08/11/19

MASACCIO 2


EXPULSIÓN DE ADÁN E EVA, CAPELA BRANCACCI


CATALOGACIÓN

O mesmo, cos cambios precisos

CONTEXTO

Trazos do Quattrocento


ANÁLISE

Un dos frescos de maior interese, xunto co Tributo da moeda, da Capela Brancacci en Florencia.
O tema principal do conxunto pictórico é a vida de San Pedro pero tamén se inclúen, como neste caso, escenas tomadas do Xénese.
Como era habitual cada escena queda enmarcada por elementos arquitectónicos pintados, aquí por medio de piares con capiteis corintios.
Estamos diante dos primeiros nus da pintura renacentista. Masaccio representa na historia da arte o achegamento e a conquista da realidade iniciada por Giotto, as figuras son verdadeiros humanos que contaminados polo pecado son expulsados do Paraíso.
Xa desapareceron os fondos dourados, agora unha paisaxe esquemática, reducida a unhas pequenas montañas, constitúe o novo espacio vital para Eva e os seus descendentes, mentres que o Paraíso queda delimitado pola porta con arco de medio punto á esquerda a carón da cal un anxo, espada en man e con xesto enérxico fai cumprir o castigo divino.
O restante fondo azulado supón a eliminación definitiva dos dourados góticos
Estilisticamente recolle as características de Masaccio: claridade compositiva, de xeito que están todos os elementos precisos pero nada distrae a visión, todo o anecdótico está suprimido; estudio da perspectiva lineal, constatable na disposición diagonal da porta ou no contundente escorzo do anxo; creación de espazo por medio das posturas de Adán e Eva, esta máis atrasada aparece menos nítida e cunha disposición mais diagonal, mentres Adán avanza paralelamente ao espectador; sólidos volumes, nitidamente definidos nos seus contornos por medio da cor; luz homoxénea e cenital, xeradora de equilibrio e harmonía, ven da dereita sen producir claroscuros pero proxectando as sombras das dúas figuras sobre o chan.
Pero sen dúbida o trazo principal ven dado pola expresividade: a dor e a vergoña son reais, sen grandes xestos, o sentir e o dramatismo, fanse patentes. Adán, con paso firme, baixa a cabeza e cobre o rostro en ademán desesperado e reflexivo, Eva, con paso fatigoso, tenta cubrir a súa nudez, ergue o rostro e semella lanzar un berro de dor ao tomar consciencia da caída (un patetismo ao modo helenístico que hoxe nos recorda a Laocoonte, por entón aínda non descuberto). Son agora seres humanos que sofren pola separación da terra feliz, nunca ata este momento se representara tan vivamente o drama do xénero humano, máis que culpables. Masaccio preséntaos como vítimas do poder divino.

En canto ao colorido dominan os ocres, nunha gama reducida, polo que o vermello do anxo destaca aínda mais e acentúa o movemento coa sensación de adiantarse.
A presencia divina está só indicada polos raios de luz dourada que atravesan a porta.
Iconograficamente, Eva cubrindo cos seus brazos a pube e os senos hai que poñela en relación coas "venus púdicas" helenísticas.
Sen embargo a súa anatomía resulta imperfecta en contraste coa maior perfección do corpo masculino, de canon estilizado.
Tempo despois, Miguel Anxo pintará mesmo tema no teito da capela Sixtina e a obra de Masaccio subxace coma fonte de admiración.







  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir