06/11/10

ESTAMPACIÓN


A diferencia do gravado, a estampación realízase apartir dunha plancha tintada en plano.
Existen distintas formas de estampación ou gravado en plano, principalmente a litografía e a serigrafía.


- LITOGRAFÍA 
Emprega como matriz unha pedra cálcaria pulimentada, na que se debuxa, en negativo, a composición servíndose dun lápiz ou pincel sempre con materia graxa pois a pedra vai rexeitar a tinta nas partes non pintadas . Fíxase o debuxo e humedécese a pedra, a uga será retida nas zonas non pintadas mentres que as zonas graxas da pinturan repelen a uaga. Coa pedra húmida faise o entintado, e posteriormente realízase a estampación.
Gráfico tomado da web tallergrabado.

Na páxina do MOMA What Is a Print?, podes ver a técnica (elixe Litography)


Dúas litografías: Toulouse-Lautrec e Saura.


- SERIGRAFÍA
Non emprega matrices, a técnica consiste en transferir a tinta ó soporte a través dunha malla. As zonas que non se quere tintar protéxense por medio de vernices.
Abaixo, serigrafía de Roy Lichtenstein.


04/11/10

O GRAVADO


O gravado é unha técnica de impresión consistente en debuxar unha imaxe sobre unha superficie ríxida (madeira, metal), deixando nela unhas marcas sobre as que irá a tinta e que logo permitirá pasar o debuxo desa matriz a outra superficie (tela, papel) para poder reproducila as veces que se desexe.
Hai distintas clasificacións do gravado, seguimos a que o clasifica en función da técnica empregada, independentemente do soporte da matriz: madeira (xilografía), pedra (litografía), metal (calcografía), linóleo (linogravado).





GRAVADOS EN RELEVO


Baleirase o fondo da composición quedando en relevo a parte a tintar. É o que vemos nos tampóns que se empregan nos selos de documentos.
É o sistema da xilografía e do linogravado. Abaixo plancha para uinha xilogrfía e linogravado de Matisse, tomada da web taller de grabador.


GRAVADOS EN OCO


Faise un baleirado inverso pois son os ocos os que van recibir a tinta. A matriz ou plancha pode ser deseñada directamente mediante buril para facer os ocos (talla doce) ou servíndose de ácidos (augaforte e augatinta).

Augaforte

Sobre a plancha de metal, habitualmente de cobre, recuberta de verniz, debuxase cunha punta metálica (roma ou case sen afiar) sen chegar a facer surcos na superficie metálica, o que fai posible as correccións. A continuación somérxese a placa nunha cubeta de ácido mordente rebaixado con augaforte que ataca o metal disolvéndoo nas zonas nas que non hai verniz (a profundidade conséguese sometendo a placa maior tempo ó proceso de corrosión). Pasado o tempo preciso, retirase a placa, límpase o verniz restante cun pano mollado en alcohol, e xa está a matriz lista para ser estampada.
A técnica da augaforte empregase desde o s. XV, se ben en principio se combinada có emprego do buril. Xa no XVII e seguindo a estela de Rembrandt impúxose a fórmula clásica
Unha boa explicación da técnica podes vela nesta páxina do MOMA. Entra nela e elixe a opción segunda, Etching, aínda en inglés podes entender ben o proceso.
Igualmente a Casa Museo de Rembrant explica con contidos multimedia o proceso da augaforte (elixe Collection, logo Cess-pit findings e Graphical Work, no lado dereito ó final pica en animation).

Tres exemplos ben distintos de augafortes: arriba Picasso (Minotauro deitado con muller), á esquerda Durero (Lebre) e á dereita Lucian Freud (Home espido no sofá).



Unha animación con gravados dos Cárceres de Piranesi.




Augatinta

Sobre a placa de metal exténdese unha capa de pó de resina, logo quécese a placa polo reverso ata que se dilúa a resina e se volva brillante. Sobre esta resina non vai actuar o ácido. Recóbrense con verniz as partes, non só liñas como na augaforte, que van conservar a resina, e sométese a placa ó ácido que actuará con maior ou menor forza segundo o grosor das resinas, por iso permite máis matices que a augaforte, aínda que a miúdo empréganse as dúas técnicas combinadas.



Unha augatinta de Braque (Paxaro) e combinación de augatinta e augaforte de Otto Dix (Avance das tropas baixo o gas)



Grabada a buril ou talla doce

Trabállase sobre distintos metais: aceiro, cinc ou cobre. Vanse facendo surcos de maior ou menor profundidade ata lograr o deseño que se desexa. Esixe moita precisión.
É a técnica de Durero pra este gravado, Melancolía.



Neste fragmento da película Os fantasmas de Goya, vemos todo o proceso de realización dos gravados, desde a preparación da plancha ata a impresión. Mestura as técnicas de augaforte e augatinta, pois esta permite crear áreas contrastadas de grises e negros, ou o que ven ser o mesmo de zonas iluminadas e escuras.






07/09/10

MESQUITA DE CÓRDOBA




CATALOGACION

Arquitectura con función relixiosa creada polo Islam, unha mesquita, sen lugar a dúbidas o edificio máis importante da arte hispano-musulmana no período califal, unha construción que se vai completando ó longo dun amplo período de tempo -desde o século VIII ó X- a través dunha serie de ampliacións e reformas, acometidas polos distintos dignatarios do goberno cordobés.
Esta mesquita aljama, é dicir mesquita maior, era a principal da cidade para a oración do venres. Posto que non hai rituais, o que se precisa é un gran espazo cuberto, unha sala hipóstila, capaz de acoller un alto número de fieis fundamentalmente para a oración colectiva dos venres, e así crease a mesquita que tomou como modelo a casa de Mahoma en Medina. Ten tamén un significado áulico posto que a actividade construtiva, especialmente das mesquitas aljama, era potestade do soberano e, consecuentemente, manifestación do seu poder.
A funcionalidade destas construcións é igual en tódolos territorios, pero ó carecer de herdanza propia, a arte islámica asumiu trazos dos entornos culturais nos que se erguen.

CONTEXTO

Mahoma, un comerciante caravaneiro, recibiu a revelación a través do arcanxo Gabriel. Isto sucedía na Península Arábiga no século VII da nosa era A nova relixión recibe o nome de Islam, Alá é o seu deus e Mahoma o profeta
basa o seu dogma no Corán, sendo pois a terceira relixión do libro xunto co xudaísmo e o cristianismo
Despois da morte do profeta, a nova crenza comezou unha expansión que a levou en menos de 150 anos a dominar dende o río Indo ata a península Ibérica, agrupando milleiros de seguidores da bandeira verde do Profeta.
No 711, tropas bérberes enviadas polo gobernador musulmán do norte de África dependente do califa de Damasco, e dirixidas por Tariq, cruzaron o estreito e e desembarcaron en Xibraltar. Entraron na Península chamados por parte da nobreza goda, partidaria dos fillos o defunto Witiza, para combate o rei Rodrigo. O enfrontamento produciuse no río Guadalete e rematou coa vitoria dos musulmáns
Os enfrontamentos e divisións internas da nobreza visigoda favoreceron a expansión musulmán, chegando a ocupar a meirande parte da Península.
As terras de Al-Andalus foron incorporadas ós dominios do califa Omeia de Damasco como un emirato independente con capital en Córdoba. Pero cando en Damasco os Abbasís se fixeron có poder, Abd al-Rahmán I, un dos poucos superviventes dos Omeias, fuxiu a Al-Andalus, fíxose co poder en Córdoba, proclamouse emir e declarou a independencia política no 756. Tempo despois, no 929, Abd al-Rahmán III, alentado polos seus éxitos militares e pola debilidade do poder dos califas de Bagdad, autoproclamouse califa ou xefe relixioso dos musulmáns de Al-Andalus. Nace así o Califato de Córdoba, que se manterá ata o 1031 e que constitúe o momento de maior esplendor político, cultural e social da España musulmán, así o reflicte a mesma Mesquita que estamos a analizar.
A fragmentación do Califto en reinos de taifas, marca o comezo dunha decadencia que nin almorábides nin almohades puideron evitar. A Reconquista que emprenden desde o norte os reinos cristiáns será completada coa ocupación do reino nazarí de Granada por obra dos Reis Católicos no 1492.

ANÁLISE

Construída en pedra de cantería, emprega asimesmo outros materiais: ladrillo, mármores, estucos e mosaicos.
Como se indicou anteriormente, a mesquita é resultado de sucesivas ampliacións, sendo as de maior interese artístico a primeira construción e a ampliación de Al-Hakam II

Canda analizamos a planta o primeiro que chama a atención é a súa orientación que se mantivo en tódalas ampliacións: a kibla mira ó Sur, a Damasco, en lugar de estar orientada cara á Meca, ó Leste. Isto interprétase como un signo máis de independencia fronte ó califato de Bagdad e un desexo de manter a tradición siria.
A mesquita levantada Abd al-Rahman I entre 786 e 788, sobre o terreo da antiga Igrexa de San Vicente, segue o modelo da gran mesquita de Damasco. O conxunto de patio - o sahn coa fonte de ablucións- e sala de oración, o haram, é practicamente cadrado. O haram consta de once naves de doce tramos ou intercolumnios, dispostas perpendicularmente á kibla, sendo a nave central máis ancha que as laterais
Aproveitáronse elementos de edificios anteriores romanos e visigodos, así sucedeu cos soportes da primeira construción o que determinou que os fustes das columnas varíen en tamaño, en grosor, nos materiais (uns son de mármore e outros de granito), igualmente unhas columnas teñen basa e outras non.
Pero o trazo máis significativo, pola novidade e pola eficacia tectónica, é o sistema de soportes empregado. Trátase dunha superposición de soportes, columnas na parte inferior e piares encima, que apean sobre unha peza cuadrangular, a modo de cimacio, con modillóns de rolos. Columnas e piares quedan cinchados por medio de arcos, de medio punto os de arriba e de ferradura e ó aire, os de abaixo. Estes, en lugar dos tradicionais tirantes de madeira, serven de entibo pois impiden o desprazamento lateral das columnas, xa que as primeiras doelas quedan embutidas no propio piar, son os chamados arcos enxarxados. Os arcos superiores son os que soportan a cuberta. Este sistema, inspirado nos acuedutos romanos, permitiu elevar a altura das naves ata 9 metros.
As doelas da dobre arquería presentan unha bicromía de vermello e branco, derivado do material usado: pedra e ladrillo.
Tanto o sistema de soportes como a bicromía está directamente relacionada coa arquitectura civil romana, o acueduto dos Milagres en Mérida é un claro antecedente.
A cuberta é unha armadura de madeira con vigas transversais. Na cuberta, cada nave ten o seu tellado a dobre vertente.
Son as propias arquerías, as que constitúen o principal elemento decorativo, recordemos que a arte islámica non pode contar con representacións, e a súa repetición en tódalas direccións parece prolongar o espacio desde calquera punto de vista.
A primeira ampliación e segunda mesquita débese a Abd al-Rahman II, entre o 833 e o 848, que derruba o vello muro da Kibla e prolonga o haram cara ó sur en oito tramos, uns 24 metros. Nestas datas, a cidade de Córdoba coñeceu un importante desenvolvemento urbanístico, motivado polo crecemento demográfico e económico, por iso era preciso dotar á mesquita dunha maior capacidade. Xa se labran a propósito algúns capiteis, dos que só se conservaron os dous que franquean o actual mihrab.
Con Abd al-Rahman III, primeira metade do s. X , a mesquita completase cun magnífico minarete de planta cadrada e dobre caixa de escaleiras, que se conserva no interior da torre barroca da actual catedral. Tamén se amplía o patio e se dota de pórticos, ó tempo que se reforza a fachada de acceso ó haram, que non sufriu modificación algunha.
A segunda ampliación e terceira mesquita, a máis espectacular, foi obra de Al-Hakam II. No 962 dá comezo unha obra ambiciosa que empeza por derrubar de novo o muro da Kibla para prolongar cara ó sur o haram en doce tramos máis ata chegar ás murallas que bordeaban a Medina ó carón do Guadalquivir.
Aínda seguindo o planeamento inicial, esta ampliación presenta interesantes novidades. A primeira xa aparece na planta ó introducir na súa tipoloxía a planta en "T" marcada polas bóvedas nervadas e do dobre muro da quibla. Hai catro bóvedas nervadas, tres en liña fronte ó mihrab e a cuarta sobre a nave central á entrada do haram, posúen nervios que non se cruzan no centro senón que o deixan baleiro para insertar pequenas bóvedas gallonadas, será un modelo de grande transcendencia para a arte cristián medieval. O muro da quibla conta con cinco estancias comunicadas entre si a cada lado do mihrab, dun lado para o paso do califa desde o alcázar –superando a rúa por unha pequena ponte-, e na banda oriental para o tesouro
Os soportes, ó seren feitos ex professo, son todos do mesmo tamaño e sen basa, alternando capiteis corintios e compostos, xunto cos novos modelos de pencas e os de talla de “avéspora” coa súa atalla a trépano. O cimacio, por influencia bizantina, pasa a ser agora cruciforme.
Introduce novos tipos de arcos: apuntados, lobulados e entrecruzados; os de ferradura presentan maior frecha
Delimitouse a macsura por medio de celosías de madeiras preciosas e arcos entrecruzados con doelas decorativas, carentes de valor estructural, aínda que manteñen o mesmo esquema de soportes superpostos serven só como pantalla divisoria. Esta é a zona máis ricamente ornamentada, con atauriques, epigrafía con versículos do Corán, mosaicos e lacerías.
Por último, ábrese un profundo e rico mihrab octogonal embutido no muro da quibla, ao exterior semella un contraforte. O interior decórase con arcos lobulados cegos e cóbrese cunha cúpula en forma de cuncha. O acceso realízase por un gran arco de ferradura enmarcado por un alfís e apoiado en pares de columnas a cada lado procedentes do mihrab da ampliación de Abd al-Rahman III. Arco, alfís e enxutas van ornamentados con revestimento musivario (mosaicos) de teselas de ouro bizantino enviadas polo mesmísimo basileus, empregando como elementos ornamentais epigrafía, motivos vexetais e formas xeométricas.
Nesta ampliación aplícanse tódalas novidades plásticas que se estaban a fraguar no taller do Palacio de Madinat al-Zahara, dándolle o enorme esplendor e prestancia mencionados.
A terceira e última ampliación prodúcese durante o califato de Hixem II, por decisión do todopoderoso Almanzor. Derrubando o muro oriental amplía o haram con oito naves novas cara ó Leste (non se podía ampliar en dirección Sur polas murallas, nin ó Suroeste porque estaba o palacio) paralelas ás xa existentes ó tempo que se amplía o patio. En consecuencia o mihrab e a nave axial quedan descentrados
Malia que a ampliación de Almanzor carece de relevancia artística – por exemplo a bicromía non responde á diferencia de materiais, todo é en pedra calcaria pintada diferencia as doelas-, foi continuadora do estilo marcado o que contribúe definitivamente a que todo o espazo interno da mesquita da sensación de uniformidade, debido á sucesión de naves idénticas e o predominio da horizontalidade. Dado que carece de fiestras, resulta escuro, pero esa penumbra favorece un clima intimista.
En conxunto, o enorme haram coa súa profusión de soportes e con límites que se perden na penumbra parecía ser un espazo infinito. Ningunha outra construción anterior lograra unhas salas hipóstilas tan amplas e feitas con recursos tan simples
Pola contra, o exterior carece de relevancia, non existe concepto claro de fachada. No perímetro abríanse ata dezaoito portas, ningunha no muro da kibla. Só se conserva a chamada Porta de Santo Estevo, en realidade denominada “Porta dos Ministros”, posiblemente é a máis antiga e serviu de modelo ás demais. Situada entre dous poderosos contrafortes, disponse a modo de fachada tripartita, a parte central co acceso baixo arco de ferradura prolongado a metade da lonxitude do radio e alfís; ós lados arcos cegos e pequenas fiestras rectangulares; sobre a porta novamente tres arcos cegos, e máis arriba unha especie de tellado e merlóns escalonados, que tamén rematan toda a parte superior do edificio. O aspecto xeral ten carácter macizo, reforzado pola abundancia de contrafortes, e defensivo polo seu remate almeado.
Despois da conquista de Granada polos Reis Católicos, a mesquita converteuse en templo cristián. A catedral, incorporada no s. XVI, sobresae por riba da mesquita (instrucións de Carlos V), ademais transformáronse espazos internos para adecuala ás novas necesidades (Capela de Villaviciosa).








SANTA SOFÍA DE CONSTANTINOPLA




CATALOGACIÓN

Arquitectura con función relixiosa, a basílica de Santa Sofía de Constantinopla (actual Istambul en Turquía), da arte bizantina, correspondente ó s. VI na época de Xustiniano da Primeira Idade de Ouro.
Non se concibe como unha basílica para o pobo senón como a gran basílica do Emperador Xustiniano, basílica palatina, construída xunto do seu Palacio e conectada por pórticos columnados. Adicada á “Sabedoría Divina”, a segunda persoa da Santísima Trindade, non é a primeira senón a terceira edificación, ó desaparecer as anteriores por incendios e insurreccións internas. É entón cando o Emperador manda erixir unha nova, a actual, coa que reflectir o poder e a riqueza da corte imperial, que se consagra no ano 537. Segundo a tradición o seu deseño foi inspirado por un anxo que conversaba a acotío co emperador.
Non se regatearon esforzos cos que amosar toda a magnificencia cortesá, factor que había contribuír ó seu esplendor, posto que nela conflúen diferentes funcións: é o centro espiritual do imperio, a catedral dos patriarcas, o escenario de actos estatais e o marco dun magnífico cerimonial no que se manifesta o poder do imperio.
Como é habitual nesta época, aparecen dous autores da construción: Antemio de Tralles como teórico, é dicir, como autor do plano, e Isidoro de Mileto como enxeñeiro materializando a idea do anterior. Ambos estaban especializados en construcións militares, o seu chamamento por parte de Xustiniano é indicativo da importancia que daba á construción: manifestar o seu poder a través dunha grandiosa edificación.
Ós dous nomes anteriores hai que engadir a Isidoro o Novo, sobriño de Isidoro de Mileto, porque é en realidade o que confecciona a definitiva cúpula no ano 568, ó se derrubar a primeira por mor de dous terremotos da década dos 50.
Emprega materiais diversos, o principal o ladrillo, visible no exterior pero oculto por placas de mármore e mosaicos no interior, e tamén pedra, cerámica e tellas para a cubrición.


CONTEXTO

A Constantinopla romana fundada por Constantino I o Grande sobre a antiga cidade grega de Bizancio, chegou a se converter na maior e máis rica das cidades europeas. No 395, Teodosio divide o Imperio entre os seus dous fillos: Honorio recibe Occidente con capital en Rávena, e Arcadio recibe Oriente, o Imperio de Bizancio, con capital en Constantinopla. Se o Imperio Romano de Occidente desaparece coas invasións bárbaras do século V, Bizancio subsistirá ata a súa caída en mans dos otománs no 1453.
Costantinopla acadou un desenvolvemento artístico e económico considerable, A súa ubicación entre Oriente e Occidente e a súa proximidade a Asia, determinou que pronto adquirise trazos diferenciais do mundo occidental e concretamente de Roma. Nun principio e por influencia grega semellaba unha cidade helenística pero logo asimilará fondamente trazos orientalizantes.
Diferéncianse tres Idades de Ouro, separadas por períodos de decadencia ou estancamento. O momento de máximo esplendor corresponde á denominada Primeira Idade de Ouro, entre os séculos V e VII e particularmente durante o reinado de Xustiniano no século VI. A etapa remata coa revolta iconoclasta, onde as imaxes serán prohibidas e a arte entra en decadencia. A Segunda Idade de Ouro, séculos IX a XII, vive a expansión cara a Rusia e ó nordeste, e a Terceira Idade de Ouro será o derradeiro renacer de Bizancio.
Os piares do Imperio foron a economía comercial favorecida pola súa estratéxica situación, a política exterior expansionista e a Igrexa que serviu de elemento de unificación. Fundamentouse no cesaropapismo que supoñía a unión do poder político e relixioso de xeito que o Emperador o era por graza de Deus, era o seu representante na terra, o basileus.
.É unha arte áulica ó servizo do Estado, vía para amosar o seu poder e riqueza. Disciplinada e conservadora, sometida a regras, tende á uniformidade e ós convencionalismos.
A arquitectura bizantina mantén a grandeza romana á que suma a elegancia de elementos gregos e a suntuosidade oriental. Pero sen dúbida o mosaico, herdeiro do paleocristián, constitúe o sinal máis significativo de Bizancio. Recobre as paredes desmaterializando o muro, e coas súas teselas douradas reflicte a luz cun valor simbólico: é o raio de Deus que se achega ó mundo terreal. Serven para ilustrar mediante imaxes o mundo transcendente, o invisible fíxose patente por medio de símbolos
As edificacións son fundamentalmente relixiosa como o caso da basílica que nos ocupa, pero tamén baptisterios, martyria e mausoleos. Xunto a elas obras de carácter civil como teatros, circos, arcos de triunfo.
Da súa expansión quedaron mostras de grande relevancia, principalmente en Rávena (igrexa de San Vital) ou en Venecia (catedral de San Marcos),pero tamén en Rusia con exemplos como a catedral da Natividade de Kiev. 


ANÁLISE

Ó analizar a planta, resulta sorprendente o modo en que se combinaron a tradición occidental das planificacións lonxitudinais de tres naves, coa tradición oriental de planta centralizada, de xeito que a análise do edificio pon de manifesto a continua dualidade da concepción espacial.
A planta é rectangular, precedida dun atrio porticado e un nártex, pero case cuadrangular con tres naves dispostas en dirección leste-oeste. Pero desde esta configuración, os autores tiveron a habilidade de configurar unha cruz grega inscrita no cadrado. Para subliñar o eixe lonxitudinal, o que leva cara á ábsida, a nave central ten o dobre de ancha que as laterais e un desenvolvemento vertical moito maior. Sepáranse as naves por medio dos grandes machóns e un gran muro de piar a piar aberto en arcadas. A ábsida, semicircular no interior e poligonal no exterior, está flanqueada por outras dúas ábsidas menores, formas en exedra que se repiten a ambos lados da porta de entrada. Logra unha concepción espacial sen precedentes, cunha sensación de amplitude notable, e unha dinamicidade derivada da alternancia de elementos curvos e rectos, da constante combinación de espazos entrantes e saíntes, que dilatan o espazo e o axilizan nunha continua sensación centrífuga e flexible. A ubicación da cúpula, ocupando un gran cadrado, centraliza o espazo coas súas dimensións e a luz que entra desde as fiestras da súa base, simbolizando así o cosmos gobernado por Cristo.
É a cúpula, un fito na historia da arquitectura, a que determina tódalas partes do edificio, pois todo parece estar disposto para resaltala. Cos seus 30 m de diámetro, articulase como unha cuncha gallonada de corenta nervios e corenta plementos curvos. Está construída con ladrillos postos de canto e ánforas con grosos leitos de morteiro para conseguir maior lixeireza.
Tal peculiar sistema permitiu a apertura de numerosas fiestras na base da cúpula ó quedar libre de pesos, o que inflúe decisivamente no efecto lumínico de Santa Sofia de xeito que provoca o efecto de cúpula colgante, a ilusión visual de que está “suspendida no aire”.
A subxección e contrarresto da cúpula planteou un problema que o Panteón non tivo, pois neste caso todo o seu peso caía sobre un muro circular. Agora non hai muro e o espazo a cubrir é cadrado polo que se serve de catro pendentes para pasar do cadrado ao circulo. A solución comeza por apóiala sobre catro grosos piares que transmiten o peso da cuberta por medio de arcos transversais cara a outros tantos xigantescos contrafortes exteriores, tamén de considerables dimensións. O seguinte paso consistiu en contrarrestar os seus empuxes, o que se logra por medio das semicúpulas que cobren as exedras da cabeceira e dos pés, que á súa vez se contrarrestan coas pequenas exedras que conforman as arcadas que se abren nos ángulos.
Estamos diante dun sistema totalmente orixinal e novidoso polo que o peso da magnífica cuberta repártase nun proceso de soportes e contrarrestos encadeados a modo de baldaquino.
Consecuentemente o muro queda liberado da función sustentante e pode horadarse con múltiples vanos.
As naves laterais, cubertas con bóvedas de aresta, sepáranse da central por arcadas con arcos de medio punto, asentados sobre columnas de capiteis corintios de follas planas e traballadas con trépano buscando o claroscuro e con cimacios encima, fundidos en capitel albarda, para realzar e sobreelevar o apoio dos arcos. Sobre elas discorre o matroneo ou tribuna, que repite o mesmo ritmo de soportes e arcos que o piso inferior, se ben modificando o número de vanos, cinco abaixo e sete arriba, deixando de lado a harmonía clásica.
En canto á ornamentación, empregáronse mármores polícromos nos piares principais que lograban mitigar a percepción visual do seu grosor; mármores de cores, pórfiro ou basalto, nas columnas que separaban as naves. Especial relevancia enriquecedora e dese fenómeno desmaterializador teñen os mosaicos, colocados precisamente alí onde se dispoñían fachos, de modo que se conseguían unhas reverberacións lumínicas dun brillo prodixioso. Era, sen dúbida o marco idóneo para a manifestación de Deus e do seu lugartenente na terra, o Emperador. A maioría perdéronse, hoxe só conservan algúns diseminados pola edificación, por exemplo os serafíns das pendentes, pero contaba cun Pantocrátor na cúpula e unha Virxe co Neno na ábsida.
Esta riqueza interna contrasta coa sinxeleza exterior caracterizada polo xogo de volumes graduados desa estrutura en baldaquino, que se precipitan a modo de fervenza desde a cúpula principal ás exedras maiores, ás exedras menores e finalmente ás capeliñas do nivel inferior, constituíndo unha auténtica sinfonía de formas construtivas. Ó descender as alturas de cada nivel, o conxunto non resulta abrumador, mais a cúpula perde a importancia que ten pois está disimulada por un tambor cilíndrico que oculta gran parte do seu casquete esférico. Un carácter máis pesado adquiren os contrafortes que reciben os empuxes transversais dos arcos internos. Son tan grosos que as frontes laterais perden algo da axilidade construtiva do resto do edificio.Conservouse intacta pouco tempo, novos terremotos afundiron a cúpula, logo reconstruída. A alteración meirande produciuse cando os turcos converten a basílica nunha mesquita. De aí vén a elevación dos minaretes, a reorientación do templo, que altera o orixinal eixe lonxitudinal da planta pois que a ábsida queda relegada a segundo plano; e a transformación da ornamentación interior, moi pouco afortunada, que afecta ós mosaicos primitivos e empobrece o esplendor orixinal.
Constitúe o cumio da arte bizantina na que se fai patente o abandono do sentir clásico, substituído polo dominio do emocional cunha arquitectura que esconde o artificio técnico para primar as sensacións producidas pola luz, a cor e o espazo. Exemplifica todos os principios desa arquitectura: basílica palatina que procura convencer ó súbdito do dobre poder que se estende sobre el, creación dun espazo interior dilatado e aberto a través dunha planta lonxitudinal e ó tempo centralizada, cúpulas en baldaquino, desmaterialización dos elementos sustentantes, exteriores sinxelos fronte á riqueza interior.
En tanto unha das máis importantes obras da Historia da arquitectura servirá de modelo a posteriores construcións, se ben ningunha acadou as súas dimensións. Haberá que esperar a chegada do renacemento con Brunelleschi e a súa cúpula da Catedral de Florencia.



Unha clara explicación da obra nesta páxina.

Resulta moi interesante a lectura da descrición feita por Procopio, historiador bizantino do século VI.






  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir