29/04/22

París, 1937. Preludios e fugas dunha icona


UNHA EXPOSICIÓN



A Exposition Internationale des Arts et Techniques dans la Vie Moderne de 1937 celebrada en París, tiña como obxectivo mostrar como arte e tecnoloxía non eran campos opostos senón que ían da man, o fermoso e o útil serven ademais para promover a paz.
A situación política en Francia non era fácil, tampouco no resto de Europa. A Fronte Popular no goberno presidido por Léon Blum buscaba subliñar a identidade nacional incorporando as colonias e ao tempo erixirse como país libre á marxe dos extremismos triunfantes en Alemaña (Hitler), Italia (Mussolini) ou a Unión Soviética (Stalin). Fíxose necesaria unha forte inversión económica que foi respaldada polo éxito, inaugurada o 25 de maio (ata o 25 de novembro), contou con máis de 300 pavillóns, 52 países  e máis de 31.000 visitantes.
Francia modificou o espazo erguendo edificios novos que aínda se conservan como Palais Chaillot, o Palais d'Iéna, Palais de Tokyio, Palais de la Découverte. Os pavillóns estranxeiros máis impresionantes pola súa megalomanía e significación foron o da URSS e do Alemaña.
Baixo a premisa de tecnoloxía e arte, houbo pavillóns destinados á aeronáutica, á electricidade, ás obras públicas, aos descubrimentos científicos, mentres que a arte agrupouse nun museo de arte moderna amén da colaboración con obras de integradas nas distintas edificacións.
Na imaxe seguinte recóllese o legado arquitectónico (en verde) e sitúanse algúns dos pavillóns, obra de recoñecidos arquitectos, e as obras artísticas que contiñan.



UN PAVILLÓN


O goberno da República -especialmente impulsado pola Generalitat- quixo que o Pavillón español servira de testemuña e de propaganda política para atraer o público á causa republicana e contra da guerra que o país estaba sufrir sen contar coa axuda internacional. Curiosamente tamén o goberno de Franco participou na Exposición colocando as súas mostras no Pavillón do Vaticano, situado xustamente enfronte.
O edificio, de traza racionalista case sen paredes, foi obra dos arquitectos Josep Lluís Sert -discípulo de Le Corbusier- e Luis Lacasa. Constituía unha especie de contedor de mostras artísticas de vangarda e de carácter reivindicativo. Houbo de levantarse a toda presa nun terreo irregular e con baixo presuposto.

A primeira planta, a principal, con chan de esparto e acceso por unha escaleira exterior, contiña a mostra de artes plásticas, as seccións ministeriais e as tradicións populares. A planta inferior cun patio, que podía cubrirse electricamente cunha lona, contaba con escenario, unha pequena biblioteca da causa republicana e unha galería co Guernica e a fonte de Calder.

Aínda que a Exposición se inaugurou no mes de maio, o Pavillón español non estivo listo ata o mes de xullo. Derrubouse ao rematar a Exposición, pero no ano 1992 aproveitando os Xogos Olímpicos fíxose unha reconstrución destinada a Centro de Estudos Históricos Internacionais e Biblioteca do Pavillón da República.

UNHA ACHEGA ARTÍSTICA




Dos artistas exilados, non se logrou a colaboración Dalí. Ademais da exposición plástica houbo proxeccións de Buñuel, concertos, representacións teatrais, danzas rexionais, exposición de libros e artes populares, paneis dos logros ministeriais (educación, agricultura, patrimonio) conferencias ... 
Moi significativos foron as fotomontaxes de Josep Renau, recoñecido cartelista e publicista, e por entón Director Xeral de Belas Artes, foi el quen logrou a participación de Picasso e quen  se encargou do traslado do patrimonio artístico de Madrid a Valencia.

E por todas partes textos reivindicativos. A imaxe e os textos da fachada cambiaban cada quince días.

CONTRIBUCIÓN DE PICASSO



Ademais do Guernica, Picasso cedeu un total de cinco esculturas, catro cabezas de muller e a muller oferente. Desta última fixo despois unha versión en bronce a gran tamaño, que destinou á súa tomba no
Château de Vauvenargues.
Eran obras realizadas no taller de escultura que no 1930 montara en Boisgeloup, que se versionaron en cemento e colocaron no exterior e na exposición interior. Marie-Therese Walter, a súa parella do momento, foi a musa das obras.

Cedeu tamén o pequeno e irónico lenzo "Retrato da marquesa do cu cristián botando un peso aos soldados mouros defensores da virxe" e doou os augafortes de "Sono e mentiras de Franco", unha especie de cómic de 18 viñetas. As estampaxes venderíanse no Pavillón como axuda ao goberno da república.



UNHA ICONA: PRELUDIO E FUGAS



As relacións de Picasso co goberno da República, presidido por Azaña, eran moi boas como o demostra o ter sido nomeado en setembro do 36 director museo do Prado. Aceptou encantado aínda que realmente nunca chegou a tomar posesión do cargo -tampouco sería despois oficialmente destituído- nin apareceu por alí. Aínda así non foi substituído ata o remate da guerra civil,  cando o ferrolán Fernando Álvarez de Sotomayor, recoñecido retratista, pasou a ocupar o cargo.
En xaneiro do 37 -aínda que os contactos comezaran meses antes-, o goberno, a través de Renau, encargoulle unha obra para o Pavillón. Aceptou o encargo cobrando tan só os gastos derivados.
Pasaba o tempo e Picasso no decidía que obra facer, inicialmente pensou no tema "O taller: o artista e a modelo, pero a noticia na prensa francesa dos bombardeos sobre a poboación vasca de Guernica pola Lexión Cóndor alemá, ao servizo do bando nacional, o 26 de abril vai ser o detonante. A vila non era un obxectivo militar e carecía de defensas antiaéreas polo que a destrución foi máxima. A única intención do ataque foi sementar o terror entre a poboación civil. Aquela masacre foi o punto de partida para executar este gran lenzo no que converte o feito en símbolo da violencia, a destrución e a dor. 
Comezou entón o 1 de maio un traballo intenso con multitude, un total de 45 bosquexos, estudos e apuntamentos en diferentes soportes e con diferentes técnicas, houbo de alugar dúas plantas doutro edificio -e acondicionalo con focos e estufas- dado o gran tamaño do lenzo que non cabía no seu taller e rematar en apenas mes e medio, traballando incluso de noite. Remátao o 4 de xuño. Dora Maar, con quen tiña relación neses tempos, fixo o seguimento fotográfico co que se documenta todo o proceso creativo da obra. Revisamos os estudios de composición, figuras e particulares.

Dora Maar, recoñecida fotógrafa e parella de Picasso, documentou de principio a fin todo o proceso creativo en 24 fotografías -compradas polo goberno español-. A través delas podemos ver as modificacións que vai levando a cabo, como a introdución da lámpada no alto no lugar que antes ocupaba un gran sol e a desaparición do brazo levantado do soldado morto. Colección no Museo Reina Sofía.
Xa entregado o lenzo, aínda continuou, entre xuño e outubro, unha serie de bosquexos e obras sobre as cabezas chorando e a nai con fillo morto, son os denominados postcriptos (post scriptum, continuación). Son pezas ligadas formal e conceptualmente ao Guernica, que formaban parte da doación e que obrigatoriamente  debían ser inseparables do gran lenzo.

Cóntase que durante a ocupación alemá de Paris, un oficial da Gestapo mostroulle unha foto do Guernica a Picasso e preguntoulle "¿Vostede fixo isto?", a o que Picasso respondeu "Non, foron vostedes". Aínda houbo outros feitos bélicos e xenocidas que Picasso levou aos pinceis:
O osario
, en 1944 cando se descubriron as fosas dos campos de concentración nazis, e
A masacre de Corea
, 1951.
Convertida nunha icona contra da guerra, a súa reprodución -total ou parcial-
multiplicouse
en centos de actos reivindicativos en todo o mundo en carteis, pancartas ou murais de art street, ademais de portadas de libros, discos, folletos, tarxetas, selos, adhesivos, chapas ... A ONU, na entrada do Consello de Seguridade, conta cun tapiz na entrada que aparece como fondo cando se fan roldas de prensa, pero en febreiro do 2003, cando o Secretario de Estado dos EEUU, Colin Powell, anunciaba o bombardeo de Iraq,  cubriuse cunha cortina azul có símbolo da ONU. 
Outros "xeitos de fuga" do Guernica son as reinterpretacións que tantos artistas realizaron.



As fugas pasaron tamén a outros ámbitos:



18/06/21

FUTURISMO


No 1909, a primeira plana de Le Figaro publica o texto de Marinetti Manifesto do Futurismo, (fragmento, texto completo) que xa días antes se recollera na prensa de Bolonia. Un total de 11 puntos nos que o poeta italiano propón non só un novo xeito de facer literatura e arte senón tamén un novo modo de vivir na modernidade e de desafiar as vangardas de París.
1. Queremos cantar o amor ó perigo, o hábito da audacia e da temeridade.
4. Afirmamos que o esplendor do mundo enriqueceuse cunha beleza nova: a beleza da velocidade. [...] un automovil ruxindo que parece correr sobre a metralla é máis fermoso que a Victoria de Samotracia.
7. Non hai neleza senón na loita...
10. Queremos destruir e queimar os museos, as bibliotecas, as academias variadas e combater o moralismo, o feminismo e todas as demais cobardías oportunistas e utilitarias.
[....] fundamos hoxe o "futurismo", porque queremos liberar este país da súa fétida gangrena de profesores, de arqueólogos, de cicerones e de anticuarios.
Sen esquecer outros ámbitos artísticos -música, escultura, cine ou literatura-, das que tamén se publicaron manifestos particulares, os principais artistas plásticos adeptos ó movemento -Boccioni, Carrá, Balla, Russolo e Severini- publicaron o Manifesto dos pintores futuristas e o Manifesto técnico da pintura futurista.  O primeiro conclúe:
Os mortos serán enterrados nas entrañas máis profundas da terra! O limiar do futuro quedará libre de momias! Abride paso á mocidade, á violencia, á ousadía.
O segundo (texto completo) explicita os principios técnicos:
O xesto que reproduciriamos no lenzo xa non será un momento conxelado no dinamismo universal. Será simplemente a sensación dinámica en si mesma.
De feito, todo se move, todo corre, todo mse transforma rapidamente. A figura nunca está iestable diante dos nosos ollos, senón que aparece e desaparece constantemente. Debido á persistencia da imaxe na retina, as cousas en movemento multiplícanse constantemente; a súa forma cambia como vibracións no espazo que percorren. Así, un cabalo que corre non ten catro patas, senón vinte, e os seus movementos son triangulares.

TRAZOS

  • Berce, Milán
  • Velocidade como expresión do vórtice da vida
  • Exaltación da modernidade a través dos avances tecnolóxicos que simbolizan a perfección (tren, automóbil, fábricas, avións)
  • Expresar a enerxía dinámica interior da materia física continuamente transformada no espazo, é o que os separa do Cubismo que amosa unha realidade estática e sólida desde un punto de vista plástico e xeométrico 
  • Representar a cuarta dimensión: o tempo
  • Herdanza da técnica divisionista e da simboloxía simbolista
  • O movemento exprésase pola repetición das posicións do movemento ou por liñas de forza
  • A cor empregada con valor construtivo
Toda unha actitude vitalista enchida de valores políticos xa que tamén eloxia a violencia, o mito do individuo revolucionario e o demiúrgo que impón a súa vontade na historia. o movemento nace  nun clima histórico no que, por outros camiños, nacerá o Fascismo.
As súas "veladas futuristas", ben publicitadas,  recitaban textos sarcásticos e violentos que incitaban á protesta bárbara.

Foi interesante a súa proposta de conectar a vangarda coa cultura de masas ou a creación de fórmulas que serán aproveitadas polo cómic, pola publicidade e no deseño tipográfico.

(Marinetti: Despois do Marne, Joffre visitou a fronte en coche)
Non obstante, valores defendidos como a guerra, os nacionalismos, a misoxinia ou o militarismo, fainos entroncar cos fascismos, o mesmo Marinetti colaborou no Manifesto Fascista de 1919. Despois da II Guerra Mundial queda circunscrito ás artes aplicadas.

REPRESENTANTES



UMBERTO BOCCIONI

O obxectivo da escultura é a reconstrución abstracta dos planos e dos volumes que determinan a forma, non o seu valor figurativo.
Foi o compoñente máis destacado do movemento ó que achegou tamén numerosos escritos teóricos.
A visión simultánea da realidade a través de fragmentación da imaxe tamén se aplica ós contidos psíquicos e mentais (Tríptico dos estados de ánimo).

Formas únicas de continuidade no espazoDesarrollo dunha botella no espazo
A cidade levántase
Visións simultáneasMuller no café. Compenetración de liñas e planosCarga de lanceiros

Estados de ánimo. Os que se vanEstados de ánimo. Os adeusesEstados de ánimo. Os que se quedan



GIACOMO BALLA

Dinamismo dun can con correaNena correndo polo balcón

Luz da rúaNúmeros namoradosVelocidade do automóbil


CARLO CARRÁ

A súa adscrición o movemento futurista remata cando coñece a De Chirico e pasa á pintura metafísica da que será un dos fundadores.
Se tivera continuado cos futuristas, sería un hipócrita. Coa miña nova actitude intento atopar ... ese equilibrio entre arte e tradición, entre natureza e arte ... negado ó futurismo.
Funerais do anarquista GalliDinamismo dun automóbilA Musa metafísica



LUIGI RUSSOLO

Ademais da pintura traballou no campo da música sobre a que publicou A arte dos ruídos e inventou o "entoador de ruídos". Temos falado da súa música nesta entrada.
PerfumeA revoltaA música


GINO SEVERINI

A descomposición da imaxe en teselas cromáticas xustapostas, como vista a través dun calidoscopio, e a súa estancia en París acabarán por conectalo co Cubismo en cuxa formación participará activamente.

Canóns en acciónA modistaDinamismo dunha bailarina



O cómic empregará este recurso de repetición, ademais das liñas cinéticas, para representar o movemento


Hoxe seguen a parecernos contemporáneos  moitos dos seus deseños publicitarios ( DEPERO e Campari)  e tipográficos.



Adam and the Ants, fan con esta canción de 1979 toda unha versión sonora do Futurismo, o ritmo musical impón a velocidade da que tanto gustaban os futurista que se citan: Marinetti, Boccioni, Carrà, Balla, Palazzeschi. Ademais do propio Manifesto Futurista.










16/06/21

ESCOLA DE PARÍS


Ata os primeiros anos do século, Munich era a cidade que atraía artistas pero a partir de entón o centro cultural desprázase a París, por onde van pasar todos aqueles que queren formarse á marxe das academias oficiais, libres de toda atadura da tradición, a relixión ou a política.
En París coincide un grupo heteroxéneo de pintores de distintas procedencias (Rusia, España, Italia....) que se agruparon en Montmartre e  Montparnasse no 
(Bateau-Lavoir e La Rouche)   
, lugares nos que os artistas sen recursos podían alugar un pequeno taller. 
Por alí pasaron Léger, Braque, Matisse, Picasso, Archipenkio, Delaunay... que seguiron tendencias diferentes ó paso do tempo. Por iso os representantes máis xenuinos da Escola de París son: Modigliani, Chagall, Soutine e Brancusi. Mantiveron un estilo personal sen adscribirse a ningún dos movementos contemporáneos



MODIGLIANI 

O tema central da súa obra foi sempre a figura humana tratada a través de retratos e da muller núa. En todo caso caracteriza a súa pintura a liña sinuosa de contorna, os longos pescozos signo de elegancia, os rostros de ollos amendoados e bocas pequenas, a expresión melancólica.

Gran nu



CHAGALL 

Os temas preferidos foron a familia, o campesiñado ruso, a  nostalxia da súa terra, a súa muller Bella, a tradición xude. Todo tratado cunha mestura de realidade e fantasía recorrendo a metáforas e símbolos que transmiten felicidade e optimismo.

Eu e a aldeaO gran violinistaParís a través da fiestraAniversario


SOUTINE 

Próximo ó Expresionismo  na cor e nas formas distorsionadas.
O botónsMuller en vermello
Natureza morta con raiaVista de Cagnes



BRANCUSSI 

Simplificación de formas ata o máximo de modo que acaba na geometrización e na abstracción

A musa durmidaO bicoMademoiselle PoganyPaxaro no espazo








  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir