07/09/10

VENUS DE MILO




CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo realizada en mármore de Paros, en tamaño superior ó normal (algo máis de 2 metros). Está tallada en pezas, algo usual neste tempo imitando as esculturas crisoelefantinas do período clásico. Coñecida como Venus, en realidade trátase da Afrodita grega, deusa da beleza e do amor, nacida da espuma do mar despois de que Cronos cortase os xenitais de Urano e caeran ó mar.
Pertence ó período helenístico da arte grega, entre o 323 e o 31 a.C. (desde a morte de Alexandre Magno ata conquista romana de Exipto). Clasificable dentro da escola de Atenas, berce do helenismo, onde se deron dúas tendencias dispares. Dunha banda a tendencia barroquizante e doutra a tendencia clasicista da que é exemplo a presente escultura
É unha obra orixinal encontrada soterrada en Milo, nas illas Cícladas. O seu autor é descoñecido se ben adoita ser atribuída a un artista de Antioquía de nome Agesandros ou Aleixandros segundo os restos da inscrición que figura no pedestal.

CONTEXTO

Coa derrota da coalición de cidades gregas a na batalla de Queronea no 338 a.C por obra do macedonio Filipo II, as cidades-estados, as poles, entran en crise, agora englobadas nunha unidade maior baixo o dominio macedónico. A subida ó trono de Alexandre Magno, con só 20 anos, significou a configuración dun imperio que estendeu ata a península balcánica e as marxes do río Indo. Á súa morte no 323 a.C., o imperio dividiuse entre os seus xenerais, constituíndo unha serie de estados independentes de cultura cosmopolita, na que se mesturaban Oriente e Occidente sobre a base helena Este fenómeno é o que denominamos helenismo, período de grande complexidade histórica e arqueolóxica. Atenas segue a ser o seu centro, pero adquiren importancia lugares como Siria, Exipto ou Asia Menor. Cidades como Pérgamo, Alexandría ou Rodas convértense en relevantes centros artísticos (escolas) onde se realizan obras de gran monumentalidade da man de escultores descoñecidos
Na arte dese novo mundo, non teñen cabida os ideais clásicos da harmonía e a medida, no seu lugar desenvolve un maior coñecemento da anatomía, o dinamismo e a exploración das emocións humanas. Parece unha arte de discordia e non de harmonía, de angustia en vez de tranquilidade, de emoción mo lugar da racionalidade. A influencia oriental amosouse nun incremento do decorativismo e da suntuosidade, que se separa da relixiosidade e adquire un carácter monumental ata entón descoñecido como se exemplifica no Mausoleo de Halicarnaso.
A escultura tenta como primeiro obxectivo plasmar a realidade, por iso tende a representar accións dramáticas e a miúdo violentas. Gusta de novos temas: os nenos, os anciáns, os monstros, as escenas de xénero, o nu feminino,.. Desenvolve o retrato procurando ser fiel á expresión do retratado e veraz nas fisonomías. As figuras presentan movementos intensos que retorcen os corpos en composicións espirais que multiplican os puntos de vista e resaltan as musculaturas. A exploración dos sentimentos e das emocións chega a deformar os rostros ó tempo que os amosa cunha teatralidade que ten por fin sorprender, e incluso conmover, ó espectador. Por todo isto se fala do barroquismo do helenismo.

ANÁLISE

Afrodita está de pé en posición de contraposto, apoiando o peso do corpo sobre a perna dereita mentres a esquerda se adianta e flexiona no xeonllo que destaca baixo as roupas
Compositivamente está pensada para ser vista de fronte, o contraposto e a torsión do corpo e da cabeza configuran unha liña espiral, sinoidea, que lle outorga un forte dinamismo e multiplica os puntos de vista
Está medio espida, pois o manto que a cubría cae por baixo da cintura cubrindo a zona púbica. Neste sentido tratase dunha venus púdica, como a Afrodita de Cnido.
Esta diferenza de texturas queda ben reflectido na suavidade do corpo ben pulimentado, cun torso que o autor alonga para dar maior esvelteza, en oposición ós panos quebrados en abundantes pregas que provocan suaves claroscuros. O tratamento dos panos recorda a Fidias tanto pola multiplicidade de pregas como polo feito de transmitir a anatomía que cobre, particularmente na perna esquerda emprega a técnica de panos mollados
O cabelo en bucles recollidos na covacha dun xeito simple recorda os peiteados praxitelianos, se ben aquí hai un maior traballo de trépano O rostro resulta fermoso, cun punto de melancolía e ensoño, pero cheo de repouso ó modo clásico.
Pero esa serenidade queda transmutada en sensualidade, case provocación, pola disposición o que a fai máis humana se cabe, máis naturalista
Á vista da existencia de puntos de fixación é posible que estivese ornada con diadema, pendentes e un brazalete.
Pode estar inspirada nun modelo anterior -copiada polos romanos na Venus de Capua-, atribuída a Lisipo, pero tamén hai que poñela en conexión iconográfica coa Afrodita de Cnido de Praxíteles, unha obra de grande éxito e moi imitada
Descoñecemos a disposición dos brazos e se neles portaba algún obxecto, algúns consideran que levaría unha mazá (melos en grego) na man esquerda mentres a outra se apoiaría nunha columna ou ben simplemente suxeitaría o manto que cae. En todo caso tratase só de hipóteses abertas á imaxinación,
Para rematar insistir como nesta obra conflúen o pasado clásico (Fidias, Praxíteles, Lísipo) ea s novidades helenísticas; naturalismo, liña serpentinata.











A canción Venus de Milo interpretada polo trompetista Miles Davis, grabada entre 1949 e 1950 no disco Birth of the Cool.
Fora escrita polo saxofonista barítono Gerry Mulligam.










APOXIÓMENOS- Lisipo



CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo que representa un atleta que, despois do exercicio, limpa co strigilis, un cepillo metálico, a pel cuberta de po e aceite.
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo tardío do s. IV a.C.
A obra orixinal realizada por Lisipo en bronce non chegou ata nosoutros pero coñecémola polas múltiple copias romanas que dela se fixeron.
Lisipo foi un artista prolífico, dise que realizou máis de 1500 esculturas de gran tamaño; traballou na corte de Alexandre Magno, de quen era escultor predilecto e do que realizou diversos retratos (ver).
Recoñecía como único mestre a Natureza e a Policleto e o seu Doríforo, o que demostra o seu afán de someter a escultura a uns principios, a un canon. Neste sentido pode ser considerado, por tanto, como o derradeiro dos escultores clásicos.
Foi un artista prolífico, dise que realizou máis de 1500 esculturas de gran tamaño, a maioría en bronce. Os seus temas preferidos eran atletas (Hagias), heroes e deuses (Eros atando o arco, Hércules Farnesio)


CONTEXTO


Atenas é derrotada por Esparta na guerra do Peloponeso o que pon fin ó gran período do dominio de Atenas e de Pericles. Os cambios políticos e sociais tiveron repercusións
Se ate agora o principal cliente era o goberno da poles, agora crece a clientela privada, o mercado da arte e o interese por coleccionar
A arte rompe cos grandes ideais e xira cara ao que se aprehende polos sentidos, a procura do inmediato, ao realismo que se materializa na fidelidade da aparencia antes que da esencia, de aí ven o desenvolvemento do retrato. Tres grandes escultores da etapa representan tendencias diverxentes, dunha parte a expresión de emocións líricas, a charis, de Praxíteles, doutra o dramatismo, o pathos, de Scopas, e coma unha síntese a obra de Lisipo.
En conxunto perséguese o prototipo de beleza ideal pero afondase nos sentimentos e no movemento, estilizase o canon, barroquízanse as formas e acentuase o naturalismo, incluso os deuses aparecen moito máis humanizados seguindo a liña de Fidias aínda que sen a súa maxestuosidade. En definitiva desaparece a férrea ortodoxia do equilibrio, harmonía e proporción. Unha das grandes novidades é o nu feminino, ata o momento reservado ás figuras masculinas. Todos estes cambios son precedente do helenismo.

ANÁLISE


O atleta, a tamaño natural, está representado no momento posterior á actividade atlética, é pois un momento nada heroico, nada importante, un acto cotián sen maior relevancia
Isto en si xa é novidoso, en continuidade coa liña de Praxitles, pero hai outras de gran interese. En primeiro lugar o novo canon de proporcións: reduce o tamaño da cabeza e da maior altura ó atleta, se Policleto establecera unha altura de sete cabeza, Lisipo pasa a oito cabezas, o que fai que a figura resulte moito mais estilizada. Ademais acentúa o volume e a gravidez muscular que favorece a sensación de corporeidade dunha anatomía máis naturalista.



Compositivamente tamén rompe coa clásica disposición frontal, pois tanto o brazo esquerdo que corta o outro en ángulo recto, impedindo a visión total do plano principal, como a extensión cara ó espectador do brazo dereito, nun escorzo inconcibible no ámbito clásico, multiplican os puntos de vista. Deste xeito rompe o efecto de relevo, crea espazo e profundidade, obrigando ó espectador a xirar en torno da escultura. Hai tres puntos de vista predominantes: frontal, de costado e tres cuartos.
A posición, en marcado contraposto, resulta pouco estable: o corpo semella oscilar sobre as pernas, e a perna dereita, un tanto atrasada e dirixida a un lado, non afinca firmemente no chan como sucedía no Doríforo.
O pulimento e a suavidade das formas atenuando as diartroses, tan marcadas en Policleto, fan que a luz esvare sobre a obra sen provocar claroscuros. As formas brandas recordan a Praxíteles.
Psicoloxicamente xa non estamos diante dun "Home idealizado", hai un tratamento realista de actitude, de xesto e de expresión. Aínda sen tratarse dun retrato, somos conscientes de observar un atleta concreto: canso, taciturno (ten unha enrruga moi marcada na fronte) e co pelo revolto. O rostro é fermosos, nin a boca nin os ollos amosan a paixón de Scopas nin a graza soñadora de Praxíteles
Está claro o avance cara ó realismo que terminará por triunfar no período helenístico.






HERMES DE OLIMPIA- PRAXÍTELES

CATALOGACIÓN

Grupo escultórico, en mármore de Paros, de gran altura (2,13 m) exento ou de vulto redondo, constituído por dúas figuras masculinas espidas, un mozo de pé que suxeita co seu brazo esquerdo un neno.
Atribúese a súa autoría a Praxíteles,  sendo un posiblemente un orixinal, o único deste escultor. Representa un tema mitolóxico: o deus Hermes no acto de transportar a Dionisos neno, desde o Olimpo ata a mansión das ninfas encargadas da súa crianza protexéndoo da furia de Hera.
A súa descuberta entre os restos do templo de Hera en Olimpia, indica que se trataría dun exvoto e polo ten unha función relixiosa,
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo tardío do s. IV a.C.
Praxíteles foi un estudoso das obras dos seus antecesores, especialmente de Policleto, sen embargo ó acentuar a sensualidade das figuras coas súas formas brandas e cheas de fermosura está a anticipar formas manieristas.
Outras obras súas son: Afrodita de Cnido e Apolo Sauróctonos.


CONTEXTO 

Atenas é derrotada por Esparta na guerra do Peloponeso o que pon fin ó gran período do dominio de Atenas e de Pericles.
Os cambios políticos e sociais tiveron repercusións.
Se ate agora o principal cliente era o goberno da poles, agora crece a clientela privada, o mercado da arte e o interese por coleccionar. A arte rompe cos grandes ideais e xira cara ao que se aprehende polos sentidos, a procura do inmediato, ao realismo que se materializa na fidelidade da aparencia antes que esencia, de aí ven o desenvolvemento do retrato.
Tres grandes escultores da etapa representan tendencias diverxentes, dunha parte a expresión de emocións líricas, a charis, de Praxíteles, doutra o dramatismo, o pathos, de Scopas, e coma unha síntese a obra de Lisipo.
En conxunto perséguese o prototipo de beleza ideal pero afondase nos sentimentos e no movemento, estilizase o canon, barroquízanse as formas e acentuase o naturalismo, incluso os deuses aparecen moito máis humanizados seguindo a liña de Fidias aínda que sen a súa maxestosidade. En definitiva desaparece a férrea ortodoxia do equilibrio, harmonía e proporción. Unha das grandes novidades é o nu feminino, ata o momento reservado ás figuras masculinas. Todos estes cambios son precedente do helenismo

ANÁLISE 


Hermes fai un alto no camiño para descansar e ofrecer ó neno un acio de uvas, que sostería na man dereita -hoxe perdida- e que o pequeno Dionisos trata de coller, en alusión á súa posterior vinculación co viño.
Como noutras obras, Praxíteles introduce o tema anecdótico dun momento fugaz, que outorga ó grupo unha humanidade característica das representacións praxitelianas, marcada tamén pola ausencia de atributos divinos ou heroicos. Hai pois un sentido narrativo pero sen conexión afectiva entre as figuras, Hermes semella ensimesmado á marxe do que acontece fronte a unha maior espontaneidade do xesto do neno.
Ambas figuras apoian no tronco dunha árbore da que pende un manto con fondas pregas curvas e oblicuas que case o oculta.
Hermes asenta o peso do seu corpo sobre a perna dereita mentres a esquerda queda flexionada e atrasada, paralelamente descende o brazo esquerdo para posar o cóbado na árbore mentres eleva e adianta o brazo dereito. Esta disposición en curva que culmina na inclinación da cabeza xera un marcado contraposto coas cadeiras moi inclinadas, é a configuración en "S" particular de Praxíteles, a denominada curva praxiteliana, un contoneo sinuoso que desequilibra o eixe da figura e fai preciso un punto de apio engadido, neste caso a árbore, pero que serve para acentuar a sensación de dinamismo.
A composición segue a ser pechada como era propio deste período clásico e, pese a romper a frontalidade, ningún elemento impide ver a parte frontal completa. Contrasta a marcada verticalidade do eixo dereito -a árbore có pano e o neno- coa sinuosidade da figura dcuando tenga
O coidado pulido, case brillante no torso e no rostro de Hermes, subliña o suave modelado sen que os músculos queden marcados, só insinuados baixo da pel, o que fai que a luz esvare limpamente sobre a superficie, a modo dun sfumato, e que a figura xuvenil adquira unha elegante sensualidade. Pola contra nas costas quedan trazos dos golpes do cicel.
Amosa unha clara tendencia ó naturalismo tanto no rostro como no cabelo. O rostro, punto de atención da escultura, debuxa beizos carnosos, marcadas comisuras, fronte lixeiramente empenada e ollos entornados con certo aire melancólico. Esa serenidade do rostro ven ser dinamizada polos guechos rizados do peiteado traballados a trépano e con maior volume. O pequeno Dioniso pola contra amosa unha faciana anódina cun peiteado pegado á cabeza. Quedan lixeiros restos da policromía que a recubriría
O dominio técnico que Praxíteles demostra fai pensar que se trate dunha obra de madurez.






CURIOSIDADES: NICIAS, DE STATUA PICTA
Temos afeito o ollo a que a escultura grega en mármore era dun branco impoluto. Pero a realidade era que o escultor non consideraba unha obra rematada ata recibir a decoración pictórica correspondente e o patinado de cera -gánose -que facía brillar as cores.
Korés
De feito sabemos que cando se lle preguntou a Praxiteles cal das súas obras de mármore era a súa preferida, respondeu, segundo conta Plinio o Vello na Historia Natural:
Aquela na que Nicias puxo a man 
De Nicias pouco máis sabemos que o seu nome. As fontes históricas falan da súa sona, "o mellor pintor do seu tempo" escribe Pausanias, aluden á perfección técnica, ós xogos de luz-sobra.
Mais toda esa labor se perdeu, o mesmo que os traballos dos outros grandes pintores gregos: Zeuxis, Parrasio, Apeles. Nalgún  caso contamos con descricións literarias e noutros con copias romanas. As trazas de policromía que conservan algunhas esculturas e especialmente a que conservan as tanagras, poden servir a facernos unha idea.

O románico e o gótico conservaron a policromía, pero o Renacemento ó tomar o modelo das obras da  Antigüidade grega e romana que perderan a cor, suprimiuna totalmente.
A cuestión é que hoxe pareceríanos arrepiante ver o Partenón ou o David de  Miguel Anxo pintados. Pero o primeiro si estaba policromado.
Fanse moitas hipóteses tomando a referencia dos datos obtidos con luz ultravioleta. Así lucirían







SCOPAS: Ménade danzante



CATALOGACIÓN

Escultura exenta ou de vulto redondo que representa unha Ménade, coñecida como danzante ou furiosa, é dicir unha das seguidora dos rituais dionisíacos nos que, arrebatada pola ebriedade e maila danza, abandona o seu corpo ó frenesí do éxtase que a invade.
Pertence ó período clásico da arte grega, séculos V e IV a.C., entre o fin das guerras médicas e a morte de Alexandre Magno no 323, máis exactamente ó clasicismo tardío do s. IV a.C.,
A obra orixinal realizada en mármore non chegou ata nosoutros pero coñecémola polas copias romanas.
O seu autor é Scopas quen traballou principalmente en mármore e á quen se atribúen os relevos do Mausoleo de Halicarnaso e a cabeza de Meleagro.

CONTEXTO

Atenas é derrotada por Esparta na guerra do Peloponeso o que pon fin ó gran período do dominio de Atenas e de Pericles.
Se ate o momento o principal cliente era o goberno da poles, agora crece a clientela privada, o mercado da arte e o interese por coleccionar.
A arte rompe cos grandes ideais e xira cara ao que se aprehende polos sentidos, a procura do inmediato, ao realismo que se materializa na fidelidade da aparencia antes que esencia, de aí ven o desenvolvemento do retrato. Tres grandes escultores da etapa representan tendencias diverxentes, dunha parte a expresión de emocións líricas, a charis de Praxíteles, doutra o dramatismo, o pathos de Scopas, e coma unha síntese a obra de Lisipo.
En conxunto perséguese o prototipo de beleza ideal pero afondase nos sentimentos e no movemento, estilizase o canon, barroquizanse as formas e acentuase o naturalismo, incluso os deuses aparecen moito máis humanizados seguindo a liña de Fidias aínda que sen a súa maxestosidade. En definitiva desaparece a férrea ortodoxia do equilibrio, harmonía e proporción. Unha das grandes novidades é o nu feminino, ata o momento reservado ás figuras masculinas. Todos estes cambios son precedente do helenismo.


ANÁLISE

O mesmo tema serve para romper coa perfección harmónica do clasicismo, pero ademais está o pathos, é dicir a expresión do sentimento tráxico e patético da vida que leva ás obras de Scopas a unha acentuada tensión, unha expresividade máxima e á distorsión das formas que claramente o separan dos principios de equilibrio e proporción.
A Ménade, entolecida polo viño e o baile, aparece medio espida pois a vestimenta ábrese deixando ver de xeito provocativo a metade esquerda do seu corpo como consecuencia do vertixinoso movemento. O corpo presenta unha violenta torsión que ven configurar unha espiral, acentuada pola disposición do torso cara atrás e da cabeza cara arriba. Esta disposición helicoidal leva o movemento ó exterior (o que fará logo Miguel Anxo)
O dinamismo repercute en todos os elementos: na vestimenta, cinguida á altura do abdome, dobra con pronunciadas pregas, na melena caendo en desorde polo dorso e, posiblemente, nos brazos en alto. O rostro case cadrado con ollos afundidos e boca entreaberta como era habitual noutras obras súas, expresa a emoción, a tensión que a separa da beleza clásica.
Compositivamente está pensada para ser vista de lado, desde onde se mostra con maior viveza o dinamismo do frenesí e o corpo transmite un maior grao de sensualidade. Pero tamén é certo que obriga ó espectador a moverse no seu redor de xeito que a percepción multiplicase, hai unha visión preferente á que sumar as vistas parciais.

O tratamento plástico destaca pola técnica dos panos mollados, empregada notablemente por Fidias, de modo que a tela adhírese ó corpo e o transparenta, están traballados con moita profundidade o que xera violentos contrastes de luz e sombra
A proporción segue a ser canónica pero aquí o que importa é amosar o estado da alma, o interior, en definitiva prima a expresividade
Nada queda da serenidade clásica. A súa influencia no helenismo é importante como se exemplifica no Laaoconte e nos relevos do altar de Pérgamo.


CURIOSIDADES: AS MÉNADES
Estas ninfas, lendarias amas de cría de Dionisos, que o protexeron da ira de Hera, foron as súas primeiras seguidoras. A elas tamén atribúe a mitoloxía a morte de Orfeo. Posteriormente recibiron ese nome ou o de bacantes, aquelas mulleres practicantes do culto dionisíaco que en pleno extáse danzaban ata a extenuación nas festas do deus, unha especie de tolemía mística na que se lograba o "enthousiasmós” (ενθουσιασμός), a posesión divina, nivel máximo do rito. Tales cerimonias estaban vetadas ós homes. Na iconografía, as danzantes represéntanse coa cabeleira solta adornada con bacelos de vide, medio espidas con finas túnicas ou coa nebris -unha pel de animal moteada- portando un tirso -vara adornada de hedras e vides, rematada nunha piña - ou, ás veces, algúns instrumento musical, e sempre movéndose a un ritmo frenético. 
O éxtase é posible que se acadase grazas ó consumo de setas alucinóxenas e ós continuos grolos de viño que bebían. A inxesta de carne crúa completaba a dieta dos días do ritual. 

Son habituais as representacións das danzas das ménades na cerámica, como os exemplos que seguen. Abaixo unha copia romana dun orixinal grego do século V a.C. atribuído a Calímaco, un fermoso relevo no que a ménade presenta certas semellanzs na disposición corporal coa obra de Scopas. 





  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir