A continuidade dos seus autorretratos ao longo dos anos acaban por conformar unha especie de diario visual que permite non só ver os seus cambios físicos senón tamén psicolóxicos.
De Rembrandt contamos con case cen autorretratos ben en óleo ben en gravados ou ben en debuxo. Estes dous últimos son pezas de pequeno tamaño de busto incidindo no rostro, por iso se clasifican como tronies (en holandés =rostro), que non procura a semellanza con ninguén senón o estudio de expresións.
Agora ben, a razón que semella un impulso ególatra non o é tanto. Serviron para que os discípulos practicasen a figuración con xestos diferenciados, con disfraces ou vestimentas variadas, con acenos e estados de ánimo e así contar cun repertorio que empregar despois, ou como acto publicitario que favoreza encargos dos adiñeirados burgueses, agora importantes compradores de arte ao non existir encargos eclesiásticos. Quere mostrar que el é o mellor retratista que podes contratar.
Actualmente, aínda con controversias, admítense como obra propia uns 80. Moitos, en calquera caso.
Outros serviron para vestir de militar con casco ou disfrace con roupaxes exóticas. Xa que servían como método de estudio de figuración para outras composicións, non se medía en gastar comprando de xeito sistemático todo tipo de telas, tocado e adornos.



Como fixeran outros pintores do pasado, tamén en obras de xuventude (Lapidación de San Estevo) inserta o seu rostro como un actor máis que participa nos acontecementos (temos tratado estes selfies renacentistas nesta entrada)
No XVI, o retrato convertérase en xénero con valor propio.
|
O fillo do muiñeiro (rico por posuír varios muíños), amosa xa o seu talento en Leiden, a súa vila natal na que xa montou estudio propio. É un mozo novo e aínda inseguro.
Pousa de perfil pero xira o rostro de fronte, necesario tendo en conta que o pintor pinta a imaxe reflectida no espello. O foco de luz que entra desde a esquerda ilumina a meixela, resalta o colo de encaixe branco da camisa, roza levemente os labios e a punta do nariz, atravesa o fondo atenuando a súa forza ata diluírse. O resto queda en penumbra.
Mostra trazos da súa aparencia física: os seus cabelos leonados ou o bulboso nariz -algúns dín "de pataca"-. Pero os ollos e a mirada directa quedan ocultas na penumbra. Pouco deixa ver de si mesmo, semella impenetrable. Obriga aon espectador a contemplar o non nítido coa súa imaxinación.
Hai todo un estudio de técnica pictórica, desde o contraste de luz e sombra, sen o dramatismo de Caravaggio, ata o emprego da punta do pincel raiando sobre a pintura húmida para remarcar os rizos capturando a luz.
|
Xa instalado en Amsterdam desde 1631, está agora en plena madurez e no cumio da fama.
A cidade co porto máis próspero do norte de Europa, abría un amplo abanico de posibilidades de contar coa demanda da adiñeirada burguesía e de lucrativos encargos públicos e privados (os doelen de corporacións políticas ou gremiais). As cousas ían moi ben, tanto en encargos como en estudantes.
Ademais estableceu relación de amizade e financeira cun rico comerciante de arte. Aloxouse na súa casa e alí coñeceu a súa prima, Saskia. Casaron no 1634, tiveron catro fillos -só Titus acadou a idade adulta maís morreu mozo-, mercou -en parte cun préstamo- unha grande casa cun amplo taller-hoxe, Museo-, fíxose comprador compulsivo de arte e coleccionista de antigüidades ou obxectos exóticos de toadas partes do mundo.
Os gastos e as inversións eran moitas, pero a clientela era crecente.
Parecía pois que nada podía ir mal.
No autorretrato desta época vémolo de medio corpo, firme, orgulloso, seguro de si mesmo: non ten nada que ocultar. Viste roupas caras de pel e veludo, tócase cun sombreiro adornado de xoias. Pero non se corresponde coa vestimenta do momento, retratase como un cabaleiro renacentista do XVI. Parece ser un xeito de reivindicar un status social elevado, o que non s adoitaba recoñecer aos artistas da época.
Se ben nunca viaxou a Italia, Italia chegaba a Amsterdam xa que eran habituais as poxas de obra dos grandes mestres italianos. Puido ver tanto o Castiglione de Rafael -de feito fixo un apunte- como o Retrato de home descoñecido de Tiziano -fixo un grabado-
As referencias de Rembrant están claras, podemos entendelas como unha homenaxe pero tamén como un modo de subliñar que a súa arte está á mesma altura. Incluso xa firma como os grandes mestres (Leonardo, Rafael) do sur, só co seu nome: Rembrandt. Antes firmaba como RH (Rembrant Harmenszoon= fillo de Harmen). Nótese que engadiu o "d".
En orixe o lenzo era rectangular pero nalgún momento recortouse parte superior.
A pose é ben similar, de medio corpo cun brazo apoiado nun peitoril e superándoo co cóbado para dar profundidade, tal e como fixo Tiziano. O volteo da manga rompe a horizontalidade. Segundo a radiografía as mans estarían entrelazadas como no Castiglione.
¿Onde está a personalidade do pintor?. En primeiro lugar na cualidade cromática lograda por medio dunha secuencia de ocres e marróns, con tan só toques de branco, vermellón e negro. En segundo lugar a total ausencia de idealización, algún crítico dixo que era a figura dun home "desaliñado" cun rostro "feo".
A súa disposición semella acabar de xirar cara a nos para presentarse en plenitude diante da sociedade cosmopolita da cidade, a iluminación frontal deixa ver a mirada pese a recorrer de novo á media penumbra no lado dereito. A mirada directa dun home seguro de si e do seu status.
De novo, e para sempre, é de admirar a plasmación das texturas logradas con manchas de pintura ou pinceladas diferenciadas con maior ou menor empaste: a rosada pel do rostro, tecidos das vestimentas (o lino da camisa con bordados, o pel do tabardo e do tocado), os ondulados cabelos, o brillo do ollos, os destellos de luz nas xoias. Tamén se serve do mango do pincel para raiar na superficie húmida o pelo do colo de pel.
|
Moitas cousas cambiaron nestes anos. Saskia falecera no 49, tres dos seus fillos morreron antes de cumprir un ano, está ao borde da ruína financeira, a relación establecida coa neneira de Titus acoba en acusacións que houbo saldar cunha indemnización económica, tampouco estivo exenta de complicacións a recente relación con Hendrickje que entrara na casa como serventa. Titus que ven de cumprir catorce anos, fai testamento a favor do seu pai a fin de obviar os dereitos da familia materna, mais as débedas levarán a que Rembrandt perda a tutela do fillo. Aínda máis, o país estaba ensombrecido pola nova epidemia de peste.
Non hai telas luxosas, viste de xeito máis humilde coa bata de traballo atada cun cinto Porén a súa postura é firme e, incluso, pode parecer desafiante. Segue a considerarse un home importante
|

Estamos diante dun home que semella maior do que realmente é, as experiencias vividas e o paso do tempo deixa as súas pegadas no rostro.
A obra rezuma melancolía, cansazo e soidade con eses tons escuros, ese rostro surcado de arrugas, ese ceño engurrado, esa pel macilenta e, sobre todo, esa mirada penetrante.
|
Os préstamos e as débedas contraídas non se liquidaron coa venda de obras de arte e curiosidades da súa colección. Neste mesmo ano declarouse insolvente e houbo facer entrega dos seus bens vender a súa grande casa, trasladándose a un barrio máis pobre.
Quizá como xeito de reafirmación ou porque esa é a visión que ten de si mesmo, pinta este lenzo de grande tamaño que nunca pensaríamos que se trata dun pintor en quebra.
A súa posición case entronizado, a luxosa vestimenta oriental, o bastón recuberto de prata que sostén case coma se dun cetro se tratara, faríanos pensar que estamos diante dun monarca ou dun home poderoso. Pero a riqueza da cor, moi de Tiziano, e a monumentalidade do retrato non logra ocultar a verdade dun pintor en horas baixas, tocado pola dor e a enfermidade.
Déixanos a dúbida do obxectivo deste autorretrato: amosar a propia forza con esa grandilocuencia formal ou a tristura dunha vida que esvaece en medio do fracaso. Seguramente sexan as dúas cousas á vez: un colosal xenio sometido pero aínda desafiante.
Admirable a técnica dos brocados reflectidos cunhas simples pinceladas vibrantes aplicadas a pequenos toques.
|
Agora era un asalariado da empresa montada por Titus e Heindrickje, unha estrhataxema para eludir a obrigación que tiña Rembrandt de que toda obra da súa propiedade debía ser requisada para saldar débeda dos acredores.
A luz entra desde a dereita, algo estraño xa que o habitual sería desde a esquerda posto que o espello estaría colocado á súa esquerda para que a man do pincel non curte a visión completa. Pensemos que a imaxe que nos devolve o espello é invertida.
De medio corpo, ben ergueito, coas mans entrelazadas -de novo como o Castiglione-, xira a cabeza para mirarnos desde uns ollos afundidos que expresan dignidade e forza interior. Todo o rostro reflicte verdade.
|
É un dos tres autorretratos que executa este ano, ano que será o da súa morte.
Un busto de tres cuartos, de novo sobre fondo escuro, de novo volteado o rostro, de novo cun brazo apoiado nun peitoril fora do lenzo, de novo coas mans xuntas, de novo con roupas doutra época. Canta semellanza con aquel dos 30 anos máis canta diferencia! Non é aquel triunfante pintor de éxito, é o vello mestre que, pese a todo, resiste.
A sensación de amargura, de tristura, de cansazo convive coa mirada directa chea de forza interior que traspasa o lenzo e chega ata quen que o mira.
Perdera a súa parella e o seu fillo, só a Cornelia, nacida da unión con Heindrickje lle sobreviviu.
O artista máis grande dos Países Baixos, foi enterrado unha igrexa próxima nunha tumba alugada sen nome.
Pechemos con este gravado de 1648 no que se mostra traballando, un xeito natural da súa vida e un modo próximo de presentarse.