Amosando publicacións coa etiqueta Vaticano. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Vaticano. Amosar todas as publicacións

18/09/19

BERNINI- PRAZA DO VATICANO






CATALOGACIÓN

Por fin a primeiros do século XVI, Carlo Maderno viña de rematar a gran fábrica de San Pedro, iniciada facía máis dun século có proxecto de Bramante. Modificando o planteamento de planta centralizada, Maderno prolongou as naves converténdoa en basilical, levantou unha impoñente fachada que non tiña correspondencia algunha có interior pero que mantén o efecto da poderosa cúpula que emerxe como símbolo da Igrexa.
Agora, na segunda metade do XVII, era preciso acomodar o espazo dianteiro cunha planificación urbanística que resalte o lugar de maior importancia da Roma papal como foco da relixión católica, caput mundi. Será Alexandre VII quen encargue a Gian Lorenzo Bernini, nomeado arquitecto de San Pedro ó finar Maderno, o que reciba o encargo de deseñar unha praza capaz de acoller as grandes congregacións de fieis que asisten ás aparicións públicas do Papa e moi especialmente á bendición urbi et orbi.
Corresponde á arte barroca italiana.


CONTEXTO


A escultura conecta co helenismo grego reconquistando un naturalismo manifesto dirixido a incidir psicoloxicamente no espectador a través dos sentidos para conmover, de aí o dominio do pathos, a tensión emocional, ou o tratamento de temas crueis e macabros. Xa que non domina a razón senón a aparencia, procura captar a fugacidade dun instante da acción, preferentemente o momento de maior intensidade dramática, e manifestalo a través da forma -escorzos, torsións, roupaxes ó vento-, da composición aberta dominada por liñas diagonais ou espirais, con marcados contrastes de luz, carácter escenográfico, e da xestualidade expresiva Mestura de todo tipo de materiais -pedra, bronce, estucos- pois as súas distintas calidades táctiles axudan á teatralidade e incrementan os efectos visuais. En canto á temática tócanse todo tipo de temas: relixiosos e con función propagandística para a Igrexa; alegóricos para fontes e espazos públicos e mitolóxicos para os palacios.

ANÁLISE

Tratábase dun enorme espazo que presentaba certos problemas de partida, o principal as construcións do entorno, entre elas os edificios dos palacios vaticanos que tiñan a súa entrada moi próxima a un dos laterais. Por outra banda existían uns elementos previos a ter en conta, en primeiro lugar estaba a basílica onde había que potenciar a cúpula e diminuír visualmente o ancho da fachada, en segundo lugar estaba o obelisco exipcio que, procedente do circo romano, erixira Fontana como punto de referencia dentro da rede viaria, o problema era que quedaba moi separado do edificio.
Trasladar o obelisco, primeiro desde Exito e logo ata a Praza do Vaticano foi toda unha epopeia (ver, historia dun obelisco)
Bernini resolve estes problemas cunha praza, ou dúas segundo se mire, organizada en dous espazos tanxenciais diferenciados. 
Un primeiro de enlace có edificio, a denominada piazza retta, de forma trapezoidal con brazos converxentes, que ó pecharse cara á fora reduce opticamente a pesada masa da fachada de Maderno e revaloriza a cúpula de Miguel Anxo que se eleva sobre o conxunto. Serve a estes fins por un lado a utilización da perspectiva invertida e polo outro a redución das columnas en altura das caras laterais, facéndose máis baixa a medida que nos acercamos ó edificio. 
O segundo espazo presenta forma de elipse aberta con centro no obelisco, procedente do antigo circo de Nerón que ocupaba este emprazamento, e co seu eixe maior paralelo á fachada superando as dimensións do ancho da basílica. Este eixo vén subliñado polas dúas fontes dispostas na mesma liña. En lugar de elipse aberta pode considerarse este segundo espazo como circular prolongado, porque está formado por dous semicírculos cuxos centros -as fontes- están separados por un espazo de 50 m. En calquera caso adopta unha traza moi barroca polo seu carácter dinámico pois suxire un círculo sometido a tensión lonxitudinal. Ó mesmo tempo resulta dun compromiso entre dúas concepcións, a circular da forma de concibir o universo desde os tempos de Ptolomeo, e a elipsoidal que os científicos do s. XVII, cos descubrimentos astronómicos, demostraran tiña a traxectoria do noso planeta.
Estaba pensado un corpo de peche da elipse que non se chegou a construír, respondía á idea de configurar un espazo illado, como o atrio dunha basílica, e favorecer do efecto sorpresa ó penetrar na praza desde as rúas adxacentes. Ese efecto mantívose en certa medida porque o camiñante irrompía na elipse desde as estreitas rúas do burgo medieval, porén coa remodelación e a apertura da Vía da Consolación no século XX o efecto desapareceu.
O alzado presenta, sobre o piso elevado con tres chanzos, unha columnata en mármore exento que facilita e multiplica os puntos de vista, integrada por catro filas de columnas xigantes de orde toscana pero con entaboamento xónico, que dan lugar a un pórtico de tres naves, máis ancha a central que as laterais. Pode pórse en conexión cos Propíleos da Acrópole de Atenas. Para romper a monotonía inserta grupos tetrástilos destacados de columnas tamén toscanas xemelgas creando cuadripórticos nos tramos medios e no remate das alas ovais, neste caso sostendo frontóns triangulares. No alto unha balaustrada e a estatua dun santo en correspondencia a cada columna, o que alude ó vínculo entre a igrexa militante e a igrexa triunfante.
A obra cumpre polo tanto con todos os seus obxectivos. Segundo palabras do propio arquitecto a estrutura coas súas dúas alas son os brazos da Igrexa que acollen o pobo de Deus amén de crear marco excepcional para as aparicións do Papa, representante de Deus na terra. O pórtico é o espazo cuberto necesario para as procesións, a praza constitúese no punto de reunión da cristiandade á vez que punto do que irradia a súa mensaxe a todo o mundo, sen esquecer a exaltación que se fai do poder estatal do pontífice. Ademais achega outro elemento de interese: estamos diante dunha grande escenografía na que o fiel non actúa como mero observador, senón que se integra e participa directamente do que se celebra.



CURIOSIDADES
En Yamusukro, capital de Costa de Marfil, construíuse a finais do século XX, unha gran basílica católica que imita directamente á basílica de San Pedro do Vaticano incluíndo a praza deseñada por Bernini.

Dedicada a Nosa señora de África, é  coñecida como San Pedro de África.
O custo foi inmenso pese a que Costa de Marfil non é un país especialmente rico. Realmente foi unha iniciativa persoal do presidente do país -desde 1960 a 1993- que prometeu correr cos gastos -¿de onde procedería o diñeiro?- pero finalmente empresas europeas acabaron por facerse cargo do remate de tan magna construción.
Supera en altura en 20 metros á do Vaticano; custou máis de 300 millóns de dólares; pode albergar 13.000 fieis -os católicos representan o 32% da poboación-; posúe as vidrierias maiores do mundo e, por suposto, está toda realizada en mármore. 
A planta porén é centralizada pero tamén conta cun baldaquino, imitación do de Bernini.








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir