16/06/17

SEURAT



TARDE DE DOMINGO NA GRAND JATTE


CATALOGACIÓN


Oleo sobre tela de gran formato (2x3 m). Está feito en 1885 por Georges Seurat, pintor post-impresionista francés fundador do puntillismo, estilo no que está feita esta obra. Atópase no Art Institute of Chicago. Foi presentado en 1886 na octava e última exposición dos impresionistas e causou sensación ata o punto de que foi considerado como o pintor máis importante dunha nova xeneración de artistas. O cadro converteuse no centro da exposición e dos debates que dela xurdiron. O seu pronto falecemento (1890) truncou o que era unha prometedora carreira .
O puntillismo ou divisionismo é unha corrente pictórica que partindo da representación da naturaleza como os impresionistas se centra na forma científica en que se perciben e se obteñen as cores. En vez da mistura das cores na paleta, para eles as cores se deben misturar opticamente na retina do espectador: para que misturar cores como o azul e o amarelo na paleta coa súa conseguinte degradación se se pode conseguir o mesmo efecto mediante a acumulación de puntos destas dúas cores? A nosa forma de percibir as cores fai que, á debida distancia, esos puntos se misturen automaticamente no noso cerebro, obtendose da mesma maneira o verde. O traballo do pintor é aplicar puntos de cor pura na medida exacta para que o ollo as misture e capte os diferentes matices e tonalidades.
Esta idea parte das teorías científicas máis modernas sobre a percepción e o cromatismo e o que fan estos pintores e poñer a proba estas ideas no laboratorio, o estudo do pintor, mediante sucesivos experimentos.

CONTEXTO


… (o mesmo que con Gauguin, Van Gogh e Cezanne) 

ANÁLISE


O tema do cadro era xa ben coñecido dende os impresionistas, unha escena en plena naturaleza, a vibrante actividade que se desenvolvía no entorno do Sena unha tarde calqueira de domingo, tal e como podía aparecer en calqueira cadro de Renoir. La Grand Jatte era un parque as aforas de París e nas ribeiras do Sena que se convertera nesta época nun ligar de encontro para os parisinos nos días de descanso. Seurat acudiu alí a tomar notas para logo rematar a obra no seu estudo, tardando casi dous anos en rematar a obra. Esto o diferencia dos pintores impresionistas que facían os seus cadros en plena naturaleza, e o máis rapidamente posible, para recoller a inmediatez da escena.
Compositivamente estamos diante dun cadro moi estruturado, cun claro predominio das liñas verticais (figuras humanas, troncos das árbores) equilibradas polas liñas horizontais e diagonais (sombras). As figuras, grandes cilindros verticais, son contundentes como estatuas e dan unha gran sensación de solidez e algo parecido sucede coas árbores.
Unha gran sombra domina a parte inferior do cadro dándolle unha enorme sensación de estabilidade e dirixindo o peso do cadro cara a zona superior bañada en luz. Dúas figuras verticais conectan esta zona inferior coa zona da follaxe das árbores na zona superior.
Igual que pasa coas formas equilibradas e compensadas entre si, tamén se produce o mesmo efecto coas cores frias e cálidas, que se atopan nun balance perfecto compensándose as primeiras coa presencia das segundas. Esto nos amosa á perfección o moi organizado e estruturado que está o cadro, non deixando Seurat nada ó azar, o cal é completamente diferente da espontaneidade e inmediatez que pregonaba o impresionismo.
Proba disto é que nos dous anos que tardou en rematar a obra, fixo 62 estudos preliminares ó oleo de debuxos da paisaxe e de figuras individuais.
Dentro das cores destaca o vermello que está repartido por todo o cadro e que fai que a nosa ollada se desplace por todo o cadro, creando múltiples percorridos visuais que nos moven de esquerda a dereita por todo o cadro, a distintos niveis de profundidade.
Tamén destaca o emprego do amarelo(luces) e do violeta (sombras), cores complementarias, para darlle maior intensidade á luz. Nas súas palabras: “o medio de expresión é a mistura óptica dos tonos, dos matices, é dicir das luces e das súas reaccións (sombras) seguindo as leis do contraste e da degradación da luz”.
Captura de pantalla 2017-03-26 a las 16.09.47.png
Como dixemos as cores se forman no ollo do espectador e o pintor o que fai é dispoñer zonas de cores puros normalmente en forma de puntos pero en ocasións con pequenas pinceladas horizontais por exemplo na auga do rio. É o espectador o que inconscientemente mestura as cores. A cor violeta se consigue mesturando moi xuntos puntos de cor azul e vermello. Non hai liñas pero a sensación das siluetas das figuras consíguese delimitando as superficies de cor con contrastes.
Captura de pantalla 2017-03-26 a las 16.11.50.png
A nivel espacial parece que nos atopamos cunha perspectiva lineal clara cuio punto de fuga se atopa a carón das cabezas das dúas enormes figuras de pe á dereita do cadro. Pero paradoxicamente nos atopamos cunha serie de figuras que obstaculizan o percorrer da nosa ollada, dificultando o noso acceso a ese punto de fuga.
Captura de pantalla 2017-03-26 a las 12.34.58.png
En canto ás figuras estas parecen estatuas inmóviles, non son nada naturais, predominando a súa disposición de perfil ou de frente sen ningunha figura en tres cuartos ou escorzada, e sen amosar ningunha traza de movemento. Estas figuras parecen anónimas e psicoloxicamente ailladas, como se se tratase dun fragmento dun friso clásico ou do antigo Exipto. As figuras están reducidas a corpos sinxelos, xeométricos, esquemáticos o que convertirán a Seurat nun precursor da pintura cubista.

Por último tamén o marco forma parte da obra, Seurat vai traballar nel mediante unha trama de puntos.







Fragmento do musical SUNDAY IN THE PARK WITH GEORGE, 1984. Centrado na figura do pintor neoimpresionista e, concretamente na obra Tarde de domingo na illa da Grande Jatte xogando coas figuras que aparecen no lenzo.









10/06/17

VIGNOLA e DELLA PORTA


IGREXA DO GESÚ DE ROMA

CATALOGACIÓN

A Igrexa do Gesú de Roma foi deseñada por Vignola e comezaron as súas obras en 1568 e se prolongaron ata 1575. Despois da morte de Vignola en 1574, a fachada foi completada polo arquitecto Giacomo della Porta entre 1567 e 1584. 
Pertence polo tanto ó Renacemento, en concreto ó Cinquecento. A obra terá unha enorme transcendencia no futuro xa que se converterá non só no modelo das igrexas da Compañía de Xesús, senón tamén na inspiración para o que serán as futuras igrexas barrocas.

CONTEXTO 

A partir de Trento, as igrexas concíbense como o lugar no que se produce o diálogo entre Deus e os fieis a través da misa, das confesións e dos sermóns. A cubrir esas necesidades vai dar resposta o novo modelo que se exemplifica no Gesú, a igrexa dos xesuítas, a orde mais belixerante en contra do protestantismo :

  • a celebración da misa precisa un espazo amplo que de cabida á eclessia e que os fieis teñan acceso visual ó altar, o lugar no que se produce o milagre. Así, no lugar de plantas centralizadas óptase polas lonxitudinais que marcan claramente a progresión cara ó encontro coa divindade: o altar, foco máximo de interese. Ademais, este tipo de planta deixa claramente marcada a orientación cara ó Leste, tan importante desde os primeiros tempos do cristianismo, e desligábase do mundo renacentista que mestura sen problema cristianismo e ideas neoplatónicas.
  • para reafirmar o valor do sacramento da penitencia -que ata entón se celebraba nas vivendas ou con confesionarios portátiles-, os confesionarios convértense en estruturas fixas con valor ornamental.
  • a prédica era fundamental para a educación relixiosa, por iso debería ter lugar nunha posición relevante -en altura- e próxima -no lateral da nave- para ser ben escoitade e seguir de preto a xestualidade enfática do orador.
  • Pero aínda quedaba un asunto a destacar: os santos. Se a Reforma supuxo unha total iconoclasia, a Contrarreforma tivo que salientar o seu valor como exemplo moralizante e como intermediadores ante Deus. Para darlles culto, distribúense nos laterais capelas independentes que non interrompen a celebración da eucaristía. E, por último, os interiores serán ostentosos, han de provocar emoción, impactar, suspender os sentidos Por iso se recargan de dourados, materiais custosos, efectos lumínicos, abondosas e teatrais decoracións, ... Porque en definitiva, estamos nun espazo á marxe da realidade, pero tamén é o xeito de por de manifesto a Igrexa triunfante. Dende outro punto de vista, a orde da Compañía de Xesús (popularmente coñecida como Xesuíta), fundada por Santo Ignacio de Loiola en 1534, nace coa vocación da defensa da relixión Católica no contexto da Reforma protestante e se converterá en abandeirada da Contrarreforma Católica. Esta orde non deixou de medrar nos anos seguintes ó Concilio de Trento aínda que no futuro vai ter problemas en moitos países debido a un punto moi polémico que é o seu xuramento de fidelidade ó Papa, mesmo por diante da autoridade civil. Isto levará á orde xesuíta a constantes enfrontamentos coas autoridades civís e suporá en diversas etapas a súa expulsión de países como Francia (1762), Portugal (1759) e mesmo España (1767).

    ANÁLISE 

    -Interior
    A obra de Vignola a vemos no interior do edificio e aporta algunhas novidades que a converterán nunha obra de gran influencia no futuro como xa dixemos. 
    A planta resulta unha mistura do vello esquema de plan central có modelo preferido dende o Concilio de Trento, o plan lonxitudinal. Ten planta de cruz latina cunha única nave, anchísima pero curta. A cada lado da nave, unha serie de capelas entre piares, comunicadas internamente, substitúen as tradicionais naves laterais
    O transepto reduce notablemente a anchura dos brazos a fin de non desvirtuar o sentido lonxitudinal e, ao mesmo tempo, dar todo o protagonismo á cúpula do cruceiro.
    Esta nave está cuberta por unha enorme bóveda de canón sen decoración, sostida exteriormente por uns enormes contrafortes ao modo gótico, adoptando Vignola solucións xa esquecidas, necesarios debido tamén ás grandes ventanais que o autor introducirá nesta bóveda. Realmente, a estrutura en alzado recorda ese ambiente, aínda que aquí non sexan tres naves, as semellanzas son notables
    Desaparecen da vista os elementos sustentantes (columnas) que había nas igrexas renacentistas anteriores de plan lonxitudinal. Emprega piastras acanaladas de orde corintio, adosadas aos grosos machóns -similar á solución de Miguel Anxo na basílica do Vaticano- achafranados no cruceiro para soster a cúpula sobre pechinas e pares de  piastras enmarcando as capelas. Bóvedas e cúpula carecían de decoración pero con grandes ventanais que converten esa zona na máis iluminada da Igrexa.  
    O edificio remata no presbiterio elevado sobre un zócolo e cuberto por unha bóveda de cuarto de esfera.



    Na obra atoparemos un equilibrio inestable entre a tendencia lonxitudinal da nave e o impulso ascensional da cúpula mentres o xogo de luces tamén creará outro tipo de tensión no edificio dende unha zona moi iluminada baixo a cúpula e no altar, e unha zona moi escura nas capelas entre piares. Entrambas habería unha zona de transición que será a nave tamén cunha iluminación tenue. A escuridade das capelas será o lugar axeitado para a disposición dos confesionarios ó mesmo tempo que será tamén un lugar de recollemento para levar a cabo o culto aos santos.



    -Exterior

    Como dixemos a fachada é obra de Giacomo della Porta, pero a súa transcendencia será tan importante como a do interior realizado por Vignola, converténdose no modelo para o novo estilo do futuro, o barroco. 
    Está claramente inspirada na de Santa María Novella de Alberti: dous corpos e aletóns, pero engade novidades moi interesantes.
    Está organizada en dous pisos separados por un entaboamento, coroados por un enorme frontón triangular. O piso inferior consta de cinco rúas separadas por unha serie de dobres piastras xigantes de orde corintia e que terá a anchura de todo o interior da Igrexa, no alto un frontón triangular dentro de outro curvo. A gran porta, na rúa central enmarcada entre columnas, coroase cun frontón curvo mentres que as pequenas portas laterais -todas alinteladas-, coroan cun frontón triangular e encima delas unhas fornelas para imaxes relixiosas.
    O segundo andar con tres rúas separadas tamén por pares de piastras, culmina nun grande frontón triangular quebrado sobre un entaboamento. A súa anchura sería exactamente a da nave central.
    Dous grandes aletóns en forma de volutas conectan os dous corpos salvando a diferencia de anchura. Serven tamén a ocultar os contrafortes exteriores.
    En principio, unha organización con elementos clásicos, certo pero alterados: combinación de columnas e piastras, mestura de frontóns curvos e triangulares, orde xigante, frontóns quebrados, maior dinamismo ó incrementar o volume de todos os elementos cara ó centro. En definitiva, amosa unha articulación que abandona a planitude na procura da curva, unha formulación manierista que avanza os principios barrocos.
    O modelo tivo tal éxito que se repetirá ao longo do tempo. En primeiro lugar en Sant'Andrea della Valle, ben similar tanto na planta coma na fachada, e moi especialmente nas igrexas xesuítas de todo o mundo.






    BORROMINI


    SAN CARLOS DAS CATRO FONTES



    CATALOGACIÓN

    Foi o seu primeiro encargo en Roma, no 1637, e o primeiro en solitario tras de colaborar con Maderno, o que lle vai servir para facerse un arquitecto recoñecido.
    O encargo, para a Orde dos Trinitarios Españois, incluía un pequeno convento e a igrexa anexa dedicada a San Carlos Borromeo. Ésta última é a que nos ocupa
    É o máximo representante do Barroco anticlásico, imaxinativo e expresivo, diferente das formulacións clasicistas do exitoso Bernini. Os seus heterodoxos presupostos foron nalgúns casos ben criticados, del afirmaba Bellori que era un gótico ignorantísimo e corruptor da arquitectura
    Os problemas de partida eran moitos: os Trinitarios, unha Orde austera, contaban con poucos recursos; o espazo dispoñible era  minúsculo e irregular, estaba situado nunha confluencia de rúas -unha delas moi estreita-, e ademais estaba alí, na esquina achaflanada, unha das catro fontes dispostas por Sixto V. Contra todo isto loita Borromini e sae vitorioso creando un espazo novo e perfectamente adaptado a isos condicionantes. 
    Despois de realizar a parte residencial dos frades, acomete as obras da Igrexa no 1637. O seu interior foi rematado en 1641, pero non se comezaron as obras da fachada ata o ano 1665 por falta de diñeiro. Borromini morreu no ano 1667, sendo terminada a fachada polo seu sobriño Bernardo seguindo o deseño do arquitecto.
    Polas súas pequenas dimensións, foi popularmente coñecida como San Carlino.


    CONTEXTO

     (... o mesmo que Maderno e Bernini) 


    ANÁLISE

    A obra está marcada polo pequeno solar no que a Igrexa se ía edificar e pola súa forma irregular. Borromini vai empregar elementos de perspectiva para intentar dar sensación de maior tamaño a un edificio de por si moi pequeno. 
    A planta parte dun rombo transformado nun óvalo disposto en sentido lonxitudinal -contraria á disposición de Bernini en San Andrés do Quirinal-  e pechada perimetralmente polos muros “ondulados” en xogo cóncavo-convexo, no que se dispoñen dúas capelas. Unha planta pois, dinámica que resulta difícil acotar visualmente, de modo que o espectador se sinte nun espazo unificado -non hai ángulo algún- e maior do que realmente é.


    O alzado, en contra do sentido unitario da planta, está mais seccionado cun poderoso entaboamento marcando a contundente diferencia entre o muro e a cúpula.
    O muro articulase con 16 columnas de orde xigante con capiteis compostos, distribuídas en grupos de catro para enmarcar o altar maior, as capelas, os nichos a distintas alturas e as portas, impoñen un marcado sentido ascensional. Rematan soportando un entaboamento continuo que segue as ondulacións da planta acentuando o dinamismo deste interior.
    Sobre a cornixa do entaboamento apoian catro bóvedas de cuarto de esfera -de sección elíptica nos lados maiores- e pechinas, para dar paso á gran bóveda de base oval. Todas as bóvedas se adornan con casetóns, con floróns  e un frontón, nas inferiores; a superior, con octógonos, hexágonos e cruces gregas -emblema dos Trinitarios- diminuíndo de tamaño en altura nun xogo de perspectiva que a agranda e eleva.

    A iluminación lógrase por unha lanterna no seu centro e polas catro fiestras na base da cúpula. E todo en branco, sen cor, e en estuco, un material económico.
    Se xa o interior é dunha complexidade xeométrica notable, será na fachada onde Borromini nos deixe unha obra mestra conxugando de novo elementos cóncavos e convexos para crear un movemento continuo que a fai plástica, flexible e pictórica -esixe visión lateral, non só frontal-
    A mesma concepción, como unha arquitectura máis modelada que construída -incluso diríamos coma unha grande cortina a modo de retablo-, orixina que semelle un obxecto, un puro ornato que xurde desde o muro para invadir a rúa -algo, por certo, moi barroco-.
    Organízase en dous pisos divididos polo groso entaboamento que sostén a balconada, e tres corpos verticais -corpos e rúas coma un retablo- marcados pola presencia de columnas de orde xigante. En absoluto existe correspondencia entre esta estrutura externa e o interior, preséntase como unha realidade independente do contido que alberga.
    Toda a superficie se ondula cunha triplo flexión de cóncavo-convexo-cóncavo no corpo inferior e na balconada, ondulación que se transforma no segundo corpo en cóncavo-cóncavo-cóncavo e así se transmite á ó groso entaboamento superior e á balaustrada final.

    Sendo toda a superficie dinámica polo xogo de curvas opostas que crea marcados contrastes de luz, recalca as contraposicións en cada nivel: agora pequenas columnas encadran portas,  fiestras e nichos, uns alintelados e outros en arco de medio punto; se a rúa central é cóncava na piso alto, insire unha especie de templete que se despega en curva coincidente coa balconada.
    E por último, a ornamentación apoia nos elementos arquitectónicos, inclúe relevos ornamentais nos óculos, nos nichos e nos entaboamentos, as estatuas dos santos, a inscrición votiva no friso inferior. Toda a organización estrutural parece dirixir hacia o alto,  desde o edículo de San Carlos Borromeo, a través do templete da balconada ata o poderoso óvalo -un medallón con pintura ó fresco dedicada á Coroación da Virxe María- sostido por anxos que rompe o entaboamento e a balaustrada do coroamento.
    En síntese, unha fachada dinámica e ondulante, teatral, contrastada no xogo de opostos curva-contracurva, oco-baleiro, luminosidade-penumbra. Unha fachada que sen corresponder co interior, responde ós mesmos presupostos arquitectónicos.
    Con esta obra Borromini converteuse nun dos arquitectos claves do Barroco caracterizado pola ruptura coa tradición clásica polo gusto polo desequilibrio, as liñas curvas e a preferencia polo óvalo menos estático que o círculo, o movemento sinuoso, a teatralidade, o exceso decorativo, os xogos lumínicos, … 
    Será moi contestado e desprezado no período seguinte, o neoclasicismo, pero será de novo reivindicado polo movemento modernista, influíndo en autores como Gaudí por exemplo na súa casa Milá ou na varanda da praza do Parque Guell.


    VISITA VIRTUAL


    CURIOSIDADES: PERSONAXE E PERSPECTIVA 
    Francesco Castelli, Borromini, foi un home de espírito inquieto, austero, pouco sociable, hipocondríaco e depresivo, admirador de Miguel Anxo.  Nunca lle chegaron os grandes encargos papais que recibía Bernini, incluso lle gañou no concurso da Fontana dos catro ríos, aínda que non fora convocado. Foron dúas figuras sobranceiras, cada un co seu propio estiolo, que conviviron no tempo e no espacio en permanente rivalidade e enemizade. Morrería a causa da feridas provocadas polo intento de suicidio. El mesmo escribiu: 
    [..]  Cerca de las cinco o seis de la madrugada me desperté y llamé a Francesco para pedirle que encendiera la lámpara. Como se negó dado que no había dormido suficiente, me puse impaciente y pensé cómo hacerme algún daño corporal. Permanecí en este estado hasta cerca de las ocho, cuando recordé que tenía una espada en el respaldo de la cama, que cayó de punta junto a mi cama. Caí sobre ella con tal fuerza que terminé atravesado en el piso. Debido a mi herida comencé a gritar, con lo que Francesco entró rápidamente al cuarto, abrió la ventana, y al verme herido llamó a otros que me ayudaron a recostarme en la cama y quitarme la espada. Así es como resulté herido”.
    Estudioso da perspectiva, na Galería do Palazzo Spada fixo arquitectonicamente un trampantollo xogando coa perspectiva. Estes xogos xa se aplicaban na escena dos teatros para conseguir profundidade (Palladio, Teatro Olímpico de Vicenza). Esta é a obra de Borromini, a galería do Palazzo Spada.
    A simple vista un longo corredor  cunha bóveda de canón que conduce ata un patio onde vemos unha escultura de gran tamaño. Pero a realidade é ben distinta, compara estas dúas fotos
    ¿Que pasou? Pois que o que vemos non é en realidade o que hai. A construción engana os nosos sentidos, forzando a perspectiva: as liñas de fuga aceleradas fan retroceder o punto de fuga Así un pequeno treito, de escasos 9 m, parece de 40, e a gran escultura só mide 80 cm. 
    ¿Como o consegue?. Non deixes de ollar este vídeo

    Tempo despois, Bernini toma a idea para a Scala Regia do Vaticano





    09/06/17

    PALLADIO- VILA CAPRA ou ROTONDA



    CATALOGACIÓN

    Vila pacega no ámbito suburbano construída por Andrea Palladio, arquitecto manierista italiano, entre 1567 e 1570. É a máis famosa da multitude que deseñou Palladio e amosa de forma exemplar as características máis salientables deste grande arquitecto, sobre todo a busca formal dun clasicismo puro. Palladio era un estudoso da antigüidade clásica (ilustrou o famoso libro de Vitrubio) pero tamén un teórico que reflexionou sobre a arquitectura da súa época (redactou e tamén ilustro un libro propio chamado “Quattro libro dell’architettura” en 1570).
    Traballou sobre todo en Vicenza e en Venecia e a súa influencia posiblemente foi a maior de todos os arquitectos do renacemento, abundando na época neoclásica as vilas neopalladianas en Gran Bretaña e nos EEUU. 

    CONTEXTO 

    ( ...) 

    ANÁLISE 

    Como dixemos este famosísimo edificio resume a quintaesencia da teoría arquitectónica de Palladio, sempre en busca da inspiración no mundo clásico pero coa súa particular intervención. 
    A planta clarifica xa os principais valores do edificio: volumes puros, orde, simetría, proporción, harmonía ... 


    Planta dun cadrado perfecto cun patio circular no centro (círculo inscrito  no cadrado, en volume un cubo e un cilindro) a cuxo redor se dispoñen as diferentes dependencias perfectamente simétricas. Pero o cadrado pasa a ser unha cruz grega ó engadir escaleiras en cada lado. En todo caso mantense a planta centralizada.
    Para as fachadas, Palladio optou sempre como aquí, polo modelo dun templo clásico có seu pórtico columnado e o frontón coroando o edificio. Pensaba que os lados menores dos templos clásicos imitaban as fachadas das vivendas desa época e polo tanto quere completar o círculo, usando a fachada dos edificios relixiosos para facer de novo vivendas particulares. O templo era a casa dun deus, pero unha casa ó fin e ó cabo.  Neste caso, as catro fachadas iguais  da pranta nobre constan dun pórtico hexástilo de orde xónica e con frontón, accedendo a ela despois de subir as monumentais escalinatas tal e como sucedía nos templos romanos (non nos gregos). As fachadas tamén están rotadas 45º con respecto ós puntos cardinais para garantir que todas as estancias reciban algo de luz natural. 
    O porche ademais de ter un obxectivo formal, clasicismo, tamén ten unha finalidade práctica xa que dende este porche se teñen unhas inmellorables vistas da propiedade (a villa se constrúe na cima dunha pequena colina polo que este efecto se acentúa), ademais por suposto de protexer do calor do día. 
    En canto ó interior sorprende a meticulosidade do deseño para que o edificio resulte absolutamente simétrico, as medidas de largo, ancho e alto do edificio e de cada unha das estancias se somete a unha fórmula exacta de proporcións. 
    Para rematar outra gran novidade de Palladio é o feito de teitar o patio interior cunha gran cúpula visible dende o exterior do edificio. A cúpula ata este momento era usada exclusivamente para coroar edificios relixiosos (cúpula de Deus: Panteón). Esta vai ser a primeira vez que se utilice unha cúpula nun edificio doméstico. Está inspirada no Panteón, con ese gran óculo central, e a nivel decorativo  pintura de figuras alegóricas da relixión católica, neste caso virtudes como a Relixión, a Castidade,...







      © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

    Subir