10/11/19

BOTTICELLI


NACEMENTO DE VENUS, c. 1482-85


CATALOGACIÓN

Obra ó temple sobre táboa, en formato apaisado, realizada por encargo de Lorenzo de Médici para decorar o seu palacio florentino, facía parella coa Primavera, as dúas obras conforman un programa iconográfico que tería como tema o reinado de Venus, a beleza, sobre a terra.
Venus, de pé sobre unha venera, avanza sobre as augas, empurrada á costa polo sopro de Céfiro (o vento frío do oeste) e a súa esposa Brisa (vento suave) entre unha chuvia de rosas que son a flor sagrada da deusa; ó tempo Flora, deusa da vexetación e da Natureza, espera na beira para cubrila cun manto de flores. A escena sitúase nunha paisaxe mariña.
Trátase pois dun tema mitolóxico, o que non é novo na obra de Boticelli, aínda que, como é habitual no primeiro Renacemento, cunha lectura engadida

CONTEXTO

(...)
Botticelli vive nun ha Florencia en crise: a conxura dos Pazzi no 1478; a presión de Roma por restarlle protagonismo; e, sobre todo, a expulsión dos Médici no 1492.
Ábrese un  período convulso dominado polas predicas do dominico Girolamo de Savonarola, prior do convento de San Marcos, quen denuncia a relaxación dos costumes relixiosos. Impón a súa intransixencia con manifestacións públicas como a queima libros, pinturas  e obxectos preciosos (fogueira das vaidades), así como na prohibición de festas profanas. Non falta moito para a reforma de Lutero.
A súa obra está influída polo neoplatonismo (Marsilio Ficino, Picco della Mirándola) da Academia dos Médici, en certa medida contraposta ás experimentacións que se están levando a cabo.


ANÁLISE

Segundo a interpretación mitolóxica, Venus naceu pura da espuma do mar despois que Cronos cortara os testículos de Urano e estes caeran ó mar (a historia mitolóxica). As fontes que emprega Botticelli son literarias, posto que ata o momento a mitoloxía non era habitual na plástica, parece inspirada en obras de Ovidio, Horacio ou Lucrecio, recollidas polos humanistas.
Emprega un esquema triangular cun  eixo central,Venus, e dúas diagonais laterais que pechan e equilibran a composición que debemos considerar unitaria posto que todas as personaxes están interrelacionadas e centrípeta.
Na Venus recupera o nu, recatado pese á súa disposición frontal ó adoptar a postura das "venus púdicas" que xa retomara Masaccio a principios do século na Expulsión de Adán e Eva do Paraíso. Mais se ata o momento o nu estaba asociado a feitos dramáticos (Expulsión do Paraíso, condenados do inferno Crucifixión) ou a figuras heroicas (David), aquí temos unha figura feminina de tamaño case natural que mira de fronte cubríndose puorosamente pero sen vergoña da súa nudez.
A liña do horizonte, moi alto, serve para marcar o punto de vista, lixeiramente baixo neste caso, ao tempo que esa horizontalidade contrasta coa verticalidade contundente das árbores da dereita.
Non existe interese pola representación da natureza, o fondo semella un tapiz decorativo, nin dun espazo racionalmente construído, de feito toda a acción se desenvolve no mesmo plano, ó mesmo nivel.
A única sensación de profundidade é a producida pola liña ondulante da costa costa, que se empequenece ó fondo, e o mar, suxerido por unhas pequenas ondas debuxadas en v,  que parece caer ós pés do espectador. Este é un dos aspectos goticistas que Botticelli mantivo na súa pintura, desdeñando os logros da perspectiva dos artistas da xeneración que culmina cos estudios de Mantenga.
Mostra, en cambio, interese en suxerir movemento, máis ficticio que real,  por medio do efecto dos ventos que empurran a cuncha en dirección de esquerda a dereita e que repercute na postura da deusa, en marcado contraposto, nos seus cabelos, no manto e nas roupas de Flora, nas ondas do mar no primeiro término, aínda que sempre ondas esquemáticas, e nas rosas. Efectos que non chegan ás árbores


Tampouco se interesa pola proporción ou o volume, as formas son planas. No primeiro aspecto e cando nos detemos a observar, vemos que existen erros de proporcións por exemplo no pescozo da deusa ou  na mesma forma do ombreiro esquerdo, sen deixar de constatar o imposible abrazo de Céfiro e Brisa (¿como ten dispostas as pernas Brisa?). 

As cores son vivas e alegres, domina a tonalidade verde-azulado que da un certo sentido «celestial» á representación. Sobre esa tonalidade global resaltan o vermello e os morados das capas, pero especialmente o rosado, case marmóreo, dos corpos. Pero non é a cor quen predomina senón a liña que marca uns contornos sinuosos e insiste nos detalles. Dominan as formas curvas que dan lugar a lánguidas figuras danzantes. 

A luz segue tamén fórmulas do gótico final, unha luz irreal, límpida, de orixe descoñecida pero que se estende por toda a superficie, tan só a superficie do primeiro plano queda en penumbra baixo das árbores.
O estilo de Botticelli é moi persoal. Perviven nel certos goticismos como a preferencia pola liña e o desinterese da perspectiva e do volume,  aaí como a utilización de  ouro (nos troncos e nas follas das árbores) pero tematicamente mostrase un home do seu tempo que non renuncia á emotividade e á delicadeza neses ritmos danzantes de figuras carentes de peso, na gracilidade das formas e nese aire melancolía que o invade todo
Ese carácter etéreo, inmaterial hai que conectalo co neoplatonismo, pois Venus non é máis que unha idealización da beleza existente só no "mundo das ideas" nun ca no mundo terreal.
Existen interpretacións moi diversas, desde as que consideran símbolo do advento do amor ó mundo, pasando pola visión relixiosa, no sentido de que tamén o cristián nace á verdadeira relixión a través da auga do bautismo, ata a interpretación filosófica: o equilibro da Natureza nos seus catro elementos fundamentais (aire, terra, fogo e auga)



  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir