Vila pacega no ámbito suburbano construída por Andrea Palladio, arquitecto manierista italiano, entre 1567 e 1570. É a máis famosa da multitude que deseñou Palladio e amosa de forma exemplar as características máis salientables deste grande arquitecto, sobre todo a busca formal dun clasicismo puro. Palladio era un estudoso da antigüidade clásica (ilustrou o famoso libro de Vitrubio) pero tamén un teórico que reflexionou sobre a arquitectura da súa época (redactou e tamén ilustro un libro propio chamado “Quattro libro dell’architettura” en 1570).
Traballou sobre todo en Vicenza e en Venecia e a súa influencia posiblemente foi a maior de todos os arquitectos do renacemento, abundando na época neoclásica as vilas neopalladianas en Gran Bretaña e nos EEUU.
CONTEXTO
( ...)
ANÁLISE
Como dixemos este famosísimo edificio resume a quintaesencia da teoría arquitectónica de Palladio, sempre en busca da inspiración no mundo clásico pero coa súa particular intervención.
A planta clarifica xa os principais valores do edificio: volumes puros, orde, simetría, proporción, harmonía ...
Planta dun cadrado perfecto cun patio circular no centro (círculo inscrito no cadrado, en volume un cubo e un cilindro) a cuxo redor se dispoñen as diferentes dependencias perfectamente simétricas. Pero o cadrado pasa a ser unha cruz grega ó engadir escaleiras en cada lado. En todo caso mantense a planta centralizada.
Para as fachadas, Palladio optou sempre como aquí, polo modelo dun templo clásico có seu pórtico columnado e o frontón coroando o edificio. Pensaba que os lados menores dos templos clásicos imitaban as fachadas das vivendas desa época e polo tanto quere completar o círculo, usando a fachada dos edificios relixiosos para facer de novo vivendas particulares. O templo era a casa dun deus, pero unha casa ó fin e ó cabo. Neste caso, as catro fachadas iguais da pranta nobre constan dun pórtico hexástilo de orde xónica e con frontón, accedendo a ela despois de subir as monumentais escalinatas tal e como sucedía nos templos romanos (non nos gregos). As fachadas tamén están rotadas 45º con respecto ós puntos cardinais para garantir que todas as estancias reciban algo de luz natural.
O porche ademais de ter un obxectivo formal, clasicismo, tamén ten unha finalidade práctica xa que dende este porche se teñen unhas inmellorables vistas da propiedade (a villa se constrúe na cima dunha pequena colina polo que este efecto se acentúa), ademais por suposto de protexer do calor do día.
En canto ó interior sorprende a meticulosidade do deseño para que o edificio resulte absolutamente simétrico, as medidas de largo, ancho e alto do edificio e de cada unha das estancias se somete a unha fórmula exacta de proporcións.
Para rematar outra gran novidade de Palladio é o feito de teitar o patio interior cunha gran cúpula visible dende o exterior do edificio. A cúpula ata este momento era usada exclusivamente para coroar edificios relixiosos (cúpula de Deus: Panteón). Esta vai ser a primeira vez que se utilice unha cúpula nun edificio doméstico. Está inspirada no Panteón, con ese gran óculo central, e a nivel decorativo pintura de figuras alegóricas da relixión católica, neste caso virtudes como a Relixión, a Castidade,...
O Palazzo Medici-Riccardi foi deseñado por Michelozo, escultor e arquitecto italiano da 2ª metade do século XV, ou sexa no Quattrocento, por encargo de Cosme de Medicis.
Debería ser unha residencia personal e o seu tamaño servirá para poñer de manifesto a súa preminencia e da súa familia na rica vila de Florencia.
Michelozzo será un dos creadores das novas formas utilizadas no Renacemento para a arquitectura civil (bibliotecas, villas, palacios). Nesta obra en concreto, Cosme de Medicis se beneficiará dunha modificación na lexislación municipal que anteriormente limitaba o tamaño e a altura dos palacios particulares, como mecanismo para protexer á vila de exhibicións ou ostentación da riqueza e o poder individual. A nova lexislación non limitará o tamaño destos edificios có que Cosme vai poder construir un palacio que excede en tamaño ó do propio Palazzo della Signoria, o símbolo do poder comunitario de Florencia. Como detalle recordar que para asúa construcción foi necesario demoler 40 vivendas
CONTEXTO
(...)
ANÁLISE
En principio o Palazzo Medici Ricardi se vai a basar nunha planta cadrada cun gran patio central que non se atopará no centro do edificio, senón lixeiramente descentrado. Esta forma cadrada e maciza do palacio será o modelo que triunfe á hora de realizar este tipo de edificios.
A fachada se organiza en tres pisos separados por molduras e nas que se observa unha gradación escultórica -conseguida polo tlpo de aparello- no tratamento da fachada, cun primeiro andar realizado cun almofadado duro e violento que se vai suavizando a medida que ascendemos, cun segundo andar menos volumétrico e cun último andar practicamente liso.
Probablemente o tratamento aspero e arcaico do almofadado tería como obxectivo recordar os restos arqueolóxicos que se conservaban do mundo romano, sendo así que hai constancia de que os bloques de pedra deste piso foron retocados para que pareceran máis vellos do que realmente eran. Non esquezamos que Cosme era eloxiado e se lle comparaba cós célebres políticos romanos, sendo eloxiado polos autores humanistas “como se houbera nacido en Roma ou Atenas”.
Destaca tamén neste tratamento en altura o enorme voladizo da cornixa, cun tamaño sen parangón dende época romana.
A fachada está organizada dun xeito regular. A planta baixa organízase con 5 vanos para as portas con grandes arcos de medio punto -tres deles foron tapiados nunha reforma posterior de que nunha reforma posterior de Miguel Anxo- pequenas fiestras pareadas intercaladas entre as portas. Nos pisos superiores a sucesión de fiestras xeminadas -un só arco dividido en dous por un elegante e delgado parteluz que neste caso é unha pequena columna corintia- subliña a horizontalidade .
Á esquerda, as fiestras de Miguel Anxo
Hai un gran contraste entre o sentido ascendente do tratamento da fachada en altura có marcado sentido horizontal que aportan a cornixa, as molduras e os corpos de fiestras...
Pero é no interior onde se atopa un dos elementos máis destacado deste edificio, o gran patio central porticado. Estamos diante dun gran espacio cadrado cunha gran loxia con arcos de medio punto sostida sobre 12 elegantes columnas de estilo composto. Este espacio está completado por un gran programa escultórico tanto en relevo como en vulto redondo. Un friso con medallóns, grilandas e esgrafiados elaborados polo taller de Donatello dá paso a un piso con fietras xeminadas como as da fachada.
Título: Tríptico do xardín das delicias. Autor: O Bosco Cronoloxía: finais século XV – inicios do século XVI. Estilo: pintura flamenga – Países Baixos. Técnica: óleo sobre táboa + grisalla. Localización: Museo do Prado
A obra foi encargada por un membro da casa de Nassau, logo pasou a mans de Guillermo de Orange a quen llo confiscaron os españois -duque de Alba- e finalmente adquiriuno Felipe II nunha almoeda coa idea de envíalo ó mosteiro do Escorial onde estivo ata a Guerra Civil cando o levaron ó Museo do Prado.
Descoñecemos o título orixinal, Filipe II definiuno como unha obra sobre a "variedade do mundo", mentres que o bibliotecario do Escorial referiuse a ela como "táboa da gloria vana e breve gusto da fresa e o madroño". A denominación actual foi fixado no século XIX tomando como referencia a táboa central.
Trátase dun tríptico, polo que vemos unha representación cando está aberto e outra cando está pechado.
TRÍPTICO PECHADO
Representa en grisalla (aínda non hai cor no mundo) o que segundo o Xénese aconteceu o terceiro día da Creación: separación das augas e da terra e a creación do Paraíso terrenal, ó tempo que comeza a separarse a luz da oscuridade. Dentro dunha esfera translúcida mostra a terra plana con auga arredor e vexetación. Arriba á esquerda aparece Deus Pai de quen emana un raio de luz creador e na parte superior hai unha alabanza a Deus, escrita en latín tomada dos Salmos de David. Vai contar a historia do mundo resultado do poder de Deus.
TRÍPTICO ABERTO
Despréganse as tres táboas nunha brillante policromía para tratar o tema do pecado, ou máis exactamente o devenir da humanidade cando esquecendo os mandatos divinos acaba no inferno. As tres táboas se estruturan en planos superpostos dado o punto de vista moi baixo que eleva a liña de horizonte. A lectura faíse de esquerda a dereita e de arriba abaixo.
- Táboa esquerda. Representa o Paraíso terrenal
En primeiro plano, unha charca da que sae unha grande diversidade de seres híbridos (aínda no Paraíso a armonía non é completa).
Por riba dela, a escena principal: Deus (iconograficamente como Xesucristo) presenta Eva a Adán -non se trata da creación- para cumplir a orde "crecede e multiplicádevos", asimílase coa institución do matrimonio, pero tamén simboliza a mentalidade medieval da culpabilidade de Eva. Á esquerda de Adán, a árbore da vida, neste caso un drago, unha árbore exótica naqueles tempos.
No seguinte nivel, a fonte da vida da que manan catro chorros de auga que dan lugar ós catro ríos que, segundo o Xénese nacen no Edén. Nun oco asoma unha curuxa, animal asociado á noite, á loucura, ó mal. Na ribeira dereita, sacian a sede algúns herbívoros, entre eles un unicornio. No lado da dereita, sobre unha rocha antropomórfica (ver semellanza en Dalí), a árbore do ben e do mal, unha palmeira coa serpe enroscada no tronco, a serpe que provocará o pecado e a expulsión do Paraíso.Cara alí encamiñan os pasos animais monstruosos. Toda a táboa presenta o ben á dereita do Señor e o mal á súa esquerda.
As pradeiras nas que pacen animais, algún de novo exótico como elefante, mono ou xirafa, e voan bandadas de paxaros, remata nas picudas montañas azuladas que pechan o acceso ó Edén.
-Táboa central
É a de maior tamaño e a que dá nome ó tríptico. A paisaxe e a fonte dos catro ríos son a ponte de conexión coa táboa anterior.
Á primeira ollada poderíamos pensar que estamos a ver un lugar idílico con fantásticas estruturas arquitectónicas onde todo é alegría. Mais cando nos fixamos, observamos que aquelas catro estruturas están quebradas, craqueladas, son inestables, a vexetación as perfora, e que as relacións que se establecen entre as figuras -persoas, animais e froitos- non son normais.
Estamos diante dun mundo ó revés, nada é o que parece. A lectura responde á mensaxe do fráxil e efémero que resulta a felicidade dos praceres pecaminosos.
Multitude de figuras ocupan o espazo nun manifesto horror vacui. Toda a parte inferior está dominada polo caos en oposición á xeometría reinante nas dúas partes superiores.
Os humanos -homes e mulleres, brancos ou negros, pero sempre xente moza- están espidos, interactúan cos animais, ou entre eles en parellas ou en grupos. Algúns practican sexo, outros comen as froitas que lles dan os paxaros, beben, cabalgan sobre aves ou peixes, danzan, ... Tan só algún mira o espectador como se nos invitara a entrar nesa voráxine.
Os animais, reais ou fantásticos, e as plantas aparecen a maior tamaño do real.
No nivel medio, encóntrase un estanque con mulleres espidas e paxaros ou froitas na cabeza. No seu redor xira, en sentido contrario ás agullas do reloxo, unha cabalgada de homes en actitudes eróticas montando cabalgaduras (algunhas fantásticas), levan tamén ramas, froitas ou aves (como ofrenda ás mulleres do estanque?). É a expresión do desexo e a luxuria.
A parte superior ven dada pola fonte dos catro ríos, similar á da táboa esquerda pero en azul, rodeada de catro estruturas fantásticas de formas orgánicas. A fonte está craquelada, a piques de romper en alusión a que a felicidade falsa proporcionada polos praceres non dura e ten como castigo do inferno. Non ángulo inferior dereito, dúas figuras que parecen estar á marxe do resto: un home vestido, o único en toa a obra, xunto dunha muller que suxeita un ha mazá. Ambos asoman dende unha especie de cova. Tense asociado con Adán e Eva -aínda que hai outra terceira figura- tras da expulsión do Paraíso. Certamente o home sinala a muller, a culpable de comer da árbore do ben e do mal. Serían estas dúas figuras as que serven de punto de unión coa táboa dereita: o pecado orixinal conleva o castigo.
-Táboa dereita. O inferno Na parte inferior, as penas polos pecados cometidos. Ás veces denomínase como o Inferno musical pola importancia dos instrumentos musicais como medio de tortura dos que se deixaron levar pola música profana. Vemos tamén o castigo do tafur, o dos xogadores de xogos de azar.
Á dereita un monstro-paxaro, sentado nunha alta trona, deglute seres humanos para despois defecalos. No seu redor exemplifícanse algúns pecados capitais.
No nivel medio, o home-árbore domina este espazo. Unha figura híbrida que de xeito inestable asenta sobre barcas na negra lagoa (consérvase un debuxo anterior ben similar), para moitos é a figura do mesmo Lucifer. Volve o rostro compracido (autorretrato?) para ollar de esguello o noso propio destino. No seu oco corpo, unha escena de bordel, e sobre a cabeza, unha grande cornamusa (gaita) asociada coa musica popular e coa luxuria. No seu redor seguen os castigos, destacando os dous coitelos, particularmente o que aparece entre as orellas cortadas en alusión a aqueles que non escoitan a mensaxe divina de salvación.
A parte alta da continuidade á paisaxe das outras táboas pero agora é o lume o que devora todo, que leva á destrución non só é o causante da tortura. Seguramente esta imaxe dunha cidade en chamas pervivía na memoria do Bosco que sendo moi novo viviu un grande incendio na súa cidade natal.
En canto ó estilo é preciso sinalar: as diferencias na técnica entre a parte inferior -debuxo preciso, detalle, pinceladas e veladuras moi finas- e a superior -pincelada rápida, poucas capas, sen debuxo previo (ver abaixo)-; a valoración da paisaxe que xa non é o mero telón de fondo dun acontecemento, nel suceden cousas; iconografía tomada da heráldica, das miniaturas (sobre todo das decoracións marxinais) e da arte medieval (románico), ó que se suma a súa propia imaxinación; fronte á fidelidade flamenga pola realidade (recordemos o Matrimonio Arnolfini de van Eyck), deixa marxe á fantasía repetindo algúns símbolos (o mal é a curuxa ou os sapos, que se esconde nas árbores ocas, as froitas simbolizan a liberdade pois non hai que cultivar tan só tomar o quer hai) ou tomados das Biblia pauperum, da literatura (A nave dos necios de Sebastian Brandt) ou de refráns e ditos da cultura popular
O tríptico non está asinado. Ten un carácter moralizante, mostra o efémero dos praceres e as penas por seguilos. A forma de representar o tema resulta sorprendente, mostra o universo fantástico do Bosco.
Autor: son varios os maestros de orixe francesa, o mestre Enrique de Burgos e Juan Pérez.
Estilo: gótico.
Cronoloxía: S. XIII
Tipoloxía: arquitectura relixiosa
Localización: León – España.
CONTEXTO
(...)
ANÁLISE
Esta catedral pertence ó Gótico clásico xunto coas de Toledo e Burgos. Foi mandada construír polo Bispo Martín Fernández cando reinaba Afonso X, para mostrar o poder da Cristiandade no entorno do Camiño de Santiago, nun territorio conquistado ós musulmáns.
Segue o modelo das catedrais góticas francesas, especialmente Reims e Amiens.
A planta é de cruz latina e consta de tres naves lonxitudinais, a central máis ancha e alta que as laterais. Os dous últimos tramos da nave central son ocupados polo coro. O transepto, no centro da edificación, adquire gran desenvolvemento ó incrementar as naves a cinco. A cabeceira é moi ampla (por iso se di que é macrocéfala), conta cun tramo de cinco naves e a xirola con cinco capelas en absidiolas radiais de planta poligonal.
O alzado divídese en tres niveis: arcada con arcos apuntados, triforio (formado por arcos xeminados apuntados enmarcados por un arco apuntado con tracería gótica) e claristorio decorado con grandes ventanais con vidreiras policromadas (deixan pasar a luz pero tamén teñen función didáctica).
A cuberta está formada por unha bóveda de cruzaría que descarga o seu peso sobre pilares con columnas adosadas (baquetóns), que reducen o peso sobre os muros que son substituídos por arcos oxivais con vidreiras.
Na parte exterior do muro os arcobotantes conducen os empuxes cara os contrafortes coroados por pináculos. Son características do gótico a verticalidade e a luminosidade, que se acadan con estas innovacións técnicas, ambas son consideradas elementos simbólicos porque Deus é luz.
A fachada occidental presenta a estrutura en H, ó modo francés. O corpo central, correspondente á nave maior, conta cun gran rosetón con vidreiras de cores e enriba un gablete flaqueado por pináculos. As torres son cadradas e sitúanse a ambos lados deste corpo central.
A portada abre cun triple pórtico de vanos oxivais, ricamente ornamentada
O pórtico central presenta no parteluz a figura da Virxe Branca e no tímpano tratan o tema do Xuizo Final, presidido por Xesucristo amosando as chagas da paixón. O lintel, dividido en dúas parte por San miguel, acolle a presenza dos xustos á dereita de Cristo mentres os condenados aparecen á súa esquerda (é unha organización clásica e repetida). A distribución repítese nas arquivoltas. Destaca o verismo dos pecadores introducidos en grandes potas con auga fervendo.
O pórtico lateral esquerdo acolle escenas do ciclo da Natividade: Visitación, Nacemento, Adoración dos Pastores, Herodes, Epifanía e Matanza dos Inocentes.
O pórtico lateral dereito adícase á Virxe, Porta de San Francisco, onde se representa no tímpano en dous niveis a morte da Virxe e a súa coroación.
Na fachada Sur temos unha portada de estrutura semellante cun triple pórtico pero sen as torres que flanqueaban o bloque central. De novo tamén debaixo do gran rosetón un corpo de fiestras e na parte inferior tres pórticos.
Pórtico central, do Sarmental, claramente inspirada na homónima da catedral de Burgos, repetindo a mesma iconografía aínda que cun estilo moi diferente. O tema é o apocalipse de San Xoán e así temos no centro do tímpano ó todopoderoso rodeado dos catro evanxelistas e os seus símbolos, o tetramorfos.
O pórtico lateral esquerdo quedou inconcluso, o dereito adícase a San Froilán, patrón da cidade.
Pola súa banda a fachada norte está inacabada a nivel escultórico e só conserva decoración heráldica. En canto á labor escultórica, e a pesar do erosionadas que se atopan, amosa unha extraordinaria calidade. Presentan o naturalismo propio do gótico que se impón sobre o simbolismo e hieratismo románicos. O traballo das pregas nas ropaxes, a expresión e individualización dos rostros e a sensación de movemento son as súas principais características.