Aínda que xa temos tratado o tema da perspectiva, pero incidindo nas formas non convencionais, volvemos ó mesmo asunto para percorrer brevemente o camiño que levou á procura da terceira dimensión sobre unha superficie plana, pintura ou relevo.
Hoxe coñecemos que se pode lograr de varias formas:
Distinto tamaño Profundidade |
+/- cerca do bordo -/+ profundidade |
Claroscuro |
Ás que hai que engadir a perspectiva lineal e atmosférica que logo trataremos
Curiosamente o emprego da disposición en escorzo comezaba a crear espazo. Un recurso non moi empregado pero que xa aparece na Grecia do século VI a.C.. Incluso tentaron con escorzos e con estruturas arquitectónicas
A pintura pompeiana aplicou a perspectiva de acordo cos principios da visión, pero aínda non era a perspectiva lineal cun único punto de fuga. No segundo (s.I a.C.) e no cuarto estilo (segunda metade do s.I d.C.) as arquitecturas pintadas finxidas en perspectiva crean profundidade
Mentres Bizancio aplicaba perspectivas invertidas e superposición en franxas, como xa vimos, a arte cristiá occidental tiña un claro obxectivo: facer visibles todos os elementos necesarios para a comprensión do significado das imaxes nun espazo que remite a un ámbito sagrado e irreal. Por iso non dubidaron en recorrer, de ser preciso, a combinar dous puntos de vista (o que moito despois farán os cubistas), e a perspectiva xerárquica segundo o que o tamaño ven dado pola relevancia das personaxes sen ter en conta a súa ubicación no espazo. Abaixo, exemplos de Silos, Poitiers, Cartuja de Miraflores, miniatura das Muy ricas horas do duque de Berry, xa do XIV.
Foron os artistas do Trecento os primeiros en intentar plasmar a tridimensionalidade dun xeito intuitivo mais os erros e as incoherencias son manifestas ó sumar puntos de vista diferentes nunha única imaxe: visión de fronte e en planta no caso de Duccio.
Tampouco Giotto nin Ambroggio Lorenzetti chegaron a esquemas científicos, continúan a traballar de xeito intuitivo. Giotto logra sensación de volume nas figuras por medio da sombra propia pero non logra espazos arquitectónicos regulados. Lorenzetti si diminúe os tamaños pero sen proporción, introduce escorzos mais daquela maneira.
Será Brunelleschi o primeiro en descubrir -ou redescubrir- de xeito experimental a existencia do punto de fuga visual e que esa fórmula resultaba eficaz para suxerir un espazo tridimensional nunha superficie plana.
E Alberti codificará a construción en perspectiva fixando principios recollidos en De pictura, 1436.
Posteriormente Leonardo fixa os principios da perspectiva por efecto da atmosfera interposta entre o ollo e o obxecto: as formas esvaecen e perden detalles, o máis afastado perde calidade das cores e os fondos tender a ser azulados, fríos
Perspectiva oblicua con dous puntos de fuga |
Caillebotte
|
Tamén a sombra proxectada serve a crear espazo e profundidade, como comentamos ó falar das sombras.