22/09/19

RETABLOS


Do latín retro tabularum -tabla que se coloca detrás-, é unha obra que cobre o muro das igrexas por detrás do altar, habitualmente feita en madeira. Semella unha arquitectura na que se combinan escultura e pintura
Constituíron un instrumento fundamental para difundir o dogma dun xeito monumental e teatral (recorda que esta mesma finalidade tívoa a escultura románica).
O seu antecedente está nos antipendios en tela, ou táboa que decoraban o frontal do altar maior ou doutros altares importantes.


Cando a arte gótica substituíu os frescos murais polas grandes fiestras, a pintura pasou a ser sobre táboa e ó temple. Neste novo contexto, os antigos antipendios, pasan á parte posterior do altar como retablos, primeiro como sinxelas táboas que logo se irán complicando ó aumentar o número de paneis (dípticos, trípticos, polípticos), podendo ser ríxidos ou abatibles, ou enriquecendo con materiais preciosos (Pala d’Oro da Catedral de Venecia).
A medida que se fixeron  máis complexos deixaron de ser pezas de mobiliario e ficaron fixos tras do altar polo que acabaron facéndose curvos para adaptarse á ábsida.
A súa semellanza coa arquitectura fai que asuman a mesma estética. Encontraremos retablos góticos, platerescos, manieristas pero sobre todo barrocos.



PARTES

Estruturalmente diferéncianse catro partes de arriba abaixo:
  • ático, coroamento ou cima;
  • corpo, subdividido en rúas e pisos
  • predela ou bancal
  • zócolo, sotobanco ou pedestal
Todo o conxunto se rodea do gardapó ou polsera, un saínte que o protexe.
Pasa o rato sobre a imaxe para ler os nomes das partes
partes retablo


Rúas separadas por entrerrúas (simples soportes arquitectónicos ou formas máis elaboradas) Corpos ou pisos en sentido horizontalCasas cuadrangulares ou rectangulares para as pinturas ou esculturas


ICONOGRAFÍA

  • RÚA CENTRAL, por ser a de maior relevancia acolle a imaxe sagrada a quen se dedica o retablo
  • ÁTICO, no punto culminante adoita representarse o Calvario -a Crucifixión é símbolo de Redención- ou a Trindade. 
  • CASAS: presentan escenas secundarias relacionadas co tema principal, ou outros santos e mártires. Fíxate como neste exemplo procedente do Mosteiro de Sigena (Huesca), Retablo da Virxe do Comendador, o tema principal é a Virxe nai de Deus, polo que os temas das casas narran, momentos da vida de María
casas
  • PREDELA, poden aparecer os comitentes (desde a propia Igrexa ós comitentes privados sexan nobres, cóengos ou burgueses enriquecidos) ou os seus brasóns. Ás veces o comitente está situado a carón da imaxe principal, se volves mirar o retablo anterior verás o Comendador axeonllado á dereita da Virxe -cunha escala xerárquica-.
Retablo dos Reis Magos, Valladolid.
Os donantes axeonllados e acompañados dos seus santos protectores
Retablo Maior, Cartuxa Miraflores
Nos laterais, os donantes: Xoán II e Isabel de Poertugal
Coa heráldica do Reino de Aragón no zócolo
CONSTRUCIÓN
Son unha obra de arte pero tamén exemplifican unha tradición artesanal e un traballo colectivo que comezaba polo contrato entre o artista e o comitente -persoa ou institución-, perfectamente estipulado e firmado ante notario ou escribán, cun deseño totalmente definido en dimensións, materiais, figuras, prezo, formas de pago, .... Unha vez rematado, tasábase a obra para constatar que era acorde ó asinado no contrato.
Anónimo español , século XVIII, traza dun retablo dedicado a San Benito. As condicións aparecen manuscritas no ángulo inferior dereito

Na execución traballaban mestres de moitos oficios e distintos gremios, principalmente do gremio de carpinteiros -ensambladores, entalladores, tallistas-, do de pintores -pintores, douradores, estofadores, encarnadores- e do de escultores e arquitectos, pero tamén ferreiros, canteiros, comerciantes,....
O proceso era longo e complexo.
  • Elaboración do soporte que se ancorará ó muro e construción da estrutura da armazón -as caixas que acollerán as imaxes- 
  • Preparación das táboas que habían quedar perfectamente lisas, sen greta algunha.
  • Talla -ferramentas: gubias, escofinas, limas- dos elementos ornamentais e das esculturas que se van incluir
  • Aplicación  sobre a madeira de varias capas finas de xeso mesturadas con auga e cola, e, se vai haber policromía e dourados  unha capa de arxila vermella moi untuosa -o bol arménico- disolta en cola. O proceso denomínase estucado.
  • Colocación do pan de ouro onde se desexe contar con dourados, labor moi delicada dada  a delgadez das láminas. Xa colocadas, brúñense
  • Finalmente, aplícase a policromía -mesturando pigmento e ovo- e, nas imaxes a carnación. Nos lugares que se precisa ráspanse as capas de pintura  para que asomen os dourados. Esta técnica denomínase estofado (ver vídeo).

Unha vez rematadas as distintas pezas só queda ensamblar o conxunto na forma desexada.
No caso das imaxes escultórica adoitan engadirse postizos para incrementar a sensación de realismo: ollos e bágoas de vidro, dentes de marfil, uñas de asta de touro, pestañas e cabelo de pelo natural, corcho e coiro para as feridas. Por último ornábanse con coroas, telass,...

Volvendo á historia dos retablos, a finais do século XVI por influencia do Escorial a táboa foi substituida polo lenzo, de feito foi O Greco o primeiro en utilizar en España este sistema que xa se empregaba en Venecia.
O mantemento resultaba custoso, habitualmente eran as confradías as encargadas de aportar as remesas de diñeiro obtido a través dos donativos dos fieis.

Retablos da igrexa de San Nicolás de Bari en Pobeña (Bilbao)
En España, tiveron un fondo arraigo como o demostra a súa presencia nos nosos templos, sen embargo o racionalismo dos ilustrados e a súa crítica contra dos excesos barrocos amosouse contrario a estas obras considerandoas do gusto do "populacho", excesivamente custosas e contrarias ó decoro dos templos polo que no 1777 Carlos III firma un documento, redactado polo secretario da Real Academia de San Fernando, prohibindo a realización de retablos, mobiliarios e teitumes de madeira e o dourado dos mesmos, recomendando o emprego de pedra e estuco.
Aínda así seguiron a facerse retablos servíndose de trampatollos arquitectónicos, quadrattura se denominaban no momento, ata que finalmente Carlos IV dictou o decreto de prohibición no 1791
Quadrattura no altar maior da Igrexa de Santa Eulalia de Murcia







18/09/19

KOSUTH, UNHA E TRES CADEIRAS


ARTE CONCEPTUAL






CATALOGACIÓN


Autor: Joseph Kosuth
Arte conceptual
Cronoloxía: 1965
Categoría: escultura
Materia: Fotografía en blanco e negro, cadeira de madeira
Localización: Museo Reina Sofía
Joseph Kosuth (1945-), artista estadounidense formado no campo artístico así como nas disciplinas da filosofía e antropoloxía. O seu traballo abraza as ideas artísticas de Duchamp, pero tamén as teorías dos filósofos Ludwig Wittgenstein (na súa homenaxe titulou as súas obras máis coñecidas como “Investigacións”) e A. J. Ayer.

CONTEXTO


A arte conceptual, coñecida como idea art, information art ou software art, é un movemento artístico no que a conceptualización da obra é máis importante que o obxecto ou a súa representación real. A idea acerca da obra prevalecen sobre os aspectos formais ou sensibles.
O movemento conceptual na arte aparece a finais dos anos 60 con manifestacións moi diversas. A idea principal que subxace en todas elas é que a verdadeira obra de arte non é o obxecto físico producido polo artista, senón que consiste en conceptos e ideas.  Herda un forte compoñente tomado dos ready-made de Marcel Duchamp.
Na arte conceptual, a idea, o concepto, prima sobra a realización material da obra, e o mesmo proceso (notas, bocetos, maquetas, diálogos …) pode ser exposto para mostrar a orixe e desenvolvemento da idea inicial. Outro elemento a resaltar desta tendencia é que require unha maior implicación do espectador non só na forma de percibilo senón coa súa acción e participación.
En definitiva, a arte  conceptual pretendeu demostrar que se podía facer arte sen necesidade de desembocar en cousas (artísticas), que existe experiencia estética sen estar mediada por la obxectualidade. Non se apela ao goce inmediato derivado da contemplación, senón ao xuízo e a contemplación reflexiva.
Desta maneira, a exhibición final da obra carece de valor respecto ao proceso creativo e á elaboración da obra. É esta unha forma de expresión onde os obxectos presentados invitan á estimulación intelectual de quen os observan, destacando na obra de arte esta capacidade de estimulación sensorial. Os medios utilizados para levar a cabo esta tarefa son o texto, a fotografía, e o vídeo, os cales presentan todas as características necesarias para levar a cabo a misión de que a idea tras da obra é máis importante que a obra en sí.
Entre os seus máis importantes representantes atópanse artistas como Joseph Kosuth, Laurence Weiner, Dennis Oppenheim, Walter de María …

ANÁLISE


Obra formada por unha cadeira de madeira, a fotografía da mesma e a ampliación fotográfica da definición da voz “silla” no dicionario. É considerada unha obra emblemática da arte conceptual.
Na obra hai tres cadeiras: a definición dunha cadeira (dereita), a foto dunha cadeira (esquerda) e, por último, a cadeira (no centro).
O artista pon de manifesto que non é necesaria a creación dos obxectos, chega coa definición dos mesmos. A través dun obxecto non artístico como unha cadeira, crea un concepto, unha idea, a idea da cadeira amosándonos o obxecto, a súa representación (fotografía) e a súa definición (texto). É un único elemento ou son tres elementos diferentes?
Ver a cadeira como obxecto fai que irremisiblemente pensemos en Duchamp. A obra de Kosuth remite á descontextualización de obxectos, que tanto desenvolvera Duchamp durante os ano 1913 e 1921 cos seus “ready-made” ou “xa feitos”.
Ante obras como "unha e tres cadeiras" non cabe máis que preguntarse que é a arte, que é o artista, que é o que debe facer, e ata onde todo pode entrar no terreo do artístico. Asistimos así a un traballo autorreflexivo cuxo centro de atención non é o obxecto alí presentado. O foco está na arte mesma.
Todo na obra é un acto de representación – trátase diso- de algo que é inmaterial e que ten moitas formas de manifestarse: a idea da cadeira. Trátase dun intento de aproximarse á totalidade dun concepto mediante multiplicidade de representacións.
Kosuth, a través das súas indagacións nas teorías dos filósofos Wittgenstein e A. J. Ayer, descobre que a realidade atópase na linguaxe, que é o único que permite a posibilidade de coñecer e comunicar a realidade. Desta maneira,  Kosuth aplicou as teorías da linguaxe á arte; as ideas e significados dos obxectos pasaban a formar parte da propia obra, adoptando o paso da apariencia ao concepto e reivindicando o proceso mental para chegar a un resultado artístico, destacando que a arte é moito máis que a presentación de obxectos decorativos.
Unha obra como “Una y tres cadeiras” logra: unir o artístico co lingüístico, xuntar os obxectos coas palabras, articular a imaxe co discurso
Esta obra de Kosuth de 1965 é un exemplo claro da evolución intelectual que sufriu a arte, sobre todo na segunda metade do S.XX. Dende a arte gremial da Idade Media ata o impresionismo, a obra final era a gran protagonista, e a ela asociábase o proceso técnico. Pero coa chegada dos dadaístas, e fundamentalmente, de Marcel Duchamp, empeza o verdadeiro cuestionamento de “que é a arte?.   
O que nos ven dicir Kosuth é que a arte é un estado mental. Tan importante, ou máis, é o proceso intelectual como a plasmación do mesmo. Situar a idea por riba de nocións como beleza ou estilo, intocables ata o século XX, era revolucionario. A Arte, con maiúsculas, é unha forma de pensar o mundo.  
"Soy un artista en una época en la que la filosofía ha muerto"
Joseph Kosuth



CARL ANDRÉ, EQUIVALENTE VIII

MINIMALISMO


-EQUIVALENTE VIII




CATALOGACIÓN


Autor: Carl André
Arte minimal
Cronoloxía: 1966
Categoría: escultura
Localización: Tate Modern
Carl André (1935-), artista estadounidense se adicou fundamentalmente á escultura na arte conceptual, na arte minimalista e no Land art. Usa principalmente materiais industriais (como no caso que nos ocupa ladrillos cerámicos), madeira ou metal, preocupándose sempre pola busca de formas xeométricas perfectas.

CONTEXTO


A arte minimal é un estilo artístico xurdido nos anos 50 nos EEUU vencellado dende un principio á xeometría como obxectivo formal. Deriva directamente do construtivismo ruso e do neoplasticismo. Os artistas deste movemento queren conseguir o maior nivel de abstracción posible polo que se someten a unha xeometría moi pura e simple. Así se reducen os detalles ó máximo (de aí o nome do estilo), apostando pola simplicidade e eliminando os elementos sobrantes. Ademais de formas xeométricas simples tamén empregan cores puras, para conseguir orde e precisión. Hai tamén un desexo de ocultar a man do autor e así as obras soen ter un acabado industrial, impersoal que lles quita calquera aspecto de manualidade. É unha arte na que a obra non quere representar nada, simplemente é. Os obxectos teñen a única finalidade de facernos experimentar como nos afecta a súa presenza, tanto a nos coma ó espacio que habitamos. Outros autores ademais de Carl André son Donald Judd e Sol Lewitt.

ANÁLISE


Estamos diante de 120 ladrillos refractarios dispostos en dúas capas de 10x6 ladrillos. Obra dun escultor que non esculpe, nin talla nin modela, nin funde, toma materiais e os dispón, iso é todo. Nin sequera as monta sobre un pedestal. Mais esas configuracións formais adquiren significado por si mesmas e polo espazo que ocupan obrigando ó espectador a rodealas ou, se o considera, a pisalas.
Esta obra pertence a unha instalación maior chamada Equivalent Series realizada no ano 1966 na Galería Tibor Nagy de New York e que se compoñía de 8 formacións diferentes -sempre da mesma altura- de 120 ladrillos -polo tanto, sempre o mesmo volume-, que superpostos en dúas capas ocupaban todo o espazo da sala e así os espazos baleiros semellaban ser parte indisoluble do conxunto da obra. Entendemos dende este punto de vista o título da obra, xa que cada formación aínda que con distinta configuración ten exactamente a mesma masa, peso e volume, é dicir son equivalentes.
equivalents-installed-at-tibor-de-nagy-nyc-1343261476_org.jpg

André quería xenerar a sensación de horizontalidade extrema que recorda o nivel da auga e o espacio entre as esculturas era tan importante como os ladrillos mesmos polo que é chamativo como é posible que máis tarde se venderan as obras por separado rompendo esta unidade espacial. André solucionouno en parte creando en 1995 unha reprodución desta exposición para devolverlle a unidade á obra.
A compra da obra pola Tate Modern supuxo un pequeno escándalo xa que moita xente cuestionou mercar 120 ladrillos por 2.000 $, pero como pasa habitualmente  có mundo da arte a obra se revalorizou, e hoxe está tasada en torno ós 850.000 $.
A escultura resulta completamente abstracta, claramente concisa, simétrica, premeditada e carente de calquera tipo de efectismo. O artista elaborouna do xeito máis impersoanl posible. André no quere que pensemos que Equivalencia VIII é outra cousa que o que é: 120 ladrillos que forman un rectángulo, pero… si é unha obra de arte, cal é o seu obxectivo? Simplemente ser vista, desfrutada e xulgada en termos exclusivamente estéticos e materiais, polo seu aspecto formal e as sensacións que xenera. Non hai que interpretar a obra, nin hai ningún significado oculto que desvelar, cousa que na miña opinión é moi liberadora. Por unha vez non falta trucos nin coñecementos especializados, só se trata de tomar unha decisión: gústame ou non? A min me gusta!
Will Gompertz: ¿Que estás mirando? 150 años de arte moderno en un abrir y cerrar de ojos. Madrid, Taurus, 2013.

A súa obra causou tanta controversia como o urinario de Duchamp. A prensa satirizou o asunto




Música minimalista: Clapping Music de Steve Reich









MONDRIAN


MONDRIAN - TÁBOA I, CON NEGRO, VERMELLO, AMARELO, AZUL E AZUL PÁLIDO


CATALOGACIÓN


Óleo sobre lenzo en formato vertical de tamaño medio, pintado polo holandés Piet Mondrian en 1921.
Durante a Primeira Guerra mundial, a neutralidade de Holanda fixo posible que aquí se desenvolvera unha nova experiencia vangardista: o Neoplasticismo no que se encadra a presente obra.
Seguramente Piet Mondrian resulta ser a figura máis destacada ademais do principal teórico deste grupo de artistas formado no 1917 en torno da revista De Stijl (O estilo) fundada xuto con Theo von Doesburg, pintor compatriota.

A súa carreira comezou con pintura figurativa de serenos paisaxes, pasando ao cubismo cando se cando se traslada a París. Coa realización das series analíticas como as das Árbores (pon no buscador de imaxes "Mondrian tree"), vai iniciar o camiño da non figuración cunha extremadamente rigorosidade na a súa concepción de abstracción xeométrica. Partindo de que un lenzo, unha superficie plana, non debe conter máis que elementos igualmente planos, rexeitou toda liña curva e admitiu tan só as liñas rectas -verticais e horizontais- cruzándose en ángulos tamén rectos.

Aspiraba a unha arte clara e disciplinada que dalgún xeito reflectira as leis obxectivas da natureza a través das que mostrar as inmutables realidades ocultas tras das formas perecedoiras das aparencias subxectivas.


CONTEXTO


Posiblemente .............
...........só haberá unha arte nova eliminando calquera trazo da arte establecida.

O Neoplasticismo, estilo que se aplica tanto á pintura como a arquitectura ou deseño, é unha arte abstracta caracterizada por formas extraordinariamente sinxelas (planos, figuras xeométricas simples, liñas) e cores primarias. Partindo de investigacións previas, como as cubistas, presenta novas alternativas estéticas á sociedade moderna.
O renovado interese pola estrutura levounos plantear se a pintura non podía converterse nunha especie de construción semellante á arquitectura. Así que se centraron en buscar as relacións matemáticas entre as formas coloreadas para, transcendendo a realidade externa, facer unha arte universal.
Sérvese de formas planas rectangulares e cadradas, rexeita a simetría se ben persegue a harmonía, emprega principalmente as cores primarias, o branco como fondo e o negro para as liñas que delimitan as formas -branco e negro son considerados como non cores-.
Pouco teñen que ver coa abstracción de Kandinsky e a súa vertente emotiva, só os une a non figuración. Sen embargo Mondrian pretende coa súa obra un mundo mellor tras dos horrores da Guerra Mundial. Escribiu:
Só a pura aparencia dos elementos, nunha relación de equilibrio, pode diminuír a traxedia da vida... E entón non necesitaremos estatuas nin cadros porque viviremos dentro da arte feita realidade....E entón, a arte irase retirando da vida a medida que a vida gañe en equilibrio e tranquilidade

ANÁLISE

A obra resulta do interese por estudar e analizar a elementalidade da liña, o plano e as cores fundamentais, eliminando toda referencia á profundidade ou movemento. Todas as obras desta época, entre 1920 e 1940, son moi semellantes, un enreixado de liñas que forman recadros de distintos tamaños e cores elementais, entre os que predomina o branco, fondo e luz.
A esta idea responde a presente obra: formas rectangulares de distintos tamaños; cores planas e puras; os primarios -amarelo, azul e vermello- combinados con azul claro; grosas liñas negras verticais e horizontais coa precisa función de separar as cores para que non se inflúan; liñas que se cortan en ángulos rectos; unha calculada proporción; disposición asimétrica pero equilibrada e harmónica
Coas súas obras demostra que a percepción da cor non cambia pero a súa valoración si o fai coa amplitude da área que cubre e coa súa forma; que dúas zonas de distinta extensión teñen o mesmo valor se está compensada pola cor; que unha proporción perfecta lograse ó equilibrarse formas e cores no plano xeométrico, deixando de ser un mera superficie xeométrica.
É unha arte racional, física e matemática, sen emoción nin sentimentalismos, obxectiva e sen tensións. Algo que a primeira vista resulta tan simple, ten sen embargo detrás todo un proceso mental de múltiples e posibles combinacións sobre as que o artista ha de tomar decisións: a colocación, o tamaño e a cor dos elementos que a compoñen.
O lenzo adquire un efecto monumental pese a escaseza de elementos empregados, e compositivamente plenamente equilibrada en cor, forma e disposición.

Dicía Gombrich: 
Es posible que un cuadro que contenga sólo dos rectángulos pueda causarle al pintor más inquietudes que las que le produjo a un pintor del pasado representar una Virgen. Este último sabía lo que se proponía y tenía una tradición por la que orientarse. Mondrian con dos rectángulos, puede trasladarlos por toda la tela, intentar un número infinito de posibilidades y no saber nunca donde detenerse..


CURIOSIDADES: PRE-MONDRIAN e POST-KANDINSKY
No 1847, Oliver Byrne, matemático e enxeñeiro civil, decidiu publicar un libro no que explicar os contidos dos seis primeiros libros dos Elementos de Euclides dun xeito claro para que fose facilmente comprensible e para iso eran precisas unhas ilustracións perfectamente deseñadas visualmente, antes de que existira o concepto de deseño gráfico. 
No subtítulo do libro xa aclara.
Empréganse diagramas de cor e símbolos no lugar de letras para facilitar a aprendizaxe
O curioso é que, 100 anos antes de Mondrian e os neoplasticistas, os seus diagramas empregan só as cores primarias -vermello, azul e amarelo- ademais do negro
Deseño para o teorema de Pitágoras e cadeira de Gerrit Rietveld
Ilustración de Byrne e lenzo de van Doesburg


Claro que xunto con ese deseño inicial, Byrne presenta todo o desenvolvemento matemático. Abaixo, explicación do teorema de Pitágoras

Variacións sobre Kandinsky: dos círculos ós caramelos Candy e música para acompañar a pintura
Esquerda, Kandinsky, Cadrados con círculos concéntricos; dereita, interpretación de Munguía, Candy-nsky









  © Blogger template 'Solitude' by Ourblogtemplates.com 2008

Subir