01/12/19

RENACEMENTO EN ESPAÑA E OUTROS RENACEMENTOS


ESPAÑA

Chega a través dos  contactos económicos e políticos con Italia, desde fines XV: intercambio de artistas, importación de obras e tratados artísticos 
Non conectado coa propia evolución, que se mantivo moito tempo no gótico. As fórmulas puramente clasicistas -"ao romano"- non chegaron case a penetrar, é a plástica manierista a que se introduce, sobre todo no repertorio decorativo -"ao moderno"- máis que que na concepción. 
  • Interese da Coroa por desenvolver unha arte oficial que a defina e sexa símbolo de unidade e poder 
  • Impulso tamén de parte da aristocracia, os Mendoza, para reafirmar o seu prestixio
  • A Igrexa aferrase á linguaxe gótica, particularmente na arquitectura, desconfiando dos modelos pagáns renacentistas. 
A complexidade do Renacemento español advírtese nas diferentes denominacións das etapas da súa evolución, particularmente significativas na arquitectura
Os inicios, baixo o reinado dos reis Católicos, veñen dados polas escolas de Toledo (Enrique Egas e os Guas) e de Burgos (os Colonia) que inflúen no resto do territorio

Palacio do Infantado, Guadalajara
Galería do Castelo de Manzanares el Real
Casa das Conchas (tantas como días do ano), Salamanca
Diego de Siloé, Escaleira Dourada, Catedral de Burgos

ARQUITECTURA


PLATERESCO, finais do XV e primeira metade do XVI
Caracterizado polo mantemento de estruturas góticas ás veces con aparello almofado, ás que se engade unha profusa, concentrada (fachada-retablo) e minuciosa decoración ao modo da labor dos prateiros, con motivos renacentistas (medallóns, columnas abalaustradas, grutescos, emblemas heráldicos, candelieri) pero tamén mudéxares.

Lorenzo Vázquez, Colexio de Santa Cruz, Valladolid
Lorenzo Vázquez, Palacio Medinaceli, Cogolludo
Universidade de Salamanca. Fachada-tapiz sobre arcos escarzanos
Juan de Álava, San Esteban, Salamanca

PURISMO, segundo tercio do XVI

Coincide co reinado de Carlos V. Dominio dos principios italianos seguindo o severo deseño de Bramante: prevalece o espacial e o construtivo de acordo con principios de proporción.
A decoración perde en extensión pero gaña en intensidade do relevo, adquire volume ata facerse case corpórea, prescinde dos grutescos e dos candelieri
Gil de Hontañón, Universidade Alcalá de Henares
Covarrubias, Hospital Tavera, Toledo
Palacio Carlos V, Granada.Cadrado+círculo=o humano e o divino


CLASICISMO/HERRERIANO, finais do XVI-mediados do XVII

Reinado de Filipe II
Responde á linguaxe da Contrarreforma e ás influencias manieristas
Caracterizado pola monumentalidade e rigor xeométrico,  volumes claros,   relacións matemáticas entre os distintos elementos arquitectónicos,  sobriedade decorativa (pirámides e bolas,) cubertas de madeira e tellados de pizarra con chapiteis
O Escorial (análise) é o prototipo imitado no Palacio Ducal de Lerma, obra de Francisco de Mora a primeiros do XVII

ESCULTURA 

Predomina a temática relixiosa (temas da Paixón, Virxes) con formas expresivas, directas e realistas moi lonxe do clasicismo italianoA influencia de Miguel Anxo é notoria. 
Materiais: madeira principalmente; mármore e pedra para os monumentos funerarios

BERRUGUETE
Formado inicialmente no gótico da escola de Valladolid, de onde conserva o tradicional expresionismo castelá, a súa estadía en Italia permitiulle coñecer as obras da Antigüidade, os artistas do Renacemento e os novos recursos anticlásicos do Manierismo o que deixara unha profunda pegada na súa obra (á dereita).
Desenvolve un estilo moi persoal: formas alongadas, nervioso, apaixonado, expresivo, chegando ás veces á incorrección formal.
Curiosamente aínda mantén o gusto polos dourados

San Sebastián

Sacrificio de Isaac

PINTURA 

A tardía influencia italiana fixo que se mantiveran os trados de orixe flamenga
Temática: retrato cortesán  (Carreño, Sánchez Coello) e relixiosa (Morales); os temas mitolóxicos (sen tradición en España) encargábanse a venecianos e para círculos cortesáns.
A figura senlleira é O Greco (análises: 1 e 2) cun personal estilo que mezcla o bizantino, o veneciano e o manierismo co misticismo expresionista hispano

Carreño, Retrato de Carlos II
Sánchez Coello,Isabel Clara Eugenia
Morales,Virxe co neno
Locoonte
Cabaleiro da man non peito
Dama do armiño


GALICIA




A súa condición periférica determina unha tardía implantación dos cambios estilísticos, tampouco chegaron aquí artistas italianos. De novo é a vía de peregrinación a Santiago a que determina as influencias, sendo esta cidade o primeiro foco no que se materializa o proto-renacemento.

1) GÓTICO-PLATERESCO

- HOSPITAL REAL DE SANTIAGO
Impulsado pola monarquía para centralizar nel diferentes funcións: asilo, hospital de pobres e peregrinos, colexios, bótica, ...
Inicia a construción no 1501 Enrique Egas, arquitecto real. A fachada, unha fachada-tapiz, obra de Martín de Blas e Guillén Colás, responde á idea dun arco de triunfo elaborado con elementos góticos (frisos, crestería, abucinamento) e ornamentos renacentistas (medallóns, grutescos)




-CLAUSTRO DA CATEDRAL DE SANTIAGO
Deseño de Juan de Álava. Gil de Hontañón abre as fachadas con galerías outorgándolle un carácter civil; introduce frontóns,medallóns, ménsulas, e substitúe os pináculos por "flameros"; levanta a Torre do Tesouro, rematada en pirámide escalonada, evocación de gravados do mausoleo de Halicarnaso


2) PURISMO
Paulatina desaparición dos elementos ornamentais que permiten visualizar a estrutura arquitectónica. No ámbito eclesiástico perviven elementos goticistas

COLEXIO FONSECA
Participan Juan de Álava, Gil de Hontañón e Covarrubias quen establece principios proporcionais na portada. A Sala de Teoloxía cun artesonado de raíz mudéxar.
TORRE BERMÚDEZ, Pobra do Caramiñal (escola de Gil de Hontañón)
- Hospital de San Roque, Núñez de Arce. Anuncia o clasicismo
SAN MARTIÑO PINARIO
Mestre portugués Mateo López. A Igrexa a escala non humana, a fachada con elementos clásicos pero sen seguir a súa normativa


En Viveiro: Porta de Carlos V


3. CLASICISMO
Mentres,  Santiago mantén a conexión con arquitectos andaluces como Fernández Lechuga
ESCALEIRAS DO OBRADOIRO, Ginés Martínez. Conexión con Vignola en Villa Farnesio e con Diego Siloé na Escaleira Dourada da Catedral de Burgos
COLEXIO SAN CLEMENTE DE PASANTES, Ginés Martínez
IGREXA SAN AGOSTIÑO, González de Araujo e Fernández Lechuga
O novo foco renacentista de Monforte implanta o pleno clasicismo da man de arquitectos casteláns e cántabros. A obra representativa é o Colexio de Nosa Señora da Antiga, considerada O Escorial galego polo seu desenvolvemento horizontal, a austeridade, os remastes en bolas sobre pináculos, a planificación (igrexa no eixo central e dúas alas laterais que dan acceso a senllos patios). A portada remata nun frontón triangular partido con peineta -será moi empregada no Barroco- portando escudo de armas dos xesuítas

Dúas obras de Simón de Monasterio
Fachada Igrexa Mosteiro Montederramo (semellanzas con Gesú)
Fachada Igrexa Mosteiro Monfero (columnas xigantes manieristas)






OUTROS RENACEMENTOS


ALEMAÑA
Grünewald, Retablo de Isenheim (tratado neste post)
Holbein, Os embaixadores
Durero, Adoración dos Magos
PAÍSES BAIXOS
Patinir, Descanso na fuxida a Exipto
O Bosco, O Carro do heno (táboa central)
Brueghel o Vello, Voda campesiña
FRANCIA
Fouquet, Díptico de Melon (panel dereito)
Anónimo-II Escola de Fontainebleau, Gabrielle d'Estrées e a súa irmá
Cousin o vello-II Escola Fontainebleau, Eva Prima Pandora



Agora entra nos cadros de Brueghel para ver todos os detalles.






29/11/19

CASTELO DA PONTE/PORTA REAL/PORTA DE CARLOS V



Viveiro, Pedro Poderoso



A nova porta da muralla sitúase fronte do final da ponte sobre o río Landro. A edilicia da ponte, con rango de paso real, data do reinado de Enrique IV, en torno a 1462, pero o remate non se culmina ata o 1544 no reinado de Carlos V. As modificacións e ampliacións sucedéronse ao longo dos séculos XIX e XX, foron tamén habituais as reparacións sufragadas tanto con arbitrios sobre o viño ou a sal como os cobros de portadego . É posible que se levantara unha ponte anterior.
Os debuxos levantados no 1702 reproducen o seu aspecto baixomedieval coas doce arcadas



Esbozo da ponte, levantado en 1702 por Castro Canseco
A construción comezara no século XV
Á dereita, quedaría a capela da Misericordia
Lado dereito, Puerta Real de la villa


Tras do catastrófico incendio de 1540, o Consistorio encarga unha nova porta no 1548 sufragando o custo cos diñeiros das penas de cámara por caloñas (penas pecuniarias por delitos e faltas) e coas exencións fiscais outorgadas pola monarquía.
As obras detivéronse e retomáronse no 1554.
Pouco se sabe de Pedro Poderoso, si que non era natural de Viveiro pois o contrato polo seu traballo inclúe o pago de pousada. Tamén descoñecemos se a obra responde a planos propios ou alleos.
Á que un vello documento se refire como "portada de esta villa en la puerta del puente" é unha construción conmemorativa a modo de arco triunfal na honra de Carlos V vinculándoo con Hércules, realizada en cantería de granito.
Estilisticamente responde a formulacións plateresco-manieristas que rompen coa sinxeleza do clasicismo, aínda bebendo de elementos das fortificacións -torreóns, troneiras e almeas-, pero xa sen o carácter funcional daquelas.


De planta rectangular, o alzado frontal presenta tres corpos delimitados por semicolumnas adosadas rematadas en pináculos cónicos, tipo que se repite no eixo central O primeiro corpo, de carácter cívico, arranca sobre un pequeno basamento en relevo reticulado que recorda o opus reticulatum de Alberti no Palacio Rucellai
Sobre pilastras oitavadas -basa e capitel de imposible identificación dado o deterioro do granito- levántase o acceso a través dun arco de medio punto de grandes doelas e molduras no intradorso, con relevos na clave e nos arranques, apúntase que o da clave correspondería á figura de Hércules apoiado na clava.
As semicolumnas laterais divídense á mesma altura das pilastras, por medio dun capitel similar ó que sustenta o arco. Pola contra, no seu remate carecen de capitel


Nas enxutas do arco, os escudos de Galicia cos cinco copóns (esquerda) e de Viveiro co león sobre ponte de cinco arcos (dereita) encadrados entre molduras, individual a primeira e continua a segunda de separación dos dous corpos, e unhas columniñas abalaustradas nos lados, a modo de capiteis contan con sendos cantharos que se sitúan xa no segundo corpo.

O segundo corpo, dedicado á gloria do emperador, presenta con grande relevancia e no centro, unha estrutura arquitectónica que arranca sobre ménsulas entre as que se sitúa a inscrición conmemorativa:
HIZOSE ESTA P[UERTA] SIENDO / CORREGIDOR EL LICENCIADO / CARASA DE TORDESILLAS 
Continúa con dúas pilastras con relevos moi perdidos, entre as que se ubica o escudo imperial: aguia bicéfala e coroa imperial, acuartelado cos brasóns de Castela, León, Granada, Aragón, Navarra, Nápoles, Austria, Borgoña, Sicilia Tirol, Bravante e Flandres, bordeado polo Toisón entre as columnas de Hércules.
Un pequeno corpo superior, a modo de friso, entre capiteis apoiados nunha arquitrabe de ovas e frechas da paso ó frontón triangular en cuxo tímpano se insire o busto do emperador con coroa e cetro. No alto catro bustos, dous a cada lado, de distinta interpretación: para uns serían alusión ás Catro Liñaxes de Viveiro (Páez de Cora, Alfeirán, Vizoso e Gallo, encargados por Don Pelaio de defender a cidade) posuidores de privilexios e dereitos recoñecidos; para outros serían guerreiros defensores da monarquía, personaxes exemplares da Antigüidade, heroes mitolóxicos. A primeira interpretación resulta moi improbable dado que as dúas figuras da esquerda son femininas e as da dereita masculinas.
As semicolumnas que continúan do nivel inferior contan cunha basa de moldura sogueada e un capitel de molduras cilíndricas.


O corpo superior, sobre cornixa moldurada, ven dado por un parapeto aberto en pequenas troneiras en forma de pechadura. Sobre el, un total de seis ameas, igualmente abertas en troneiras -con relevos as centrais-, rematadas en acróteras con bustos de guerreiros as centrais e decoración en filigrana as catro restantes. Rematan as semicolumnas que partían do chan en pináculos ós que se suma un terceiro central.
Nos flancos laterais senllas almeas similares ás frontais e desaugadoiros, en gárgola no lado esquerdo
O paso realízase baixo bóveda de canón que acolle un retablo coa talla de san Roque procedente da Casa Real, residencia dos Corrixidores ata 1876, ano en que foi derrubada da súa ubicación nun dos lados da Praza Maior
A cara interior carente de ornamento, prolóngase lateralmente, de xeito máis notorio na cara sur onde se sitúa unha sinxela porta alintelada de paso a unha escaleira de caracol, é o acceso ata a azotea do alto, hoxe convertida nunha estancia. 

Dous anexos: un ha imaxe e o plano de Viveiro coas 6 portas (nótese aínda presentes as dús igrexas desaparecida, número 6 e 10)


Imaxe publicada no libro Vivero, de Fermín Gozález Prieto, 1934












  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir