ghiberti, viaxou .....

CONTEXTO

....

ANÁLISE

Donatello que xa fixera o David en Florencia, repite en Padua o reto dunha escultura exenta a tamaño natural pero agora nunha escultura ecuestre como as que en Roma se dedicaban ós emperadores. Igualmente libera a escultura do marco arquitectónico, prescinde dos nichos empregados habitualmente como el mesmo xa fixera co San Xurxo.
Se o modelo de estatua ecuestre arrinca de Roma co retrato de Marco Aurelio, este prototipo xa se retomara no Trecento no norte de Italia particularmente na pintura (ver abaixo en "curiosidades"), agora Donatello opta polo bronce para as figuras do xinete e o cabalo colocadas por riba dun alto pedestal sobre escalinata, o corpo interior contén a cámara funeraria e o superior, máis pequeno, con placas de mármore con relevos de querubíns que contemplan as armas do condottiero. Máis que un sepulcro, o monumento está destinado a perpetuar a memoria do personaxe, e faino coma un emperador porque non hai contradición entre a virtude dos homes antigos e a dos modernos homes cristiáns, dáse unha concordancia que gosta moito: ser deste tempo segundo a maneira dos antigos.
Gattamelata, sobre un elegante cabalo que avanza ao paso, facendo revista das tropas. Presentase co empaque dun guerreiro sereno, firme, erguido, o seu rostro reflicte a dignidade do home xusto, modelo de virtude. Trátase dun verdadeiro retrato se ben un tanto idealizado nos seus trazos físicos -con menos anos dos que tiña-, de semblante nobre e altivo reflexo da súa personalidade. Con el amosa Donatello unha calidade mais do seu traballo, a penetración psicolóxica que tamén o conecta co realismo romano. Co cabeza descuberta, porta coiraza romana cunha gorgona alada no seu centro e suxeita con man firme as rendas mentres na man dereita sostén o bastón de mando (a bengala, emblema dos xenerais).

Tres liñas principais organizan a composición: a vertical do xinete, a diagonal da bengala e a horizontal que indica o movemento cara a diante. O bastón de mando contrarresta no seu movemento ao alto a diagonal da espada no lado oposto. O contorno do conxunto está totalmente pechado, delimitado polas curvas do potente cabalo cuia pata dianteira se apoia nunha bola -o dominio do mundo- o que favorece a sensación de equilibrio e harmonía tan acorde aos ideais do Quattrocento.
Resulta unha obra menos clasicista que o David polo seu gran naturalismo, pero é clásica na concepción e na serenidade que expresa o movemento en repouso, indicado só polo avance lento do cabalo (Donatello non osou deixar a parta elevada como o cabalo de Marco Aurelio, pero apoia delicadamente sobre unha bala de canón). A forza está na convicción non na arrogancia.
O sentido xeral supera a dignidade clásica para engadir unha significación cristiá, a do home xusto que acada a paz final.
Este tipo iconográfico será retomado con asiduidad, sendo de especial relevancia o seu paso ao lenzo en obras de Tiziano (Carlos V) ou de Velázquez (Filipe IV ou o Príncipe Baltasar Carlos)






CURIOSIDADES: A CABALO
A estatua ecuestre de Marco Aurelio foi tomada como modelo de retrato con valor propagandístico xa na Italia do Trecento: en. torn o a 1330, Simone Martini (aínda que actualmente está en súbida esta atribución), no fresco para o Palacio Público de Siena rende homenaxe a Guidoriccio da Fogliano, condottiero ó servizo de Siena, cidade para a que viña de conquistar os castelos de Sassoforte e Montemassi, entre os que avanza o cabaleiro, firme sobre a montura, ambos ricamente engalanados.
O primeiro renacemento deu continuidade pictórica con dous frescos conmemorativos de afamados condottieros, no Duomo de Florencia. 
No 1436 Paolo Uccello pinta no Duomo de Florencia o monumento ó condottiero Giovanni Acuto. Unha grisalla verdosa para evocar a idea de escultura. Combina dúas perspectivas: desde abaixo para os pedestal e frontal para o cabalo e o xinete
Se temos en conta que Donatello fai o seu Gattmelatta entre 1444 e 1453, encontramos semellanza coa pintura de Uccello na disposición, na serenidade e na firmeza
Pola contra cando no 1456, Andrea del Castagno execut o monumento ó condottiero Niccolò da Tolentino, tamén para o Duomo florentino, algúns trazos permanecen -o carácter escultórico xerado pola monocromía, a dobre perspectiva- pero o espírito que anima as formas son ben distintas, manifestase polo contraste entre a inquietude e nerviosismo do poderoso animal fronte á autoridade  tensa exercida polo xinete
Cando Verrocchio realiza (o modelo en arxila, pois a fundición é posterior á súa morte) entre 1480 e 1488, en Venecia, o monumento ó condottiero Bartolomeo Colleoni, a segunda gran escultura ecuestre do Renacemento,  logrou mostrar a marcha maxestuosa do cabalo cunha pata no aire, é dicir con tan só tres apoios. Posteriormente, no século XVI, Tacca  conseguiría a proeza dunha estatua ecuestre (Filipe IV, Pza. Maior de Madrid)  co cabalo en corveta, apoiado unicamente nas patas traseiras.
O Colleoni rompe o clasicismo de Donetello co seu dinamismo e intensidade ó tempo que se achega un maior verismo no retrato






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir